A CARMEN POMAR, EXCONSELLEIRA DE EDUCACIÓN, TOCOULLE O MARRÓN de ter que defender no Parlamento unha lei de medios que fai da TVG e da Radio Galega un abrevadeiro partidario. Tendo como ten vocación universitaria, verse no brete de xustificar o inxustificable -que o PP asegura con esta lei a independencia e o futuro dos nosos medios públicos-, é para tentar mexar e non botar gota. Utilizar o consabido recurso ao ti máis, como fixo sacando da neveira a gobernanza radiotelevisiva do goberno bipartito e a da actual CRTVE, é un argumentario de mal pagadora. Se a do binomio Touriño/Quintana en Galicia e a de Sánchez no Estado son o antimodelo, a que vén a súa defensa a ultranza dunha lei que o rebasa en capacidade destrutiva? O articulado imposto pola maioría absoluta do grupo popular lexitima que os nosos medios públicos renuncien definitivamente ao seu potencial democratizador, e sigan facendo do servilismo gobernamental e partidario a súa norma de conduta. Nin sombra vai quedar da súa condición fundacional de activadores de cidadanía e galeguidade. O presidente Rueda e a deputada Pomar van ter que arremangarse cando os sometan a xuizo por incumprir de arriba abaixo con esa lei a normativa europea que entrará en vigor este mesmo ano. Antes terá que producirse a denuncia cívica que o provoque. Activarémola? Non cabe outra.
***
O SAÚDO NAZI MENTRES CANTAN O CARA AL SOL sáelles gratis total aos falanxistas que se deixaron escoitar -moi desafinados, é certo- no centro urbano de Valladolid. Non foi unha excepción. As algaradas violentas e diarias que ultras de toda condición protagonizaron diante da sede socialista de Ferraz, televisadas en directo á maneira dun intenso e provocador thriller político, gozaron do incomprensible absentismo policial e xudicial. Sábense a salvo, porque contan coa probada complicidade de moitos policías jusapolianos, cos maxistrados e maxistradas de abolengo franquista, coa reata mediática e xornalística que lles dá cancha, e cos defensores a viva voz da ditadura no Congreso. Cáganse na lei de memoria democrática, e non hai autoridade que se atreva a paralos en seco. En cambio, hai catro mozos antifascistas que levan 350 días no cárcere por manifestarse contra a extrema dereita, e por rapear poñendo a caldo a Coroa, Pablo Hasel leva preso catro anos no penal leridano de Ponent. Cando o detivo a policía, unha chea de personalidades (Serrat, Almodóvar, Bardem, entre outros) denunciaron nun manifesto a vulneración do dereito de expresión, así como a restricción da liberdade artística e ideolóxica que iso supoñía. Pero axiña quedou no olvido. Tivo que ser a afamada revista Rolling Stone (420.000 exemplares de tirada) a que, dándolle portada, reactualizase esa anomalía, unha máis, como a de Zaragoza, amparadas pola aínda incomprensiblemente vixente Lei Mordaza. Debera caérsenos a cara de vergoña.
***
ATRAGANTÓUSELLE A ISABEL DÍAZ AYUSO O 7.291, e non é para menos. Son os mortos pola COVID aos que se lles negou atención hospitalaria na provincia de Madrid. Cinco anos despois, a presidenta dos madrileños sufre o tormento doutra noite dos mortos viventes, a película de terror que tanto alterou no seu momento a conciencia emocional dos espectadores. De pouco lle vai servir, como sucede no filme, esconderse na granxa/real Casa de Correos de Sol e desde ese burladeiro institucional botarlle os mortos á cara de Sánchez. Os chamados protocolos da vergoña son a proba irrefutable dunha política de resonancia euxenésica (a escolla dos máis vellos e vulnerables, seica porque “ían morrer igual”) que nin ela nin MAR, o goebbeliano que a azuza con fakes polo pinganillo, poderán borrar. Que a Fundación Sargadelos lle ofrecera púlpito en Ribadeo para, convertíndoa en sacerdotisa do pobo, darlle a oportunidade de se reivindicar como vítima do invento (sic) dos 7.291 mortos, non só é macelante para o pretixio da marca que Isaac Díaz Pardo modelou canda Luís Seoane e sostivo ata que o destituíron e desterraron con malas artes, tamén é moralmente obsceno. Que nun Foro montado para “fomentar el diálogo y la tolerancia” participen como estrelas contratadas a trumpista Ayuso ou os expresidiarios Rodrigo Rato e Mario Conde, xustifica esa descualificación moral. Igual que vén de facer un galerista na parede do seu stand de ARCO, Isaac tería estampado ese acusador 7.291 nun dos seus pratos azul cobalto. Por coherencia: nunca deixou de consubstanciar arte (a do ADN de Sargadelos) e compromiso coa verdade.