Heura que de l’oratge / de l’amor viu naixies / i ara des de l’engruna, / a cor desert, t’enfiles / Digues, / ¿abraces o escanyes / l’altiva torre franca dels meus dies? (Maria Mercè Marçal)
Gústenos ou non, a maternidade continúa sendo un dos territorios esenciais desde o que desenvolver a reflexión sobre o “ser muller”. Para negala, para magnificala, para resignificala, tanto ten a operación que apliquemos, hai aí para todas nós un tema fundamental, un tema que nos fai vibrar, que nos incomoda e nos libera, que nos cuestiona e nos fai incorrer en mil incoherencias.
Hai pouco puiden asistir a unha xornada, organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega na que se trataba o tema da representación da maternidade no cine e na literatura. Entre as convidadas estaban presentes mulleres que recentemente gozaron dun gran recoñecemento institucional e mediático por traballos relacionados dun xeito ou doutro co feito de dar vida. Puiden escoitar a Yolanda Castaño, flamante Premio Nacional de Poesía co seu Materia, a Jaione Camborda, que este setembro recibiu a Concha de Oro do Festival de San Sebastián pola película O Corno ou a María do Cebreiro, cuxa Maternidades virtuosas foi merecente do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio.
Son as dificultades económicas as que pexan a decisión de reproducirse ou é que comeza a deixar de ser tan atractiva como antes era a idea mesma da maternidade? E será certo, como nos dicía Yolanda Castaño, que sexa tan difícil imaxinar unha maternidade non patriarcal?
A primeira vista, o que me sorprendeu é que cada unha delas falaba desde un lugar moi distinto, así de poliédrica é a vivencia e a reflexión sobre a condición da nai. Ningunha delas me representa xeracionalmente, todas son máis novas, recén chegadas á madurez. Fun anotando no meu caderno frases illadas que me ían impactando conforme se ía desenvolvendo a charla, e así, por exemplo, escoitei como Camborda propuña a necesidade de falar da experiencia do parto desde unha perspectiva feminina, aceptándonos como animais. A idea de tribo, de manda, dun contínuum dos corpos de muller, propuña unha identidade fortemente ligada coa bioloxía. En que momento a bioloxía se converteu en aliada do feminismo?, preguntábase Carme Adán. En realidade éramos moitas as que nos pregunta- bamonos, en certa medida desorientadas polo actual pulo do discurso do natural, en que se sustancia hoxe en día a idea da boa nai. A idea do clan, de ser a outra, de formar parte dunha cadea solidaria baseada en saberes ancestrais crea necesariamente unha imaxe de boa nai. Esa nai desexable que agora se perfila e se asome, acaso non tende a culpabilizar a todos os modelos que se afastan desa animalidade aceptada? Que pensar, por exemplo, das que recorren á reprodución asistida ou das que optan pola adopción ou das que deciden non escoitar ningún reloxo biolóxico? Acaso eses modelos son realmente menos bos?
Dentro da contracción xeral que nos ameaza danse agora tamén os paradoxos, porque, como ben apuntaba María do Cebreiro, unha das características que a maternidade ofrece nas sociedades poscapitalistas é a da profesionalización dos coidados. Enténdese, asumindo o enorme fluxo de información que circula, que a calidade da atención é parametrizable, medible, como case todo. Así atopamos a contradición dun canto ao natural que vai da man dunha forte intervención cultural. A neurose está servida, instrumentos de control que se multiplican e que encerran a criatura e, por extensión, á unidade familiar nun modelo esgotador e inhabitable.
De verdade queremos ir por aí? Non hai xa probas abondas do fracaso desas nais e pais helicóptero da anterior xeración e que deu xa lugar a unha mocidade marcada por unha maior incidencia de trastornos psicolóxicos?
Ao tempo no que abrolla esa nova esixencia de perfección na crianza, as cifras de natalidade caen ofrecendo a imaxe de sociedades truncadas que serán substituídas por corpos migrantes. Estamos deixando de vincular a nosa identidade co feito de ser nai, son as dificultades económicas as que pexan a decisión de reproducirse ou é que comeza a deixar de ser tan atractiva como antes era a idea mesma da maternidade? E será certo, como nos dicía Yolanda Castaño, que sexa tan difícil imaxinar unha maternidade non patriarcal? Estamos seguras de que podemos separar con claridade o noso desexo xenuíno do constructo social?
Sexa como for o certo é que a maternidade estivo sempre marcada por arquetipos perversos que levaban cosidos moi dentro a idea do sacrificio e o seu reverso de culpa. E non será posible unha reivindicación do gozo maternal, como reclamou María do Cebreiro? Algo que, por certo, deixamos adoito nas mans das dereitas. Nomear as sombras e mais o gozo ligados á crianza é unha tarefa que aínda cómpre facer con exhaustividade e desde o punto de vista da muller. Múltiples liñas de sentido que dan testemuña da fonda ambivalencia dunha das experiencias máis radicais ás que nos sometemos nas nosas vidas, escindidos entre a fame da apropiación e a asunción da alteridade de outro ser humano. Abrazas ou esganas?