Unha factoría de silencios

| Notas de paso

Ante as demandas sociais e o malestar cidadá, a política da indiferenza do PPdeG mobiliza silencios, despolitización e opacidade. A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, institucionalizada sobre as ruínas da credibilidade informativa da CRTVG, é, ao mesmo tempo, un mercado privatizado ao servizo do clúster das empresas audiovisuais da Coalición Inmobilista e unha industria de ficcións propagandísticas e… silencios.

Este dispositivo de consentimento pasivo opera tamén nas redaccións e consellos de administración dos medios amigos e, máis alá, nas institucións de representación política. A factoría de silencio réstalle aos cidadáns e cidadás a posibilidade de expresarse e de actuar democraticamente, desactiva a participación e fomenta a despolitización.

O uso fraudulento da Lei de acompañamento é un instrumento máis da estratexia de desparlamentarización que o executivo do PPdeG desprega desde a chegada de Rueda á presidencia da Xunta.

Todo silenciamento é unha forma de opresión e exclusión. Un dos compromisos nucleares da democracia é procurar que todo cidadán teña voz nas políticas públicas que incumben á súa vida. En sentido contrario mobilízase o iliberalismo, no que se acantoa o PPdeG, ao investir en silenciamento político e a proscrición do disenso, avivecendo o devalo autoritario da nosa malpocada convivencia e institucións democráticas.

Arbitrariedade

A maioría absoluta do Partido Popular no Parlamento de Galicia garántelle ao Executivo de Alfonso Rueda a indolora aprobación dos Orzamentos de 2026. E o uso arbitrario da Lei de acompañamento dos presupostos para afrouxar controis sobre o labor gobernamental. Oficialmente denominada Lei de medidas fiscais e administrativas, a súa bondadosa misión é contribuír a unha maior eficacia e eficiencia na execución do programa de goberno concretado nos orzamentos. Formalmente inclúe cambios lexislativos e normativos para mellorar o funcionamento da administración e a execución das políticas públicas, xunto con medidas de carácter fiscal (exencións, novas taxas etc).

A Lei de acompañamento, formatada como unha lei ómnibus, permite a modificación de múltiples políticas sectoriais dun xeito discrecional e caprichoso. Serve para camuflar decisións políticas e mudanzas normativas abertamente impopulares e controvertidas que, de presentarse como un proxecto de lei singularizado, podería ocasionar unha erosión maior no partido de goberno.

Cómpre lembrar que o Goberno de PSdeG e BNG non fixo uso da Lei de acompañamento na tramitación dos seus orzamentos. Sería vigorosamente recuperada por Núñez Feijóo en 2010 e intensivamente usada desde aquela, tamén polo seu epígono.

O uso fraudulento da Lei de acompañamento é un instrumento máis da estratexia de desparlamentarización que o executivo do PPdeG desprega desde a chegada de Rueda á presidencia da Xunta. Cóutase e entorpécese así o control da oposición, fúrtase o debate político e permite aprobar reformas de calado sen apenas escrutinio crítico e publicidade.

Opacidade

No totum revolutum que acompaña aos Orzamentos de 2026 salienta o cambio normativo polo que se retira á Valedora do Pobo o control da Lei de Transparencia para trasladarllo ao Consello Consultivo de Galicia. A Comisión da Transparencia, adscrita á Valedoría do Pobo, estaba presidida pola Valedora e composta por outros cinco membros: a adxunta á Valedora e representantes da Xunta, o Consello Consultivo, o Consello de Contas e a FEGAMP. Coa reforma, pasará a estar adscrita ao Consello Consultivo, será dirixida polo seu presidente e farán parte dela outras catro persoas: un letrado do Consello Consultivo e representantes da Xunta, do Consello de Contas e da FEGAMP.

A Valedoría do Pobo é unha institución incómoda para o Executivo, mais non pode dicirse que sexa especialmente crítica coa Xunta, pero o Consello Consultivo é un órgano aínda moito máis manso. Nos seus informes, a Valedora ten subliñado a falta de medidas sancionadoras diante dos incumprimentos da Administración autonómica e o uso abusivo do silencio administrativo negativo. Nos dous últimos anos a Xunta fixo norma de non responder as solicitudes de acceso á información garantido pola Lei de Transparencia. O silencio administrativo negativo pasou do 4 % ao 25 % des que Rueda é presidente da Xunta.

Despolitizar

Que relación ten este cambio normativo co obxectivo de garantir unha maior eficacia e eficiencia na execución dos orzamentos? Ningunha. É, simplemente, unha medida máis de autoprotección da Xunta, unha blindaxe complementaria da estratexia de silenciamento de toda crítica e a invisibilización da fraqueza da súa acción de goberno.

Como sinala Eva Meijer en No es indiferecia. Sobre los silencios políticos (2025), as mobilizacións de protesta son o recurso co que contan os cidadáns e as organizacións, que non teñen potencia mediática de grande alcance, para facer oír á súa voz. En democracia, a protesta é un medio fundamental para que a axenda cidadá desatendida se poida converter en axenda política. Anota Meijer: «Ter unha voz política non só significa poder participar en asuntos políticos, senón tamén introducir novas cuestións de interese». Ampliar a axenda é ampliar a democracia.

O goberno de Rueda é de pel fina. Non tolera a (menor) crítica. Incomódalle o escrutinio cidadán. Detesta a transparencia. Aborrece a rendición de contas. Co silencio administrativo e o silenciamento mediatico achica o campo da política e dos dereitos de cidadanía. A resposta rutineira da Xunta é desautorizar aos promotores das protestas por «politizar». Teima, así, en acalar todo malestar ou desconformidade cidadá. Silenciadas, as demandas deixan de ser recoñecidas como problemas políticos. Unha Galicia silente é o proxecto de futuro que ofrece o PPdeG. A súa maioría absoluta permítelles negar toda posibilidade dunha democracia deliberativa na que argumentar, convencer e transaccionar ocupen o lugar do silencio.