TRUMP, QUE VIVE DÍAS DE CAMARADERÍA CON PUTIN, despachouse a gusto contra Zelenski. Considérao un estorbo para recuperar en terras raras as millonadas de dólares USA que o presidente ucraíno administrou en tres anos de guerra. E quere desfacerse del canto antes. Téntao botando man da súa maquinaria favorita: a das posverdades. Para crear unha realidade alternativa coa que asegurar o negocio dunha paz inxusta. Na cociña da paz, Trump e Putin repártense o máis valioso de Ucraína, e déixanlle a Europa a factura da reconstrución. E o que verdadeiramente lle importa: coa pinza rusa debilita a alianza do Kremlin con Pekín. Non se esqueza que é no Indo-Pacífico onde o estadounidense, e con el a súa cuadrilla de millonarios tecnoautócratas, ten postos todos os focos ofensivos e defensivos. O de Ucraína é só un pesadelo, e require dunha urxente e invasiva cirurxía. Empezando por colgar na praza pública a cabeza de Zelenski. Como di o refraneiro popular, mal paga o diaño a quen lle serve. Págallo, en efecto, botándolle enriba todos os mortos que, en boa lóxica, terían que estar compartidos. Certo que o ucraíno é o dirixente que máis e mellor se acomodou en Europa á estratexia xeopolítica da Casa Branca e o Pentágono. Pero non o é menos que de ditadores, belicistas, corruptos e comediantes metidos en camisas de once varas saben uns e outros un montón. Trump tamén labrou a súa imaxe pública de cómico sendo o rei dos cameos na ultraconservadora Fox News.
PARA O HOME DOS TRONOS QUE TEN FEIJÓO NO PP, os libros son unha mala tentación. Por iso fixo para con eles voto de castidade. Renuncia absoluta, confesou. Miguel Tellado quere manterse célibe de letras e ideas para unha entrega a cegas á causa do seu amado líder: a da morte ao perrosanchismo. De deixarse contaminar polas lecturas, o seu discurso mañaneiro no Congreso ou na cova radiofónica de Jiménez Losantos perdería o ácido clorhídrico das intoxicacións. E sen elas, hai sanchismo para rato. Ademais, quere ser feliz. E ten moi claro, como sostén o goberno daquel novelado Fahrenheit 451, que ler impide a felicidade e enche á xente de desasosego. Aínda non esixiu a prohibición que Ray Bradbury describe na súa obra, nin se atreve a emular ao protagonista ofrecéndose como bombeiro para queimar os libros existentes. Pero todo se andará. É o primeiro que fixeron os golpistas do 36 nas prazas públicas das cidades conquistadas. A coruñesa de María Pita, entre elas. O seu coaligado Abascal soña con elo. Netanyahu, de quen PP e VOX son admiradores, vén de ensinarlles o camiño: a súa policía entrou en tromba na recoñecida Libraría Educativa aberta na principal vía comercial de Xerusalén Leste, secuestrou ducias de libros ‘incitantes’ e xa que logo, perigosos, e levou presos aos libreiros. Seco de ideas, Tellado aplaude coas orellas.
COMUNICACIÓN, PROPAGANDA E FRAUDE POLÍTICO. Andan os da Xunta co pé no acelerador para tapar algunhas das súas máis sonadas vergonzas. Rueda e o PP xogan á ruleta rusa poñéndolle a huevo aos de Altri a colonización celulósica da Ulla. E para contrarrestar o informe crítico que un grupo de científicos redactou para o Consello de Cultura, filtraron ao seu xornal de cabeceira, La Voz de Galicia, outro de obediencia debida, e xa que logo de dubidoso valor: a entidade pública Augas de Galicia que o asina ten como presidenta á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez Mourelle. O conselleiro de Cultura e Lingua, Xosé López Campos, xa non sabe como darlle a volta ao calcetín da lingua para que as sudoracións que amagan o seu deterioro non acaben con el no almacén de cousas perdidas. E con el, a estrafalaria teoría do bilingüismo cordial. Para contrarrestar a enquisa do Instituto Galego de Estatística (10.000 entrevistas) que oficializa esa ameaza, encárgalle á empresa demoscópica do mesmo xornal diario outra sondaxe ad hoc, teledirixida e de piñón fixo, con 1.200 entrevistas. Do cociñado extraen o slogan “non hai discriminación idiomática”. Urra polo decreto que deixa no limbo da lingua ás xeracións máis novas e prohibe que nos institutos se impartan con ela as materias científicas! Comunicación política? Non. Pura e fraudulenta propaganda. Que chegou ao ridículo coa entrevista pagada (18.000 euros) que os medios de La Región lle fixeron ao conselleiro ¿de medio rural?, non, do Mar. Para xustificar semellante e denunciable compravenda xornalística, só faltou que actualizasen a promesa daquel gobernador civil empeñado en facer navegable o Miño para que Ourense asomase ao mar.