O vixésimo quinto aniversario do 11-S neoiorquino (e global) empardeceu, un ano máis, a memoria do derrocamento do Goberno de Salvador Allende en 1973. O triunfo do golpe militar do xeneral Pinochet eivou unha esperanzadora vía democrática ao socialismo e inaugurou unha tortuosa etapa autoritaria cara ao neoliberalismo dos Chicago Boys e Milton Friedman.
O 15 de setembro finou Patricio Guzmán, cineasta que nos legou unha triloxía documental —A batalla de Chile, a loita dun pobo sen armas—, na que debulla A insurrección da burguesía (1975), O golpe de Estado (1976) e O poder popular (1979). É, de certo, o documento histórico audiovisual máis completo sobre o Goberno da Unidade Popular e o golpe de Estado. Paga a pena dedicar catro horas a ver A batalla de Chile, máis aínda nestes días nos que, como diría Vázquez Montalbán, de estar entre nós, a Sánchez se lle está poñendo cara de Allende.
As metamorfoses do golpe de Estado
En 2014, Rafael Martínez, catedrático de Ciencias Políticas da Universidade de Barcelona, publicou na Revista CIDOB d’Afers Internacionals (108: 191-212) unha análise do golpe de Estado desde o século XVIII até as primeiras décadas do XXI.
Des que Gabriel Naudé escribiu, por encargo do cardeal Richelieu, Considérations politiques sur les coups d’État en 1639, a súa natureza mudou radicalmente. Naudé definiu les coups d’État como «actos ousados e extraordinarios que os príncipes se ven obrigados a realizar en asuntos tan difíciles como desesperados, en contra da lei común e con independencia de calquera ordenamento ou forma de xustiza».
Cómpre non agardar a ver un garda civil armado a berrar no hemiciclo ou ollar como desfilan tanques pola Castellana para certificar un golpe de Estado.
O golpe era, en orixe, un acto ilegal e violento en defensa do monarca e o seu poder. Co tempo, adoptou a súa forma tradicional como intervención militar que expulsa do poder os seus lexítimos titulares, abeirándose na necesidade de salvar a patria. A noción refinouse minguando o papel protagonista do exército: abonda co concurso de actores institucionais (non necesariamente das forzas armadas). Non son imprescindibles nin as masas populares nin a intervención do exército. Precisando máis, Monty Marshall e Donna Marshall definírono como «un ataque enérxico á autoridade executiva por parte dunha facción disidente/oposición dentro dos gobernantes ou elites políticas do país, que se traduce nun cambio substancial na xefatura do executivo e nas políticas precedentes».
Para Rafael Martínez o golpe de Estado son «accións concatenadas e realizadas nun curto espazo de tempo (exitosas ou non) encamiñadas, mediante a ameaza (críbel pero non forzosamente materializada), a remover (ou a impedir que se alcance) o poder executivo, por parte dun pequeno grupo con alta capacidade de disuasión que utilizará vías ilegais —non sempre agresivas, aínda que poden chegar a selo, pero si que violentan—, que logo tratará de xustificar alegando a defensa duns intereses propios dese grupo que se revisten de colectivos e que veñen a paliar o desastre ao que abocaba a acción do Goberno deposto».
O Golpe invisible
A técnica do golpe de Estado, como conclúe Martínez, fíxose moito máis sofisticada e complexa ata se transformar nun acto pretendidamente legal para derrocar o Executivo. Deslexitimación. Desinformación. Obstrución institucional. Disuasión. Desestabilización. Desdemocratización. Estas operacións trazan, arestora, un golpe de Estado.
Deslexitimación. Desprezo dos mecanismos constitucionais da moción de censura ou da formación parlamentaria de maiorías de goberno. Sánchez como usurpador. «Esta investidura nace dunha fraude. O que se trae á Cámara non se votou nas urnas» (Núñez Feijóo).
Desinformación nos medios e nas redes sociais: imperio das fake news e manipulación informativa intensiva. Difamación e insulto como soporte vulgar da narración. Do «Sánchez, hijo de puta» ata a insinuación dos negocios turbios do sogro do presidente: «Da sauna á cloaca hai un camiño bastante coherente» (Núñez Feijóo).
Obstrución institucional. Bloqueo, demora ou desleixo na aplicación das políticas públicas do Executivo central por parte dos gobernos do PP e Vox. Lawfare e imposición do código penal do inimigo. Sincronización dos ritmos xudiciais coas operacións de asalto da oposición. Complicidade policial e laissez-faire perante as actuacións violentas da ultradereita. Represión disuasoria das protestas contra os gobernos da dereita. Conexión de mandos policiais, sindicais e grupos ultras e fascistas. Quen poida facer, xa está facendo, como pediu Aznar.
Crispación e polarización. Asolagar o debate público en ruído para desmobilizar, disuadir e desincentivar a participación dos cidadáns máis moderados. Desestabilizar para crear o imaxinario dun Estado fracasado e un Goberno impotente. «Fálase de España como Estado fallido» (Feijóo). Engordar o medo, aventar o caos. Ceuta como coartada da deslealdade e o racismo bocalán.
Desdemocratización. O saldo dos golpes de Estado —agás algúns casos contados como o do 25 de Abril en Portugal ou o dos coroneis en Grecia en 1974— é un réxime autoritario. A desdemocratización non é tan só o resultado: require unha desdemocratización previa. Avéntanse sospeitas sobre os resultados electorais, asédianse medios e xornalistas críticos, promóvense iniciativas para limitar dereitos fundamentais (como a suspensión cautelar da AN do voto CERA ampliado pola Lei de netos).
Cómpre non agardar a ver un garda civil armado a berrar no hemiciclo ou ollar como desfilan tanques pola Castellana para certificar un golpe de Estado. Os golpes de Estado xa non son o que eran. Non hai que facer concesións á candidez: unha vitoria electoral do PP e Vox non porá fin ao Golpe. Proseguirá coa inhabilitación política de Sánchez, a creba do PSOE (e de todo o que exista á súa esquerda) e a institucionalización dunha nova democracia orgánica, paupérrima en dereitos e liberdades. O Golpe é invisible. O Golpe é voraz.
Foto de apertura: Bombardeo do Palacio de La Moneda, 11 de setembro de 1973. Foto: Biblioteca del Congreso Nacional de Chile. Licenza CC BY 3.0 Chile. Vía Wikimedia Commons.





