En 2026 fará 125 anos des que se publicou Oligarquía e caciquismo de Joaquín Costa. Desde entón a promesa rexeneracionista foi un dos elementos centrais dos programas reformistas. Tamén fixo parte dalgunhas das revolucións desde arriba conservadoras, impulsadas para evitar unha revolución desde abaixo, e, mesmo, das apelación autoritarias sobre a necesidade de «cirurxiáns de aceiro» para acabar cos males do Estado e a sociedade española. Cando o 15-M, o rexeneracionismo compuxo unha oferta branda fronte á democracia radical reivindicada nas prazas. Animou, despois, a oposición ao Executivo de Mariano Rajoy colapsado pola corrupción e foi materia prima crítica da moción de censura e un compromiso do bloque de investidura de Pedro Sánchez en 2018, 2020 e 2023. Tras as xornadas de reflexión, entre o 24 e o 28 de abril de 2024, Sánchez rompeu o seu silencio para anunciar un punto e á parte e prometeu, outra volta, rexeneración democrática e avances en dereitos e liberdades. Desde aquela, poucos avances, mínimos e dunares. Arestora, o balance é paupérrimo.
Viva Pedro Sánchez, abaixo o mal partido?
A comezos de decembro, a revista italiana L’Expresso elixiu a Sánchez como o persoeiro de 2025 por representar unha alternativa política progresista nunha Europa abaneada pola emerxencia de movementos reaccionarios. En España, aínda que magoado, o prestixio de Sánchez é superior ao crédito do PSOE. Conta coa simpatía e unha adhesión que excede aos militantes e electores do partido. As especulacións sobre a necesidade de relevar a Sánchez na secretaría xeral para salvar o PSOE como partido fundamental do sistema e propiciar unha Gran Coalición co Partido Popular baten cun feito testán: Sánchez é o principal activo político e electoral dos socialistas, ningún outro dirixente pode garantir que a remuda do seu liderado non conduza á pasokización do PSOE.
Jónatham Moriche, un dos máis activos creadores de opinión en X e editorialista de La Zona (posiblemente o mellor pódcast de reflexión política da espazo progresista), saudou a investidura de Sánchez en 2018 cun artigo, en El Salto, que titulou «Non podemos conformarnos con Sánchez». Días pasados, nun dos momentos politicamente máis comprometidos do líder do Partido Socialista, Moriche sentenciaba: «Pedro Sánchez é o mellor presidente que tivo España desde a restauración da nosa democracia e hoxe o mellor gobernante e máis importante condutor político progresista do bloque occidental. Toda argumentación que non parta de aí non é senón ruído, parvada e miseria. Fin.» Sánchez é indiscutiblemente o pau de palleiro que sostén o bloque cidadán progresista.
Unha boa parte dos motíns e rebelións populares do século XVIII fixéronse ao berro de «Viva El-Rei! Abaixo o mal goberno!». Aínda conmocionada polo caso Koldo-Abalos-Cerdán e as denuncias por acoso sexual, laboral e abuso de poder (Salazar, Tomé Roca…), hai unha numerosa fracción da cidadanía progresista amotinada, cando menos nas redes sociais, que dá vivas a Sánchez, exculpa ao seu Goberno e denuncia as carencias, fraquezas e falta de coherencia do PSOE. Viva Pedro! Abaixo o mal partido!
O tempo da promesa
O pouso que deixa esta reacción de indignación é que o problema está no partido, non o presidente, tampouco no Goberno Progresista. Tamén é certo que, en boa medida, a adhesión presidencialista se estea na crenza de que hai que evitar «tirar o neno coa auga sucia». Con todo, o incumprimento da promesa rexeneracionista está a erosionar severamente a credibilidade de Sánchez no seu socio de goberno, nos aliados da investidura e, por cabo, entre electores e militantes do Partido Socialista.
Os catastróficos resultados do PSOE en Estremadura certifican a ineficacia mobilizadora dos relatos artellados ao redor do medo perante o avance da ultradereita ou da dependencia gobernamental do Partido Popular respecto de Vox. Os relatos de contraposición son insuficientes.
Por máis que os estrategos de Moncloa insistan na evolución positiva da economía española, nada indica que iso sexa determinante para fixar as preferencias electorais nos próximos tempos. Os cidadáns adoitan valorar o que «o Goberno lles pon no prato» e a bonanza macroeconómica ten unha pobre concreción na mellora das condicións de vida dunha boa parte da poboación. Quizais non sexa a economía a trabe mestra que sosteña o que resta desta lexislatura. Si, corrixir o divorcio entre os valores igualitarios proclamados e a praxe ordinaria. Tamén, confirmar políticas antiausteritarias e soster servizos públicos como garantía de solidariedade e xustiza social. E, sobre todo, materializar a promesa de rexeneración democrática que sinala unha axenda moito máis atractiva para lograr a mobilización cidadá fronte á vaga autoritaria e unha opinión pública que bascula cada vez máis cara á ultradereita.
En El poder de la mentira (2025), Joan Julibert advírtenos de que «os discursos non se conforman a partir dunha avaliación exhaustiva dos feitos, senón dunha valoración que se fai deles. Por iso na retórica política a verdade non é tan importante como a capacidade que teñamos á hora de deseñar relatos que conformen un sentido de aparencia razoable e aceptable». Os catastróficos resultados do PSOE en Estremadura certifican a ineficacia mobilizadora dos relatos artellados ao redor do medo perante o avance da ultradereita ou da dependencia gobernamental do Partido Popular respecto de Vox. Os relatos de contraposición son insuficientes. Son urxentes e imprescindibles relatos de construción. E, no que lle toca, o relato da rexeneración do PSOE, hoxe, non é máis que un almacén de palabras baleiras. Para evitar que remate por converterse nunha bandeira en mans da dereita e a ultradereita, a promesa da rexeneración democrática non pode ser un discurso, debe ser unha acción contundente, decidida e radical. Os xogos de palabras serán unicamente un anticipo de peores e máis dolorosas derrotas. Hai que tirar a auga sucia.





