Males menores e maiores males

Gramsci criticou duramente a idea do mal menor: «O concepto de mal menor non é outra cousa que a forma que asume o proceso de adaptación a un movemento regresivo, cuxa evolución está dirixida por unha forza eficiente, mentres que a forza antitética está resolta a capitular progresivamente, aos poucos, e non de golpe, o que contribuiría a dar á luz unha forza contracorrente activa ou, se esta xa existise, a reforzala». 

O malmenorismo ten escasa audiencia na esquerda máis estremeira á esquerda do PSOE, onde cotizan o maximalismo retórico e, mesmo, a estratexia do canto peor, mellor. A crenza de que un empeoramento das condicións políticas e sociais como consecuencia da chegada da dereita ao Goberno do Estado activará unha resposta cidadá radical bate coa evidencia histórica que nos reitera que despois do peor adoita vir o pésimo. Após dunha derrota, a resistencia enfraquece e malógranse as condicións, tanto subxectivas como obxectivas, de todo cambio progresivo. «A derrota divide. A derrota desfai o que xa estaba feito», anotou De Saint-Exupéry en Piloto de guerra.  

 O bloque de investidura, un mal menor? 

O segundo goberno da Coalición Progresista esteouse nun bloque de investidura que acolleu desde as posicións liberal-conservadoras de Junts e Coalición Canaria até a esquerda soberanista de ERC, Bildu e BNG. Non é un bloque de investidura da esquerda, é por iso un mal menor? Moi a contrario. Delimita un campo democrático, plurinacional e reformista de amplo espectro con forzas que se negan a lexitimar calquera alternativa de goberno sostida, activa ou pasivamente, por Vox.

A crenza de que un empeoramento das condicións políticas e sociais como consecuencia da chegada da dereita ao Goberno do Estado activará unha resposta cidadá radical bate coa evidencia histórica que nos reitera que despois do peor adoita vir o pésimo.  

Nestes tempos avoltos, que tanto imitan os da deleiba da República de Weimar, esta solución imperfecta fai boa a sentenza que Carlos Calvo deitou en X: «O malmenorismo no século passado chamava-se antifascismo». Ese bloque é o máis semellante que temos ao antifascismo cívico que defende Antonio Scurati en Fascismo y populismo: «Un antifascismo cívico que nos convide a todos a tomar posicións baixo a bandeira da democracia»,  un punto de encontro dos liberais demócratas e a esquerda que aspira construír por unha democracia forte. 

Maximalismo 

O maximalismo estratéxico tamén é unha acomodación, aínda máis ilusoria e compracente que o malmenorismo, ante a vaga regresiva. Representa, ademais, a constatación despreocupada de que a inexistencia —ou a debilidade extrema— dunha forza antagonista fronte ao avance da dereita e a ultradereita non fai parte da súa axenda de responsabilidades. A esquerda á esquerda do PSOE da que se reivindican Sumar, Izquierda Unida e Podemos é, actualmente, un ermo, con organizacións febles e atomizadas, ensimesmadas, non cooperativas; con dirixentes máis preocupados por marcar un perfil propio de consumo militante que por explorar afinidades e trazar alianzas practicables; con proxectos de autorrepresentación máis que de transformación, maiormente divorciados arestora das demandas da cidadanía máis desfavorecida e vulnerable.  As organizacións da esquerda soberanista enténdense máis sólidas e competitivas. Con todo, como vacina para as soberbias electorais, nas enquisas máis favorables ERC, Bildu e BNG suman 14 escanos no Congreso, a Sumar e Podemos atribúenlles outros 14. 

Ten a esquerda algunha alternativa? 

Nada aprendido dos fracasos propios. Nada das eleccións lexislativas en Portugal que coroaron á ultradereita de Chega como segunda forza do país e pecharon de vez o longo ciclo de republicanismo antifascista que inaugurou a Revolução dos Cravos. Tampouco nada que tomar en consideración dos ensaios promovidos na primeira tirada electoral das municipais en Italia, o pasado mes de xuño, onde o Partito Democratico, Alleanza Verdi e Sinistra, Movimento 5 Stelle e algúns pequenos partidos de centro impulsaron as candidaturas chamadas de campo largo que conseguiron arrebatar importantes alcaldías a Meloni e Fratelli d’Italia.  

O rexeitamento do Decreto antiapagóns o 22 de xullo axuntou os votos negativos de PP, UPN e Vox, e os de Podemos, BNG e mais dun deputado da Chunta Aragonesista. A favor: Coalición Canaria, Compromis, PNV, ERC, Bildu, Sumar e o PSOE. Non faltará quen celebre a derrota do Goberno coma un triunfo sobre o malmenorismo. Horas antes, Gabriel Rufián aventuraba a necesidade dunha alianza de esquerdas plurinacional nas eleccións xerais que foi acollida con notable desinterese. Pouca coordinación, escasa cooperación e ningunha vontade de explorar frontes amplas que se van traducir, de certo, en males maiores.   

Vox, a forza máis eficiente 

Ao negarse a impulsar unha moción de censura, Feijóo perdeu a iniciativa política. No mes de xullo, de feito, produciuse un cambio cualitativo na dinámica de polarización. O estoupido do caso Montoro encorou a ofensiva antisanchista do PP e, arestora, quen máis réditos obtén da polarización e a degradación da deliberación parlamentaria é Vox. Quen máis se beneficia electoralmente da perda de credibilidade das forzas instrumentais do vello bipartidismo é Vox. Quen fixa a axenda da política contenciosa é Vox. Quen compensa a súa aínda minguada representación institucional incendiando o malestar cidadán é Vox. Quen mellor crea e atende os medos cidadáns é Vox. Vox non está só. No Black Block converxe coa Alt-Right do Partido Popular, cos ultras aniñados na maxistratura e no corpos policiais, cos grupúsculos neonazis, cos influencers ultras, cos voceiros dos pseudosmedios e con cómplices e colaboradores necesarios nas televisións e  xornais comprometidos coa cruzada contra Sánchez. No Estado español, o movemento reaccionario iliberal está inequivocamente liderado por Vox. Vox é a forza eficiente da involución cara a unha democracia autoritaria. Un mal maior que a esquerda aínda non sabe como enfrontar.