De reis pasmados e de espías asombrosos

| Notas de paso

As guerras culturais e a creación de imaxinarios políticos son para o verán. O Partido Popular insiste en que España vai camiño de ser un Estado fracasado. O ruído informativo dos medios (ultra)conservadores agranda a imaxe da debilidade do Goberno. Son sabedores de que a inseguridade e a fraxilidade biopolítica convocan sempre solucións autoritarias. Hai vontade de desestabilización máis que inestabilidade, pero devagar vai callando un estado de conmoción, e institucións e cidadáns son abaneados por episodios nos que todo o sólido parece esvaecer no aire, sexa por un selfie imprudente ou unha abraiante ameaza de espionaxe. 

A fotografía do rei

A política do selfie está gobernada polo Diaño. Na toma de posesión de Abelardo de la Espriella, Filipe VI posou nunha fotografía co ultradereitista Javier Negre, director de Estado de Alarma TV e traficante de desinformación e loiadas. O 10 de agosto, Negre difundiu a imaxe cunha mínima mensaxe: «Un pracer volver coincidir coa súa maxestade o rei Filipe VI». Unha incómoda imaxe. Negre ten destacado por ser un feroz crítico da raíña Letizia e é un dos máis activos propagandistas en contra da (suposta) existencia dunha coroa dual en España: cunha Raíña Vermella, «entregada ao sanchismo», e un Rei Azul (ou case Verde-Vox), devoto do Partido da Orde.

Na Transición enxalzouse sen medida o «papel moderador da Coroa». Co desprestixio de Xoán Carlos I desapareceu dos medios. O discurso de Filipe VI, do 3 de outubro de 2017, avalando a suspensión do autogoberno catalán, liquidou de vez o «papel moderador». O discurso non foi nin moderado, nin arbitral, nin integrador; foi o torpe espasmo dun monarca autoritario.

No actual teatro de crispación, o bloque das dereitas anhela o rei do 3 de outubro con funcións arbitrarias e de bloqueo. O progresismo moderado suspira por unha Coroa con funcións simbólicas e entregada a un soft power con vocación integradora. O republicanismo hiberna nas marxes, á esquerda do PSOE e no desinterese cidadán pola institución rexia.

A foto do dueto en Cali estragou a laboriosa enxeñaría iniciada tras o relevo de Xoán Carlos I para resignificar democraticamente a Casa Real. O seu obxectivo era protexela cunha blindaxe de indulxencia e impunidade baixo o principio de irresponsabilidade que garanta que o Rei non responda política e xuridicamente dos seus actos.

A fraxilidade da Coroa ficou ao descuberto cando un cualificado dirixente do PSOE e do Goberno, Óscar Puente, fixo unha crítica directa á Casa Real. Sinalou o infeliz retrato real con Negre como unha ignominia e un erro grave, só útil para branquear un voceiro ultra e un profesional da trola e a difamación.

A esquerda dinástica trazou unha inédita liña vermella ao monarca e deixou en claro, por vez primeira, que a Coroa, sen o sostén do PSOE, é unha institución cambaleante e débil. A monarquía española non precisa dun vigoroso republicanismo para caer, abonda cos erros dun rei pexado polas súas soberbias autoritarias. 

Xogo de espías

«Aquí todo é tranquilo e pacífico, o aire é limpo, hai numerosos xardíns e, neles, os reiseñores e os espías asexan entre as sebes.» A bucólica estampa de Maxim Gorki podería abrir os informes do CNI e de Defensa sobre a ameaza á seguridade nacional que aniña na planta de SAIC Motor de Ferrol.

O 10 de agosto, El Mundo e El País destilaron informes da intelixencia do Estado que advertían do risco de espionaxe que supón a presenza da empresa chinesa no porto exterior, preto do Arsenal Militar e dos estaleiros de Navantia: ciberespionaxe, interceptación de sinais, control do tráfico de buques e espionaxe industrial.

En maio El País publicou xa unha ampla reportaxe dedicada á «estratexia de infiltración masiva» de China na UE e aos seus obxectivos de intelixencia: antes interesados en secretos militares e diplomáticos e, arestora, máis centrados nas innovacións tecnolóxicas, infraestruturas críticas, tomas de decisións políticas e as redes de disidentes chineses.

Un efecto colateral da Globalización foi que a espionaxe se tornou igualmente global. Por razóns (xeo)políticas e económicas, espíase os competidores e adversarios, os inimigos declarados, tamén os aliados e os dubidosos países amigos, os cidadáns desconformes e, mesmo, os leais para certificar a súa lealdade. Gobernos e empresas espían e son espiados. Unicamente os cidadáns son espiados e non espían.

Con todo, como sinalou a dramaturga Shelagh Delaney «non hai suficientes segredos para todos e algúns espías teñen que inventalos para gañarse a vida». As axencias de seguridade nacional trafican desde hai tempo con novos produtos: as ameazas (reais, potenciais ou imaxinarias) e un variado catálogo de conspiracións (propias, alleas e de falsa bandeira).

Rueda quedou só na defensa do proxecto de SAIC. O seu único aliado foi o Goberno de Sánchez.

A información de El Mundo e El País descolocou a Xunta de Galicia —o proxecto de SAIC é o maior (e case único) éxito da política industrial de Rueda— e incomodou o Goberno de Sánchez. Alentou, pola contra, a estratexia do Partido Popular, celoso partidario de reforzar o vínculo transatlántico e absolutamente refractario a calquera achegamento a China. Rueda quedou só na defensa do proxecto de SAIC. O seu único aliado foi o Goberno de Sánchez.

De certo, a filtración do informe (desde o propio CNI) non aspiraba tanto a cancelar o proxecto de SAIC como a entorpecer e embazar as relacións coas empresas chinesas decididas a ampliar os seus investimentos en España.

Non é ningún segredo que o CNI contempla o mundo coas lentes do amigo americano e que a Administración Trump é abertamente hostil co Goberno de Sánchez. Temos un problema cos nosos espías, non só cos de Pequín. Fomos advertidos hai tempo por John Le Carré: «O problema dos servizos de intelixencia non é que non saiban a verdade, é que teñen unha habilidade extraordinaria para confundila cos seus propios desexos.»