Escribo nas horas próximas ao solsiticio deverán. Non hai data máis pura, verdadeiras puñadas ao estómago da  vida.

Aí, xusto nesa noite na que prenden cacharelas e as plantas deitan o seu aroma nas tinas, pode unha contemplar a cara plena da xuventude, a vita nuova, chea de forza e de harmonía co que existe. Estar aí, sobre as lapas que inundan de vermello alaranxado o ceo azul cobalto, acompasándome ás rítmicas sacudidas dos corpos  que danzan e lanzan alegría polo feito mesmo de existir esta noite de xuño.

O cheiro a fume, a salitre e a sardiñas entra no nariz como un bálsamo sandador e afrodisíaco para o deleite. Esta noite é a noite da apertura, da eclosión, da pura vida que se detén un tempo a contemplarse extasiada ante a súa propia beleza. Nunca volverei ser nova, pero esta noite o meu corpo recorda todos os corpos que xa foi e escolle volver aos dezasete, a aquel descomunal asombro, a aquel río de riso nos ollos. Abrázome desde lonxe coa nostalxia infinita dese centro exacto no que todo é esplendor e promesa.

Tal vez, repito para min, haxa aínda un mundo posible, con decencia e mesmo arte, algo que non sexa simulacro. Iso rezo mentres gozo  un ano máis, da calor, do fume e do salitre dunha noite de San Xoán.

Tunel de Gaza

No último Primavera Sound en Barcelona puido accederse a unha experiencia sonora radical, o Tunel de Gaza. Entrabas e, momentaneamente, podíaste converter nunha aterrada palestina intentando ocultar a cabeza entre as mans, drons e bombas caendo ininterrumpidamente, xerando un constante estado de terror e un trauma colectivo, siseos e estrondo que destripa e escava.

Ben sabemos que o xenocidio, como o drama da inmigración están ocorrendo agora, preto de aquí.  Non podemos negalo, pero tendemos a diluílo para poder tragalo na nosa sucia conciencia.

Unha instalación artística en forma de túnel de quince metros, ía tragando clientes excitados na noite festivaleira da gran cidade. Emocións fortes, como a que, tamén na mesma cidade, prometen os escape rooms nos que a aventura consiste en recrear os medos e as estratexias de supervivencia dos inmigrantes ilegais. Penso nos selfies de Auschwitz, na banalización do horror. Esa parte morbosa que antes nos facía encher as prazas para ver agonizar na forca ou queimarse na fogueira, segue existindo en nós. O malo é que agora temos o enorme descaro de chamalo empatía cos que sofren.

Fronte á hipervisibilización das imaxes de guerra, imaxes repetidas ad infinitum, imaxes trucadas desde a guerra do Golfo que xa non logran emocionar a una poboación anestesiada, agora búscase mediante o feito de escoitar o son en directo do conflicto, un novo medio para lograr concienciar.  En realidade o que se nos ofrece é una experiencia, ese desexo que o poscapitalismo busca incesantemente prender en nós. Pero as experiencias trucadas, son iso, amaños que nos manteñen  impertérritos co noso chuvasqueiro de cores fronte ao dioivo. Ben sabemos que o xenocidio, como o drama da inmigración están ocorrendo agora, preto de aquí.  Non podemos negalo, pero tendemos a diluílo para poder tragalo na nosa sucia conciencia. Somos, como dicía Guy Debord, a Sociedade do Espectáculo, e non temos perdón.