O sábado oito de marzo caía auga a rebordar, arroiaba, baixaba sobre as rúas unha inmensa chaparrada, un chuvieira interminable, un dioivo a traizón. Mirábao caer cunha sensación profunda de impotencia. E é que eu aínda tiña algunha esperanza, acariñaba dentro un lumiño combativo. Na miña cabeza imaxinaba que este ano si, que este ano volveríamos encher as rúas de forza rabudamente lila, todas a unha contra o ataque que o fascismo lanza arestora sobre as posicións conquistadas. Atrás as divisións, xuntas en todos os continentes, exhibindo músculo colectivo ante a barbarie, como aquel 2018 no que fomos unha marea inmensa, simultánea, ubicua.
Tiña saudades, claro, dese tempo aínda moi próximo no que foi posible aquela especie de milagre, case a metade do mundo fóra, nas rúas, todos os corpos de muller fisicamente presentes, politicamente enfocados na mesma denuncia, como se de súpeto retiráranos a venda dos ollos e puidesemos ver con total claridade o enorme elefante no cuarto. Me too!
Dividir as convocatorias de mobilización nun oito de marzo é xogar con lume, ou máis ben seguir as directrices da manipulación do fascismo machista e os poderes do IBEX.
Non foi un soño, aquilo foi posible, un fito da civilización, pero supoño que puxo medo abondo, que foi unha onda excesivamente ameazadora para o status quo. Niso pensaba lendo o último libro de María Xosé Porteiro, a feminista de primeirísima hora, unha desas, non tan frecuentes, mulleres que posúen distancia histórica para poder interpretar o abalo e o debalo. Neste ensaio, a escritora e xornalista pide con urxencia que non soltemos as mans. Desde estas páxinas a autora sinala como, tras anos e anos de traballo e de cambios paulatinos pero constantes, asistimos agora a unha ofensiva organizada para frear e derrubar a democracia feminista.
Non é unha conspiranoia trasnoitada, Porteiro, que cita, por exemplo á pensadora Rita Segato ou ao sociólogo Manuel Castells, chama a nosa atención verbo da existencia dun proxecto perfectamente coordinado e financiado por unha rede oculta de millonarios xenófobos e racistas. Vemos a Trump, vemos a Elon Musk, que teñen a ben seguro, lexións de clons por tras. Estes homes brancos heterosexuais, o modelo universal, o home vitruviano de Leonardo, están actuando xa sobre o mundo para restaurar a orde do patriarcado tradicional, a do mundo ben feito.
O cabreo e a frustración masculina están xa dando froito, hai pasta e hai poder. Así vemos como o dereito ao aborto retrocede, como os números globais do feminicidio aumentan, como tamén están en auxe as posicións que negan a discriminación e a inxustiza de xénero. Un auténtico exército, como di Porteiro, ataca por terra, mar e aire o movemento liberador do feminismo, un movemento que se busca desactivar como un perigo ben real. En xogo, nin máis nin menos que os alicerces do capitalismo avanzado.
Este sábado oito de marzo, chovía os sete choveres, pero o que realmente desactivaba a mobilización masiva non eran os fenómenos metereolóxicos adversos senón o fogo amigo. Tres manifestacións había na miña cidade, tres, a horas distintas, tres, escenificando unha pelexa nunha cancha de barro. A prostitución e a transexualidade son de verdade liñas vermellas? Ou máis ben un debate alimentado e simplificado para manipularnos e dividirnos. O sinsentido desta fragmentación nun movemento que nace para defender a pluralidade e a solidariedade fíxose evidente tamén para Carme Adán que titulou significativamente o seu artigo de opinión nesas datas como “En pé de paz”.
Dividir as convocatorias de mobilización nun oito de marzo é xogar con lume, ou máis ben seguir as directrices da manipulación do fascismo machista e os poderes do IBEX.
Perdemos o tempo en liortas intestinas cando fóra acontece o holocausto, como ben indica Porteiro con datos incontestables. Non houbo guerra no mundo que xerara tal cantidade de vítimas como o fixo e fai o terrorismo machista, algo que pasou e pasa cada hora, en cada país e que nós, non sei moi ben como, normalizamos. A magnitude da traxedia é excesiva e con todo continuamos a ter unha representación das vítimas da violencia de xénero como corpos mortos, como eliminadas.
A representación importa, a obxectualización, a ritualización non nos protexe en absoluto.
Cando vexo a David Broncano facer a pregunta, que parece de ensaio sociolóxico universitario, “que es, máis machista ou máis racista?” penso sempre na entrevista publicada en marzo de 2018 nesta mesma revista e na que, preguntada por Porteiro, María Xosé Queizán responde con rotundidade: “un home negro é superior a unha muller branca porque pode follala e empreñala”.
Por máis que nos disfracemos ou evitemos mirar, continuamos sendo o elo máis feble da cadea, cómpre telo en conta e non soltar as mans.