Que envellecer non é apto para mexericas vouno tendo cada vez máis claro e tamén que a muller envellecida é un dos tipos humanos que máis tende a ser borrado, a desaparecer. De feito non podemos recordar practicamente ningún personaxe substancial, ningún rexistro de ficción fílmica ou literaria que sexa encarnado por unha muller idosa. Ou malvadas bruxas ou melifluas avoíñas adoitan ser os papeis que se nos teñen reservados, sen respecto ningún a calquera individualidade. Por iso, co tempo, decateime do crucial de termos mulleres con nome e apelido que admirar tamén na súa senescencia.
María Xosé Porteiro é unha desas mulleres que nos sinalan a todas o camiño, un camiño desexable por pleno, por valente.
Que haxa mulleres que cheguen a vellas na esfera pública incidindo como modelos éticos e estéticos na sociedade é verdadeiramente importante. Ata o de agora a presenza feminina en idades avanzadas foi case unha anécdota, unha pincelada exótica, e decote ridiculizada, algo que, por fortuna, comeza a cambiar. E é que está chegando a vella a xeración que liderou a Transición, aquela que abriu camiños novos sen o peso que o franquismo deixou nas súas inmediatas predecesoras. As mulleres na setentena tiveron algo máis de lixeireza, algo máis de alegría. Por iso no seu esforzo pioneiro por rachar cos teitos de cristal ensaiaron modos inéditos de relación profesional. Desde a asunción orgullosa da súa identidade eses modelos brillan agora con forza para as que viñemos despois. É tan construtivo o impulso por demostrar a admiración, o agradecemento e o afecto! Nun país cativeiro como o que temos, no que resulta case imposible non caer en loitas cainitas, afirmar a resistencia alegre o recoñecemento sincero é convocar o sol.
María Xosé Porteiro é unha desas mulleres que nos sinalan a todas o camiño, un camiño desexable por pleno, por valente. Lémbroa desde a miña xuventude, como buscaba a súa voz naquel primeiro programa, A bisbarra, feito integramente en galego nunha emisora en Galicia. Radio Popular de Vigo era para min un lugar de vida intelixente, un fiestra aberta ao mundo que me interpelaba. Alí estaba María Xosé, a primeira muller que entrou na súa redacción de informativos, a primeira tamén que figurou nas páxinas de El País en Galicia. Lembro que naqueles anos eu sentía moi intensamente na miña cidade a presenza benéfica dunha muller que, alén de como xornalista, destacaba tamén na súa implicación política socialista e feminista. Desde o seu posto como tenente de alcaldía do concello de Vigo vin como creou a primeira Concellaría da Muller de Galicia, a primeira Casa de Acollida de Mulleres Maltratadas, o primeiro Centro de información Municipal para Mulleres. Estaba creando unha cidade viva, estaba rachando cos teitos de cristal, facendo un bo furado nos prexuízos. Ela e o seu sorriso amparábanme mentres medraba.
Tardei, porén en coñecela persoalmente, foi cando comecei a publicar literatura cando puiden coincidir con ela nalgún foro. Entón decateime realmente da súa dimensión, da súa xenerosidade. Un día chegou á miña casa cunha torta de Mondoñedo e un libro seu, Sándalo, que eu tiña pendente desde había moito. Lembro ben a beleza daquela visita na que compartimos vulnerabilidades. Logo, cando marchou, entrei no mundo fascinante que erguía nas súas páxinas, a experiencia familiar da emigración en Cuba, o fresco dunha epopea. Por fin un relato veraz do que nos constitúe. E pensei axiña en que ese libro era importante para Galicia, en que ía permanecer e tamén en que aínda non se lle fixera a xustiza debida.
Estas eran algunhas das razóns polas que me alegrei tanto ao coñecer a iniciativa do Ateneo Atlántico, a agrupación cultural de Vigo que dirixe outra muller de bandeira que sinala camiños, Luísa Abad. Este outono a entidade decidiu celebrar unha homenaxe a María Xosé Porteiro coas intervencións de Llerena Perozo, Amada Traba, Manuel Bragado, Víctor Freixanes e Alberto Avendaño e mais a participación do artista cubano Raynier Aldana. A exparlamentaria, a exdeputada, a exdelgada da Xunta de Galicia na Arxentina e Urugai, a excoordinadora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega, a actual Valedora do Pobo, que alén diso segue sendo xornalista e escritora de raza, foi a protagonista dun acto de resistencia alegre que convocou o sol da gratitude. Facer visibles vidas exemplares, mulleres pioneiras, como Porteiro fai que o noso futuro sexa moito máis amplo e máis complexo, nin bruxas nin avoíñas, mulleres rotundas encamiñándose cara ó ocaso, cheas de vida plena. Beizóns, mestra!