O antisanchismo do 1.000% 

| Notas de paso

O Partido Popular sacou peito pola vitoria de Péter Magyar. Sinalaron como un éxito rotundo que os socialdemócratas non acadaran ningún escano. Esta miserenta interpretación omite que a maioría das candidaturas de esquerda e ecoloxistas se retiraron para concentrar o voto útil  en TISZA e que as estimacións demoscópicas cifran que un 30-45 % dos votos de Magyar proceden de electores progresistas e ecoloxistas. Coa deriva actual do PP tampouco sorprende que lle resulte aceptable, mesmo como ficción, un modelo político en que toda a pluralidade se reduza o conservadorismo de Magyar, á ultradereita de Orbán e aos neofascismo de Mi Hazánk. O iliberalismo non é só patrimonio de Abascal. A desdemocratización e a despluralización é un obxectivo común de PP e Vox.  

Derrogar o sanchismo 

25 de abril de 2023. Hai pouco máis dun ano que Núñez Feijóo foi, unanimemente, coroado presidente do Partido Popular no XX Congreso celebrado en Sevilla. Na sesión de control do Senado, mídese con Pedro Sánchez. Un intercambio de golpes dialécticos desigual do que, como en ocasións precedentes, non sae ben librado. Con todo, consegue colocar un titular que ilumina o cambio de rumbo da oposición contenciosa do seu partido: «Derrogaremos o sanchismo». E redondea: «Non teñan ningunha dúbida, veño a derrogar o sanchismo no fondo e na forma».  

A nova narrativa antisanchista reafirmarase e Feijóo concreta os seus obxectivos derrogatorios: «Lei de Memoria Democrática porque os Bildu non poden ditar a memoria de España. Vou derrogar a Lei Trans, que afecta á dignidade das mulleres e á integridade dos menores, e a Lei de Vivenda, que foi un erro absoluto.»  Pouco despois certificaba: «Quero que o sanchismo sexa unha paréntese na historia de España e non un modelo de futuro.» En xullo de 2025, nunha arroutada entrevista con Eduardo Inda , en OkDiario, Feijóo sentencia: «Vou derrogar todas as leis do sanchismo ao 1.000 %.» 

O degoro dun sistema de partido dominante 

Xunto á política de grandes consensos, outro dos imaxinarios beatíficos do Réxime do 78 foi o enxalzamento do bipartidismo como garantía de equilibrios, contrapoderes e alternancia no Goberno. Era, non obstante, un bipartidismo imperfecto. Imperfecto pola incapacidade de PSOE e PP para representar plenamente os seus respectivos campos ideolóxicos (progresismo e conservadorismo) e polo peso institucional e influencia política conquistado polas organizacións nacionalistas en Euskadi e Cataluña.  

A loanza entusiasta do bipartidismo agochaba unha incómoda realidade: a enorme distancia electoral existente entre as dúas forzas que, desde as xerais de 1982 ata as de 1989, lle asegurou ao PSOE unha posición dominante. Non obstante, a deriva cara a un sistema de partido dominante acadaría o seu estadio máis avanzado no período 2011-2015. Nese quinquenio, o PP con Rajoy axuntou unha maioría absoluta de 185 escanos, o goberno de 11 das 17 comunidades autónomas, o bastón de mando da inmensa maioría das capitais de provincias e das deputacións provinciais. Unha concentración de poder sen precedentes nun momento de debilidade case terminal do Partido Socialista.  

Esa oportunidade histórica para consolidar un sistema de partido dominante non  se concretou. Foi marrada pola vaga de corrupción que encorou o PP. Impediuna  a onda democratizadora que iniciou o 15-M e que rematou por asentar un sistema de partidos de pluralismo limitado. A actual fragmentación electoral da dereita e a dura competencia electoral con Vox non deixan marxe para que o Partido Popular poida ser o partido dominante. Non sen antes lograr unha radical despluralización da representación política. 

Derrotar o Orbán do Sur 

Saben en Xénova 13 que Sánchez é o maior capital político do bloque progresista e que o seu hiperliderado é tamén a principal fraqueza do PSOE. Apenas concluídas as eleccións húngaras, Feijóo apresurouse a denunciar que España está no mesmo camiño de creba institucional que magoaba Hungría e que, tras a saída de Orbán, era a hora da saída de Sánchez. E proclamou: «O que pide a maioría dos españois é liberar a España e a Europa do Orbán do Sur».  

A tríade estratéxica coróase non coa derrota política senón coa condena —xudicial, paraxudicial ou mediática— de Sánchez. O acoso non finalizará co seu desaloxo da presidencia do Goberno, unicamente concluirá coa súa proscrición da esfera política. 

Esta retórica cruzada santa de liberación xustifica a deslexitimación de Sánchez a quen PP e Vox, decotío,  atribúen prácticas ditatoriais e sinalan como «máximo responsable» da deterioración na que vive a sociedade española. En cada comparecencia dos conservadores reitérase que está desautorizado polos negocios do seu sogro, polo tráfico de influencias da súa dona, polo trato de favor recibido polo seu irmán e pola trama de corrupción que compromete a Ábalos, Koldo García e Santos Cerdán.  

Personalización do Mal e deslexitimación ao servizo da tríade de obxectivos estratéxicos do  antisanchismo do 1.000%. Primeiro obxectivo:  a involución das políticas públicas dos gobernos da Coalición Progresista, reactivar as políticas de austeridade e xibarizar o Estado do benestar. Segundo obxectivo: minguar o pluralismo do sistema de partidos, obstaculizar a capacidade das forzas nacionalistas e privar o PSOE da súa condición de partido fundamental de goberno para logo poder avanzar na institucionalización dun sistema de partidos de dominio conservador á semellanza da andrómena húngara.  

A tríade estratéxica coróase non coa derrota política senón coa condena —xudicial, paraxudicial ou mediática— de Sánchez. O acoso non finalizará co seu desaloxo da presidencia do Goberno, unicamente concluirá coa súa proscrición da esfera política. A intención máis sórdida do antisanchismo resumiuna o escritor mozambicano Mia Couto: «O que se pretende não é apenas ganhar. É abolir o inimigo, dissolver o Outro. É fazer desaparecer não apenas o adversário mas todo o seu mundo. Pretende-se anular a sua história, apagar a sua memória».