COA MORTE DE VARGAS LLOSA RESUCITA O DEBATE SOBRE A SEPARACIÓN entre o autor e a súa obra. Ata que punto a conduta e a ideoloxía dun creador poden ou non invalidar a súa produción. Ou ata que punto a excelencia da súa produción literaria pode darlle ao autor licencia para xustificar actos e discursos democrática e politicamente censurables. Quen defenda esa separación co obxectivo de exaltar, sen nada que a poida poñer en dúbida, a extraordinaria valía literaria da obra do escritor peruano, e ignore por esa razón a súa deriva ideolóxica e o seu activismo político, está facendo o debido ou pola contra está negándolle a Vargas Llosa unha parte substancial da memoria que el mesmo se esforzou en conformar e difundir? Entendo que o segundo. Pasar por alto nas necrolóxicas ese seu proceso de progresiva e radical dereitización que o levou a lexitimar politicamente personaxes, discursos e proxectos involucionistas (a filla do corrupto Fujimori, o negacionista da dictadura chilena Antonio Kast, o brasileiro ultra Bolsonaro, o arxentino da motoserra Milei, entre outros) é fraudulento. Máis aínda se, para disipar esa súa inseparable dobre condición de gran fabulador literario e de intelectual orgánico ao servizo de causas reaccionarias que poñen en risco a democracia, relativizan ese seu condenable comportamento tildándoo en abstracto de polémico. E non. Non foi un mero provocador.
***
O AFFAIRE QUE PROTAGONIZOU O EMPRESARIO SEGISMUNDO GARCÍA ameazando con poñer o futuro de Sargadelos en almoeda quedou nunha rocambolesca performance. A que finalmente resultou ser unha falsa alarma de peche provocou un concerto coral de voces esixindo da Xunta e do hostaleiro millonario de Ribadeo a salvación da emblemática factoría. Acerto pleno. Foi protagonista por un día nas portadas, vai ver cuase amnistiadas as 36 deficiencias que a inspección de Traballo destapou na planta cerámica de Cervo, e ten asegurado que Rueda lle financie as inversións coas que solventalas, para evitar que a plantilla acabe afectada pola silicose que xa padecen dúas operarias. Non é esta a primeira ameaza de peche en falso. Nin será a última. Esa estratexia empresarial, a propia dun xogador de naipes que manexa ao seu antollo normas, crupieres e ata o sheriff (que acaba por facer a vista gorda) no seu saloon particular, estalle dando resultado. Que a repita agora, un día despois de que se abrira solemnemente o “ano de Isaac Díaz Pardo” para realzar o seu legado como artista, editor da memoria, e fundador de Sargadelos, non é só un despropósito. Nin só unha nova afronta contra quen, contra o parecer dos máis próximos, lle facilitou a entrada nese complexo industrial para acabar facéndose co seu control expropiándolle a alma. Foi sobre todo unha calculada posta en escena coa que redondear a operación desnaturalizadora na que está empeñado: borrado o pasado -unha factoría con rostro de país-, de Sargadelos quedará só o negocio, a sombra do que foi. Non lle debería saír gratis.
***
AS DEREITAS ESPAÑOLAS TRONAN CONTRA A REGULACIÓN DE MEDIOS á que se comprometera Sánchez cando anunciou medidas coas que atallar as andanadas de desinformación e bulos que a emponzoñan a democracia. Un dos seus máis inflamados voceiros, o xornalista Gonzalo Bareño, levaba en La Voz de Galicia a auga ao seu muíño con este intencionado titular: “El gobierno prepara cinco leyes para controlar a los medios de comunicación”. Xa o denunciara a voz en grito no Congreso o seu líder, Feijóo, acusando a Sánchez de pretender a doma e castración que el aplicou nos seus 14 anos de goberno, e antes con Fraga e Romay, sobre os medios de comunicación galegos. Porén, por moito que releo a descripción que o xornalista madrileño fai do borrador lexislativo, non atopo nada que non teña o respaldo da lei europea de medios que tamén aprobaron os eurodeputados do PP en Bruxelas. Nada que faga saltar alertas. De entrada, a normativa avanza en garantir o dereito que a cidadanía ten a que os medios actúen sempre ao servizo da verdade. Bareño e LVG, en sintonía con Feijóo e o PP, urden pois a causa do control gobernamental para desactivar a idea dunha regulación que poña en evidencia e dificulte a tóxica complicidade existente entre políticos e medios. Porque produce monstrosidades informativas. Como a da impactante portada que o diario El Mundo publicou meses atrás, sen probas e facéndose fiador das declaracións dun delincuente revanchista, na que ministros e líderes socialistas conformaban a orla dunha suposta “corrupción integral” que, tras ser investigada, acabou arquivándoa o Supremo por non ver nela “o máis mínimo indicio” de veracidade. Pese a todo, o citado diario, que milita no ayusismo, aínda non rectificou esa inmundicia xornalística. Unha das leises anunciadas obrigaríallo a facer en tempo e forma (cos mesmos alardes gráficos e tipográficos). E con fortes indemnizacións.