Vox, inimigo ás portas

| Notas de paso

Tras o fracaso e a disolución de Fuerza Nueva en 1982 e durante máis de tres décadas aplaudiuse, con satisfacción, a excepcionalidade do Estado español por non existiren forzas de extrema dereita con representación parlamentaria. Celebrábase, así, un dos máis destacados milagres da Transición: a acomodación transformista de vedraños franquistas no seo da dereita constitucional, aniñados, xunto con conservadores, liberais e democristiáns, en Alianza Popular e, despois de 1989, no PP.  

A excepcionalidade deixou de ser en decembro de 2018 ao sumar Vox 400.000 votos e unha ducia de deputados nas autonómicas andaluzas. Nas xerais de abril de 2019 obtivo 24 escanos e preto de 2.700.000 votos. En novembro dese ano logrou 52 deputados e case 3.700.000 votos. En 2023, malia perder 19 escanos, revalidou como terceira forza política. Arestora, enrola 33 deputados nas Cortes e 3 senadores, 6 eurodeputados e case 140 parlamentarios autonómicos. 

A excepcionalidade galega 

Galicia é, agora, a excepción, a única comunidade na que Vox non ten presenza institucional: cero deputados, cero representantes en Cortes e cero concelleiros. Nas  xerais de 2023 Vox recibiu 80.000 votos galegos (4,8 %). Catro anos antes foran 116.000 (7,8 %). Nas autonómicas en febreiro de 2024 logrou 32.493 votos (2,2 %) e nas europeas de xuño atinxiu 48.223 (4,32 %). A maior concentración do voto de Vox certifícase, en cada tirada, no eixo atlántico e nas sete cidades. 

Lograr ese deputado por Pontevedra multiplicará as posibilidades de Vox para ocupar praza no pazo do Hórreo. Están ás portas. 

Rarean as prospectivas electorais de Vox en Galicia, mais o último barómetro de Sondaxe para La Voz de Galicia estima que o partido de Abascal rabuñaría, nunhas autonómicas, o 4,7 % por Pontevedra e o 4,4% pola Coruña, ficando por debaixo da barreira do 5% que permite entrar na repartición de escanos. As perspectivas para as eleccións xerais son máis favorables: melloraría os resultados de 2023, superaría o 7,5 % nas provincias de Coruña, Lugo e Ourense, e, en Pontevedra, acadaría o 9,2 % a moi poucos votos de obter un escano que lle disputaría co PPdeG. Lograr ese deputado por Pontevedra multiplicará as posibilidades de Vox para ocupar praza no pazo do Hórreo. Están ás portas. 

Un ciclo electoral favorable 

Vox recuperouse dos malos resultados de 2023 grazas ao empuxe da vaga ultraconservadora que abaneou Europa, Estados Unidos e América Latina no bienio 2024-2025. A consolidación de Meloni, os éxitos do PVV de Wilders nos Países Baixos, do FPÖ en Austria, de LePen ou de Chega en Portugal; as rotundas vitorias de Milei e Kats; e, por riba de todo, o retorno de Trump á Casa Branca crearon un clima de adhesión aos valores da extrema dereita populista que permitiu a súa vigorosa recuperación. O devalo do electorado cara a posicións máis ultras e o seu calado entre os votantes máis novos sostén o avance de Vox.  

O ciclo electoral autonómico deseñado por Feijóo para erosionar o PSOE tivo como efecto colateral notables avances de Vox en Estremadura (+ 8,8 puntos ata acadar o 16,9% dos votos) e Aragón (+6,6 puntos e un 17,8%), e súa consolidación Castela-León (+1,3 puntos e o 18,92% dos sufraxios). Sen acadar o PP as desexadas maiorías absolutas, fortaleceuse o papel de Vox para validar as presidencias de Guardiola, Azcón e Mañueco. En Andalucía, as sondaxes apuntan unha recuada do PP que impediría unha nova maioría absoluta de Moreno Bonilla. Vox subiría con forza de 14 a 21 parlamentarios que serían determinantes para garantir a futura gobernabilidade.   

A vaga ultraconservadora global evidencia xa algúns signos de esgotamento (derrota de Meloni no referendo, o fracaso municipal de Le Pen, desmellora nas sondaxes de Orbán…). Ao tempo, entre os europeos, a popularidade de Trump cifra mínimos e a guerra en Oriente Próximo avivece a mobilización dos progresistas e comeza a afastar a mocidade das alternativas da dereita rupturista. Asemade, enfronta Vox denuncias de corrupción, abrollan as críticas a Abascal polo seu apoderamento e enriquecemento familiar, e un gravoso cisma pola purga do núcleo fundacional de Vox desmellora a súa imaxe de partido. Con todo, a súa forza incercial é poderosa. Unha eventual maioría parlamentaria alternativa contará cunha presenza e influencia reforzada de Vox. Medrará o seu peso na coalición antisanchista e o seu programa de dereita rupturista pauta a axenda pública e as políticas de Feijóo agora mesmo.   

Un partido inexistente?  

Vox adoece de organización e liderados recoñecidos en Galicia. Como Agilulfo, o cabaleiro inexistente de Italo Calvino, é unha armadura baleira, pero non por iso deixa de ser actuante e influír na sociedade galega. Botando man da metáfora de Zygmunt Bauman, Vox non existe como forma sólida, pero si como realidade líquida e gasosa. Líquida cunha presenza viralizada en redes sociais e grupos de whatstapp e cunha circulación —máis ou menos branqueada— nos medios de comunicación convencionais. Gasosa como un código político autoritario que enchoupa, cada vez con máis calado, a cultura política conservadora dominante en Galicia.  

Gaña peso o nativismo e a defensa dun welfare chauvinista para cinguir a protección social aos propios, excluíndo os outros, sexan migrantes ou cidadáns precarizados ou pobres. Medran as políticas de odio e exclusión. Impúgnanse os avances igualitarios. Criminalízase a diversidade. Desprézase a substancia democrática do autogoberno galego… Vox existe, entre nós, en estado gasoso como a expresión máis radicalizada  dun conservadorismo fronteirizo cun neofascismo temperado. Existe como unha realidade líquida que marca a voga do argumentario contencioso do PPdeG. Quen preste atención á comunicación política da súa secretaria xeral, Paula Prado, atopará abondosas razóns para dubidar de que Vox sexa un partido inexistente na nosa comunidade e, mesmo, para comezar a considerar se o PPdeG non é o exoesqueleto que dá soporte ao ideario basal de Vox en Galicia. 

Foto de apertura xerada con IA