Houbo un tempo en que o PP contaba as eleccións por maiorías absolutas. Tras os últimos exercicios electorais en Estremadura, Aragón, Castela-León e Andalucía, en Génova 13 saben que, no futuro, os gobernos serán bipartitos da dereita rupturista. Quedou santificada a converxencia de conservadores ultras e ultradereitistas.
A extinción dos baróns brandos
En 2021, Cayetana Álvarez de Toledo chamou «baróns brandos» a Feijóo, Mañueco e Moreno. Daquela, a ficción dunha dereita progresista aínda engaiolaba os creadores de opinión da capital. Na hemeroteca de 2011 brilla unha arroutada de Feijóo cando retrucou ao BNG e ao PSdeG dicindo que a súa política era a da «socialdemocracia de centro-esquerda». A camuflaxe moderada deu froitos: non faltan panexíricos de Feijóo como «socialdemócrata de dereitas». Gran fantasía. No último lustro, por convicción ou por acomodación, Feijóo, Mañueco e Moreno gabearon moitos chanzos na escala de Mohs da dureza política. Feijóo o que máis. É coherente coa súa ideoloxía esencial: o pragmatismo sucio.
A viraxe do PP cara á ultradereita deixa sen referentes aos apoloxistas da moderación conservadora. Ao tempo, Ayuso lembra en titulares que a moderación non é imprescindible para ter unha maioría absoluta. Fóra de Madrid, o PP só conta con maioría sobrada na cidade autónoma de Melilla, A Rioxa e Galicia. Imbroda, Capellán e Rueda, pasan por ser políticos de «orde e xestión». Na apoteose ultra dos neocons aparentan un perfil moderado.
Hai xa haxiógrafos afinando argumentos para investir a Rueda como un auténtico moderado: os silandeiros afastamentos das esbardalladas de Ayuso, unha maior finezza nos tirapuxas con Sánchez, a súa leal cooperación en materias de interese común (transferencia de competencias, implantación de SAIC en Ferrolterra…). O estilo Rueda xa saben…
O Plan da Lingua Galega
Rueda é máis dado ao cálculo cá moderación. Sabe que en Galicia, no seu «oasis de estabilidade», o ruído mediático, as trastornadas arengas doutrinais e a guerra cultural permanente venden pouco. Crispación non rima con estabilidade. A súa maioría absoluta ciméntase no silencio, en acalar conflitos e encorar protestas. O seu obxectivo estratéxico é despolitizar a vida pública e lograr que asuntos que se deben debater e decidir no espazo cidadán pasen a ser tratados como cuestións basicamente técnicas, administrativas e, se cadra, de elección individual.
Rueda deixounos claro o lugar que ocupa o PXNL2026 na súa axenda. Estaba en Bueu asinando un convenio para a humanización da rúa de Pazos de Fontenla.
Despolitizar. Confiarse á xestión tecnocrática. Eludir compromisos. Ese é o marco xenético do Plan Xeral de Normalización Lingüística 2026 que o 15 de xullo presentaron, na Cidade da Cultura, o conselleiro de Cultura, José López Campos, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García. Chega avalado por 130 expertos, máis de 400 contactos con entidades e institucións e a achega de 1.400 propostas. Un notable exercicio de cooptación.
O PXNL sinala a necesidade de actualización para dar resposta aos cambios de dúas décadas na sociedade galega e a novas realidades (aumento da poboación foránea, importancia da cultura dixital e as redes sociais…) co obxectivo de «recuperar a vizosidade do galego». Os redactores do PXNL2026 insisten en poñer «o acento no concepto de ‘planificación’, que implica programación, universalidade, imaxinación e sinerxía», aínda que deseguido desatenden aspectos básicos de toda planificación. O máis elemental: toda política pública debe ser avaliada.
En La brecha entre saber y hacer (2026), Joan Subirats insiste na importancia de construír democracias máis fortes con políticas máis efectivas. O mandato para o autogoberno galego tamén é construír un sistema eficaz de políticas públicas. O diagnóstico de 2026 resólvese tan só cunha análise sociolingüística, malia que a recuada do uso social da lingua galega sinala notables carencias das políticas públicas de normalización en termos de eficacia, eficiencia, cobertura, impacto e sustentabilidade.
A actualización de Plan debería considerar criticamente as decisións políticas e orzamentarias adoptadas no pasado e o seu aliñamento cos obxectivos de PXNL2004. Non o fai. A súa tabula rasa só vale para disolver responsabilidades, moi especialmente de quen promoveu o fake da «imposición do galego» e crebou o consenso ao redor da lingua: o partido e o goberno de Feijóo (e Rueda).
Unha programación de intervención que vai ser sostida durante 6 anos esixe un plan de financiamento plurianual, pero o PXNL2026 non precisa os medios e recursos financeiros fóra desta cándida anotación: «Hai moitas medidas que poden activarse cos recursos normais das Administracións […] sen esixiren a disposición de partidas orzamentarias extraordinarias nin grandes desembolsos económicos. Pero hai outro grupo de medidas que implican un gasto de recursos materiais e de recursos humanos que cómpre poñer en marcha, polo que é absolutamente imprescindible que a proposta de aplicación anual do PXNLG-2026 vaia acompañada dun orzamento». O PXNL debe ir acompañado dun firme e transparente compromiso de financiamento. Non hai planificación sen recursos asignados.
O PXNL2026 identifica obxectivos, propostas e organismos responsables, pero non recolle cales son as metas das súas actuacións, non cuantifica nin identifica cales van ser os indicadores usados para valorar o seu impacto e capacidade transformadora. Unha máis: a avaliación, seguimento e rendición de contas disólvense na creación dun Consello Asesor da Lingua Galega e «no posible control parlamentario do proceso de execución do Plan».
A expresión «posible control» é un indicador do seu feble compromiso democrático. A ausencia do presidente na súa presentación pública tamén. Rueda deixounos claro o lugar que ocupa o PXNL2026 na súa axenda. Estaba en Bueu asinando un convenio para a humanización da rúa de Pazos de Fontenla. Non había outro día. Grandiosa prioridade. Grandeza presidencial.





