A vaga de megaincendios de agosto debería sinalar un punto de inflexión nas políticas do Estado e do autogoberno galego no que toca ao cambio climático, ao devalo demográfico das comarcas rurais e á xestión dos bens comúns. Os incendios de sexta xeración, que padeceron Galicia, Castela e León, Estremadura e o norte de Portugal, non son unha novidade de 2025; manifestáronse xa con toda a súa virulencia en 2017 en Pedrógrão Grande e en 2022 na serra da Culebra. A desatención da emerxencia climática deita un balance catastrófico. O negacionismo prospera. A súa expresión máis básica é desestimar as novidades e refutar toda nova manifestación dos problemas malditos, deses desafíos que desbordan a previsión dos gobernos e aos que unha sociedade civil, desprovista de contrapoderes e de capacidade de resistencia, tampouco é quen de achegar solucións.
Normalizar o estado de excepción?
Xunto co debate sobre as competencias e incompetencia dos gobernos autonómicos progresa a tentación de xeneralizar a política do estado de excepción para remarcar como única resposta eficaz, ante calquera crise, a actuación do Goberno do Estado. O recurso táctico á solicitude do nivel 3 de emerxencia para evadir responsabilidades e atenuar os custes electorais dunha xestión neglixente engorda o descrédito das institucións autonómicas. Pola súa parte, os apoloxistas compulsivos do nivel 3 estimulan —máis ou menos conscientemente— a recentralización do Estado. A acción combinada de ambas as dúas posicións centraliza o poder, avivece a desdemocratización e tan só crea condicións favorables para institucionalizar solucións autoritarias co horizonte que preconiza Curtis Yarvin, un dos principais expoñentes da ilustración escura. «Necesítase una ditadura corporativa para substituír unha democracia moribunda».
A PosAutonomía que cultiva a administración Rueda evidencia a utilidade marxinal dun autogoberno esmirrado. Hai tempo que o dominio conservador impuxo na Xunta o abandono dunha das súas misións esenciais: o goberno democrático, ecosocial e solidario dos nosos bens comúns materiais e inmateriais para crear unha comunidade igualitaria no acceso ao benestar. O Partido Popular é esencialmente negacionista —desatende as novidades—, inmobilista —non avanza solucións—, e reaccionario —confía cegamente en políticas do pasado a pesar da súa insuficiencia e ineficiencia—. Como exemplo, a súa idea de Galicia como refuxio climático, grotesco negacionismo que axunta a banalización da crise climática e a aposta polo turismo de masas sen considerar os seus impactos negativos.
Acontecementos e accidentes
Sumamos xa unha xeira de episodios que nos enfrontaron colectivamente a situacións complexas e forzaron respostas gobernamentais de urxencia: a pandemia de COVID, a DINA en Valencia, o apagón do 28A… Como na vaga de incendios deste agosto, a normalidade ficou en suspenso. Algúns destes episodios foron procesados polos poderes públicos como acontecementos, outros como meros accidentes.
En canto remita o tsunami de lume comezará a operar o dispositivo negacionista para naturalizar a catástrofe e rebaixar o sucedido á categoría dun accidente excepcional.
A crise do COVID foi recoñecida como un acontecemento porque provocou unha disrupción da orde, unha interrupción da normalidade, e alentou un cambio nas políticas públicas ao cancelar, en parte, a axenda austeritaria imposta tras a crise de 2008. A DINA, o apagón e os megaincendios de 2022, malia sinalar fendas de seguridade do sistema igualmente graves, foron abordados como accidentes, sen apenas axustes nos programas de acción gobernamentais.
En canto remita o tsunami de lume comezará a operar o dispositivo negacionista para naturalizar a catástrofe e rebaixar o sucedido á categoría dun accidente excepcional. Para construír unha devasa fronte esa tentación despolitizadora é moi pertinente o anuncio do presidente do Goberno de impulsar un Pacto de estado para responder á emerxencia climática. Esta iniciativa abre a posibilidade de avanzar políticas de calado para arrostrar a crise ecopolítica. O seu debate permitirá estimar o peso efectivo do negacionismo —non só na dereita, senón tamén na esquerda— e testar a potencia real do partido do clima.
O partido do clima
En El fin de la paciencia. Un ensayo sobre política climática (2025), Xan López salienta que «a tarefa actual é a construción dun novo obxectivo regulador —a viabilidade ecolóxica da nosa especie e das demais especies coas que partillamos a Terra—», para o que entende imprescindible crear un «partido do clima» co que enfrontar «os fascistas fósiles, os negacionistas climáticos e os nihilistas morais». Matiza que non suxire fundar un partido convencional, senón promover unha idea de partido como «posición de parte», como unha identidade e unha actitude, xa que «a crise ecolóxica pode facilitar que grupos distintos de persoas, con preocupacións diferentes, formas de organizarse particulares, de distintos sindicatos, partidos, ONG etc. conflúan nunha preocupación común e nunha decisión de intervir activamente na política, para buscar unha solución o máis xusta e rápida posible».
López precisa: «Necesitamos unha forza o suficientemente ampla e transversal como para incorporar diferentes intereses e grupos sociais. Esa forza ten que ser capaz de gañar poder para impulsar políticas climáticas ambiciosas, pero tamén de lograr consensos duradeiros que sobrevivan aos cambios de goberno» e «fai falta unha acción colectiva, alianzas amplas e unha presión social que obrigue os poderes públicos e económicos a actuar. A transición ecolóxica só será posible se se converte nun proxecto compartido, transversal e duradeiro, que supere a alternancia política e os intereses de curto prazo. A clave está en fundar un novo sentido común civilizatorio, que entenda a viabilidade ecolóxica como un principio irrenunciable». Confiemos en que a esquerda social e política de Galicia non se ausente na creación do partido do clima.





