Un punto de luz para trazar a utopía

| Luz de gas

Como un anaco de carne, un corpo durmido no medio do bosque, na negrura da noite, desposuído de vontade ou aterecido polo medo, esa é unha imaxe posible da muller, unha imaxe fetiche, a imaxe poderosa que convoca o mal desexo, ese que provoca a cadea de vítimas, o ronsel sanguinolento, corpos que poden chamarse Gisèle Pelicot pero tamén Ana, Fátima, Rocío, Laila, Cándida, Gracia, Andrea, Thais, Vanesa, Bianca, Fadoua, Mainca, Hafsa, Estela…, tantos nomes de mulleres con alma que xa non están. Corpos os que xa non podemos abrazar. Caídas este 2024 na guerra que non cesa.

Debaixo, detrás desa paisaxe desolada, a mesma pulsión animal de dominio, a imaxinación dunha masculinidade tóxica que condena á ruína.

As carapuchiñas vermellas deixaron de ser inxenuas. Estamos aquí para pelexar, para sentírmonos plenas e seguras, e tamén para tender a man.

Agora, nestes tempos nos que todo se move, cae, esfarela, que diferencia o de dentro e do de fóra, o virtual e o real, o vivo do morto, a vítima do vitimario? Todo aparece revolto, todo dubidoso, nestes tempos sombrizos hai demasiado medo. Por iso aparece a necesidade, a urxencia absoluta de rearmarnos, de buscar un punto de luz o suficientemente intenso como para trazar unha utopía. Porque imos fartas de termos medo e precisamos aínda afianzar a voz desta metade do mundo que somos e que foi silenciada. Xa nos ven, pero aínda non dabondo, aínda non estamos libres de sospeita polo feito mesmo de sermos mulleres, termos marcados. Anomalías.

Así que somos nós as primeiras que debemos querernos, protexernos e avanzar xuntas. O lobo ouvea, por primeira vez acusa feridas. As carapuchiñas vermellas deixaron de ser inxenuas. Estamos aquí para pelexar, para sentírmonos plenas e seguras, e tamén para tender a man. Precisamos que os homes senten á beira do camiño e comecen a verse, verse de verdade, por primeira vez e con ollos estrañados. Precisamos que eles batan coa súa imaxe real, coa deformidade que carrexan e que aínda deben calibrar en toda a súa velenosa fondura.

Segundo o CIS neste 2024 una 44% dos homes enquisados afirman que o feminismo foi xa demasiado lonxe e que agora se senten discriminados. En especial son os novos os que máis sinalan a falaz perda de privilexios, confundindo os avances feministas coa incerteza do seu presente. Ese malestar que os populismos de extrema dereita están axitando perigosamente, ten que ser neutralizado. Cómpre manterse á espreita, sabendo que a nosa fraxilidade é propia dunha crise de crecemento: estamos medrando e por iso mesmo somos febles, e por iso mesmo precisamos rearmarnos, anovar un discurso que se afane en tender pontes. Vainos a vida niso. Precisamos dun discurso amoroso e consciente que deixe claro que rexeitar a dominación sobre outro ser humano implica un proceso desexable, un proceso de crecemento cara á persoa digna que se aspira a ser.

Asumir a perda de poder que supón deixar de ser a medida do mundo supón tamén asumir a diversidade como parte igual dun mesmo espazo, diferenzas que xa non son divisións. Retranquear o camiño estreito polo que circula a masculinidade, ou mellor aínda, superar por fin esa categoría, supón exercer, e gozar, de verdade, da empatía e dos coidados. Amosarse vulnerable, pedir axuda, crecer en consciencia. Enaltecer o que nos vincula e esixírmonos todos e todas una coherencia radical entre a nosa teoría e a nosa práctica.

Contra ese animal voraz, contra a escura sopa primitiva que marca a nosa fame, importa construírmonos, mulleres e homes, como persoas que se afanan no peso do amor. Por máis que ouveen lobos, que haxa depredadores violentos que continúen buscando á máis dócil das presas, debemos seguir termando desta loita, unha loita alegre, chea de esperanza.

* Este texto foi lido pola autora no acto contra as violencias machistas organizado o 25 de novembro de 2024 pola Concellería de Igualdade do Concello de Tui.