Nada queda do partido rexionalista forte que alentou Manuel Fraga. Menos aínda da imaxinación de Xosé Cuíña para agrandar o horizonte do autonomismo conservador até a fronteira da autodeterminación. Desde 2005, a autonomía do PPdeG como partido modulouse en función das ambicións, inapetencias e caprichos políticos de Feijóo. En ocasións, como o seu feudo patrimonial. Noutras, como un acomodo pasivo. Foi, segundo as súas ansias, lanzadeira promocional para facerse (sen éxito) cunha cadeira ministerial nos gabinetes de Mariano Rajoy; e, tras a defenestración de Casado, nun podio de vitorias electorais para ofrecerse como salvador do Partido Popular. Coa súa transubstanciación de barón autonómico a presidente do PP, o partido dos conservadores galegos deixou de ter autonomía ningunha. A maioría absoluta de Rueda, en 2024, non alixeirou a súa dependencia e sometemento ás estratexias de Génova 13. Desde aquela, e xa para sempre, a identidade do PPdeG é menos territorial e menos galega.
A oposición tóxica
O fracaso da investidura pantasma de Feijóo en setembro de 2023 impulsa o gran salto adiante desde unha oposición condicional a unha oposición tóxica na que o PP amalgama a deslexitimación do Goberno de Sánchez, a ausencia de pactos de Estado, a guerra sucia informativa, o lawfare, a polarización confrontativa, e a conversión das comunidades autónomas ocupadas polos conservadores nun contra-Estado das Autonomías para obstruír as iniciativas do Goberno Progresista. Desde o «quen poida facer, que faga» de Aznar, a escalada antagonista non deixou de avivecerse.
Coas enquisas rexistrando un notable medre do partido de Abascal, o PP pugna (desesperadamente) con Vox para liderar a oposición política e social ao Goberno Progresista.
En febreiro de 2025, Feijóo declarou fachendoso: «Son a única oposición ao xefe do Executivo». Nada máis lonxe da realidade. A intensificación das súas operacións de acoso e derrubo están aguilloadas polo avance electoral de Vox, xa non só como referente da oposición máis frontal ao sanchismo, senón tamén como expresión vaga dunha estratexia desconstituínte do Réxime do 78. Coas enquisas rexistrando un notable medre do partido de Abascal, o PP pugna (desesperadamente) con Vox para liderar a oposición política e social ao Goberno Progresista. O efecto colateral da súa oposición tóxica é que deturpa totalmente a idea do Partido Popular como partido de Estado e alternativa de goberno.
O Goberno opositor
A perda de autonomía política e a falta de pulso da Xunta tamén abaixan o perfil gobernamental do PPdeG. Algunhas das súas políticas (traspaso de competencias, vivenda…) son claramente contenciosas, non cooperativas, só aspiran a trazar liñas vermellas ao Goberno central. O descrédito dos conservadores nas principais comunidades autónomas que gobernan —Valencia, pola xestión da DINA; Galicia e Castelá-León polos incendios do verán; Estremadura, pola inestabilidade institucional que levou á convocatoria de eleccións anticipadas; Andalucía, pola crise dos cribados de cancro…— esgotou a fantasía dos «gobernos dos bos xestores». Decimado o seu valor gobernamental, acrecéntase o papel do partido conservador como un instrumento de obstrución e desgaste político do Goberno, segundo o patrón de Ayuso e Almeida en Madrid DF. É posible atopar diferenzas debidas á modulación retórica, pero non na orientación de fondo. Un simple axuste da cartografía antagonista. O albo de Ayuso (e Feijóo) é Sánchez. O do PPdeG é o BNG. A propaganda compracida da Xunta está a deixar de ser o eixe da comunicación dos conservadores galegos. A súa clave é opoñerse á oposición.
A oposición á oposición pasa por desvalorizar os espazos de representación das outras forzas políticas. A estratexia de desparlamentarización da Autonomía galega intensifícase e plásmase na irrelevancia informativa que os medios públicos e os privados de signo conservador lle conceden ao debate parlamentario.
A estratexia opositora do PPdeG
A oposición á oposición pasa por desvalorizar os espazos de representación das outras forzas políticas.
A estratexia de desparlamentarización da Autonomía galega intensifícase e plásmase na irrelevancia informativa que os medios públicos e os privados de signo conservador lle conceden ao debate parlamentario. A vella caixa de resonancia hai tempo que deixou de vibrar entre unha cidadanía atordada polo ruído da bipolarización. O Parlamento está formatado como un espazo de afirmación do Goberno, non hai marxe ningún para a transacción ou a deliberación de políticas públicas. A axenda do executivo imponse á axenda lexislativa… e á axenda de necesidades cidadás. Como complemento, achícanse os apoios gobernamentais da oposición impulsando mocións de censura (Muxía, Outes, Viveiro, Forcarei e Touro, O Irixo, Ribeira e Fisterra…), ao tempo que se impón unha desleal falta de cooperación da Xunta coa maioría dos gobernos locais do BNG e o PSdeG.
A carón do silenciamento mediático das iniciativas e críticas da oposición, o PPdeG promove desde hai meses, nos medios públicos e nas redes sociais, unha campaña contenciosa permanente contra o BNG. Denuncias falsas e fake news, ruído e manipulación, pero, e isto é o novo, tamén unha estratexia de comunicación que pretende explotar algunhas debilidades do BNG: o seu apego a un discurso resistencialista, o seu acantonamento no ideoloxicismo, a titorización da súa acción institucional por parte da CIG, a limitada porosidade social dos nacionalistas nada proclives a relacionarse extramuros das súas organizacións sociais doutrinarias, a ausencia de liderados de longo alcance cidadán fóra do de Ana Pontón…
É discutible que a estratexia opositora do PPdeG erosione decisivamente os apoios electorais do BNG, pero impídelle, de certo, chegar a novos sectores cidadáns. Contribúe á guetificación social do BNG. Distráelle forzas que debería dedicar, entre outras cousas, a fixar as súas prioridades políticas consonte a axenda de demandas cidadáns, tamén a impulsar un parlamentarismo de proximidade —que conecte, faga máis transversal e multiplique o alcance do descontento social— e, moi especialmente, definir futuros desexables que cartografen programaticamente o cambio político en Galicia.





