Cómpre preguntarse cal é o principio activo da política do Partido Popular. O inmobilismo? O conservadorismo? O (neo)liberalismo autoritario? Cada vez máis de xeito expreso, o seu principio activo é a indiferenza. Indiferenza diante dos problemas que encara a sociedade galega. E indiferenza diante dos padecementos dos que son vítimas dos problemas que as políticas conservadoras obvian e renuncian a resolver.
A indiferenza goberna todo o que queda fóra da xestión administrativa rutineira das políticas públicas. Nas oficinas da Xunta, rutina. No Consello da Xunta, indiferenza. Nos máis dos medios de comunicación, unha devota compracencia co poder. A indiferenza, anotou Gramsci, é o peso morto da historia. E baixo o peso morto das políticas da Xunta acóranse as posibilidades de futuro do autogoberno como garantía da solidariedade e o benestar dos galegos e galegas.
Necropoder e necropolítica
A indiferenza fronte á dor e ás situacións de vida dos máis vulnerables ten a súa expresión máis grotesca, e infame, nos episodios de necropolítica protagonizados polo Partido Popular. Alén do control sobre a vida dos cidadáns (o espazo da biopolítica que cartografou Michel Foucault), exércese igualmente un poder de decisión sobre quen pode vivir, a quen deixar morrer ou abandonar expostos a condicións materiais que conducen á morte.
Como salientou o filósofo e historiador camerunés Achille Mbembe en Necropolítica (Melusina, 2011), o capitalismo réxese nos nosos tempos pola necropolítica e maniféstase no poder dos gobernos a expoñer a moitos cidadáns á morte considerándoos vidas descartables. Nas súas palabras: «A expresión última da soberanía reside no poder e a capacidade de decidir quen pode vivir e quen debe morrer. Facer morrer ou deixar vivir».
A crenza inxenua de que a solidez do PPdeG freaba a progresión da ultradereita en Galicia esborrallou tras o ataque con cócteis molotov ao centro de acollida de menores refuxiados de Prodeme en Monforte de Lemos.
Episodios necropolíticos de palabra, obra ou omisión do Partido Popular. De obra, os 7291 mortos nas residencias madrileñas a consecuencia dos protocolos da vergoña impostos polo executivo de Isabel Díaz Ayuso. Por omisión, os 227 mortos a causa do incompetente desleixo de Carlos Mazón cando a DINA anegou a Comunidade Valenciana. De palabra, cada vez que os dirixentes populares negan o xenocidio da poboación gazatí a mans do exército israelí. Hai máis de 15 anos, xa, que Mbembe denunciou que «a forma máis redonda do necropoder é a ocupación colonial de Palestina», cun «encadeamento de poderes múltiples: disciplinar, biopolítico» e necropolítico», que, combinados, «permiten ao poder colonial unha absoluta dominación dos habitantes do territorio conquistado».
A solidariedade entre estraños
A ofensiva neoliberal para mercantilización da vida procurou a debilitación dos lazos comunitarios e consagrou o individualismo propietario e consumidor, e secundariamente, a familia como refuxio preferente, xa que a solidariedade e a axuda mutua han de practicarse só entre os propios ou os afíns. O acoso e derrube do Estado de benestar e a busca privilexiada de «solucións baseadas no mercado» aspira tamén á liquidación de toda forma de solidariedade entre estraños e o mantemento consentido das desigualdades sociais. O principio activo do Estado de benestar non é outro que a solidariedade entre estraños; son as súas políticas as que dan sostén ao exercicio real de dereitos, á atención de necesidades e á extensión dos coidados a outros.
A carón das políticas comunitarias para a atención de proximidade das necesidades dos outros, as políticas do Estado de benestar garanten a solidariedade cos estraños, entre persoas que non teñen ningún contacto entre elas. Na estratexia dura, as políticas de odio, e na estratexia branda, as políticas de indiferenza, perseguen un mesmo obxectivo: debilitar os dispositivos de solidariedade da sociedade civil e do Estado de benestar; romper o noso vínculo con persoas que nos son estrañas e, ao tempo, solidariamente próximas vivan e loiten en Gaza ou procuren coidados entre nós.
A identificación imaxinativa
A crenza inxenua de que a solidez do PPdeG freaba a progresión da ultradereita en Galicia esborrallou tras o ataque con cócteis molotov ao centro de acollida de menores refuxiados de Prodeme en Monforte de Lemos. Os relatos contra os inmigrantes, o racismo, a aporofobia e todas as outras políticas de criminalización ou sinalamento dos outros combinan violencia, coacción, disuasión, consentimento… e indiferenza.
Nunha tentativa de rebaixar a gravidade e significado do atentado a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, declarou: «Co ataque ao centro de menores de Monforte, Ana Pontón di que “a mecha do odio é fácil de acender e difícil de apagar”, pero hai unha semana estaba incitando á violencia en La Vuelta e alenta o alboroto sempre que pode». Coacción á oposición para deslexitimar a denuncia. Consentimento do ataque que non condena. Indiferenza sobre o problema de fondo: o acollemento de menores refuxiados.
En The Truth of Fiction (1989), o escritor nixeriano Chinua Achebe cuñou o concepto de identificación imaxinativa. Para a súa idea, «a identificación imaxinativa é o oposto á indiferenza» e estéase na «nosa capacidade de comprender e sentir o sufrimento alleo aínda que nunca o teñamos experimentado». É unha identificación que releva a existencia dunha situación: «As cousas non suceden simplemente ante os nosos ollos: suceden a causa da forza e o poder da identificación imaxinativa, e sucédennos a nós. Non nos limitamos a ver, senón que sufrimos xunto ao heroe [a vítima] e quedamos marcados pola súa pegada». É moito máis que empatía solidaria, é unha apelación á imaxinación democrática, á implicación na denuncia e na procura de solucións diante da violación de liberdades e dereitos fundamentais. Fronte ás políticas do odio e da indiferenza, non imos atopar forza máis transformadora que promover a identificación imaxinativa.





