Un mundo novo

| Luz de gas

Detrás das conversas hai un runrún, unha música sen letra. Camiñamos, facemos case as mesmas cousas ás mesmas horas, como impoñéndonos o  corsé que nos ampara e nos permite unha velocidade insensata cara a algo que se esfuma por pura inconsistencia.

Luces, brillos, máis luces, máis rápido, todo cada vez un punto máis absurdo e, ao tempo, fascinante. Se cadra estamos achegándonos ao cerne do cambio de paradigma, ao salto evolutivo, á ruptura sen precedentes. A ciencia ficción foi sempre algo que falaba dun tempo inverosímil, un tempo que non veríamos chegar. As discotecas que nos setenta do século pasado presumían de modernismo futurista e puñan nos seus rótulos o guarismo do 2000 como un mundo fabuloso e improbable, continuaron aguantando ao pé dos Traumas, Psicosis, Varsovias ou Kremlins como nomes chulos que prometían excitante exotismo nas vilas provincianas. Pero ese mundo novo, tan distinto e brillante, sempre meteu medo. Non podemos deter o progreso, o  mundo que muta. E aquí estamos co paso cambiado, sen saber moi ben que pensar de case nada. Porque todo o que debe pensarse neste momento dá a sensación de excesivo, demasiado distinto para cabezas vellas.  Hai pouco lía nun libro de Eudald Carbonell, un dos arqueólogos de Atapuerca, que a revolución científicotecnolóxica pode arrombarnos como especie. Estamos diante dun vendaval que nos vai levar inexorablemente a transhumanidade primeiro, coa coexistencia do híbrido e finalmente cara a posthumanidade.

Pouco a pouco o home vitrubiano deseñado por Leonardo deixa a súa centralidade, o seu carácter de modelo e medida de todas as cousas. Todo é máis diverso e confuso, voces configuradas de modo distinto que volven cada vez máis patético o discurso oficial, tradicional, aquel ao que estábamos afeitos e ao que concediamos autoridade. Por iso resulta cada vez máis insoportable escoitar á nosa clase política, por iso non aturamos xa a homes (e mulleres) enchidos de razón no seu poleiro declamando obscenas vaidades que xa non aturan o sol do día. Todo cae. Cae a impostura, a noción tradicional de xerarquía, o paternalismo intereseiro dos que tendo aínda o poder xa non saben como pelexar o futuro. Este é un tempo interesante abofé, tanto que dá medo. Boa parte da xuventude ten unha visión negativa do anos que virán, está pasando, como nunca antes. Pero é que os cambios prometen unha revolución sen precedentes: camiñamos cara un mundo de seres automodificados e fundamentalmente diversos. Se somos quen de non autodestruirmos, veremos un mundo onde a consciencia crítica cósmica substituirá á xerarquía, onde seremos capaces de entender o funcionamento do cerebro, a creación de conceptos, os porqués da nosa conduta. Poderemos crear aquilo que precisamos e que a natureza non puido, colonizaremos o sistema solar, desextinguiremos especies, como no Parque Xurásico, evitaremos a morte, recompoñendo os nosos corpos biolóxicos ou volcando a nosa mente na rede. Seremos quen de viaxar máis rápido que a velocidade da luz e estableceremos contacto coa vida extraterrestre.  Daremos a mesma importancia ao que agora como humanos damos?, probablemente non, por iso, a gran maioría das nosas angueiras están a piques de cambiar. Unha explosión de vida que nos volve a todos naipelos ante o descoñecido e o misterio deste novo mundo que estamos a piques de descubrir. Benvido, 2025!!

Ilustración: Andrea López