Fachosfera

| Luz de gas

Era 1980 e eu estaba de viaxe, a primeira viaxe ás terras anchas de Castela, o momento de descubrir o mundo case por vez primeira nese rito iniciático que era a excursión de fin de curso de oitavo de EXB. Daquela estaba aínda de moda pasar polo Val dos Caídos, un lugar ateigado de franquistas choromicando. Ía con Itziar, a miña amiga vasca, que porfiaba comigo nas bondades da loita armada. Gora ETA! Tiñamos catorce anos e parecía excitante, divertido e xusto o ir contra a carcundia, contra a España negra do réxime. Ningún dos maiores que nos aprendía na escola pública, profesorado mozo e cheo de ganas, estaba no bando do pasado. O normal pensabamos nós, era estar contra aquel vello sinistro, aquel espantallo, tan inofensivo xa nos ollos dunha nena, da envergadura dun paxariño.
Por iso Itziar e mais eu puxémonos a bailar coma posesas na súa campa. Bailamos sobre a súa tumba, si, dixemos salta, e choutamos como supernenas axentes da liberación. Morte aos fachas, tan tristes, tan sinistros, tan, tan vellos…

Cando era adolescente, cando era moza, cando cheguei á madureza a palabra “facha” era un insulto: non se resemantizaba. Nunca imaxinei que iso, que semellaba propio da lei da evolución, tivese volta atrás. Porque achegarse hoxe á mocidade pode deparar sorpresas difíciles de asimilar para boomers, xeración X e mesmo para millenials: velaí está a curva ascendente de VOX e o seu novo exército de corpos novos. Facha, con orgullo, facha, con historia, poderío e futuro. Arriba España! E así a manosfera, esa rede de sitios web, blogs e foros en liña, coas súas estrelas mediáticas que se chaman Roma Gallardo ou Jordi Wild ou Wall Street Wolverine é o lugar onde se desenvolve o argumentario de boa parte da nosa mocidade. Dou cunha enquisa de Escape Fake que di que actualmente oito de cada dez mozas e mozos de entre 16 e 21 anos elixen informarse a través das redes sociais. Ben poucos se achegan xa á prensa escrita (15,2%, segundo a enquisa) e non moitos tampouco aos periódicos en liña. Iso podémolo acreditar o profesorado que vemos como ano tras ano as argumentacións dunha parte do noso estudantado van sendo cada vez máis violentas, menos permeables á confluencia e o diálogo, a imaxe e semellanza dos gurús. Hai pouco escoitaba nun magnífico documental de TV3 a un comentarista que falaba de que as redes sociais constitúen unha cancha inclinada na que o discurso do odio, o que busca contrarios, inimigos a abater atopa os ventos todos a favor. Esta é a canle idónea para o neofascismo e a guerra cultural xa a teñen gañada. O discurso da esquerda, vitimista, empático, tolerante, permeable non cadra ben co medio dixital e tampouco é quen de dar esperanza ás novas xeracións. Así que agora os influencers fortemente ideoloxizados son de dereitas, manda truco! Esta xeración Z ten diante un panorama político e institucional devastador, feo aos seus ollos, feo desde os tempos da súa máis tenra infancia alá polo 2008. Non nos representan, din, e, ou non van votar ou votan polos fachas, imbuídos de novo vigor, de novidade, eles que eran o máis cutre do territorio, tristezas que expiar para as anteriores xeracións. E así estamos observando como se forma a onda fascista con cada entrada no teléfono móvil mentres agardan o autobús ou se preparan para durmir, espazos de intimidade que agora aparecen colonizados por unha nova ideoloxía ambiental.

Miran para nós con desleixo, mesmo con noxo. Pensan que somos inxenuos porque cremos na maldade intrínseca do fascismo, eles que poden ser homófobos e homosexuais a un tempo, liberais e proteccionistas, votar a Podemos nunhas eleccións e a VOX nas outras, un estraño cóctel este da fin dos tempos. Ser binario e rexeitar a un tempo o dualismo, esfarelarse en múltiples identidades, pero facer caso do máis forte, do macho alfa que volve para castigo das feminazis.

Os puntos lilas esmorecen polas festas, todas putas.

Son menos, pero escóitanse máis, a foto actual da mocidade está trucada, as voces altisonantes ocupan máis espazo, a monetarización do odio en plena auxe. Imaxínome a min e a miña compañeira Itziar naquela excursiónde fin de curso na que confluíamos coa rapazada de todos os puntos da Península. E hoxe? Entenderían hoxe o noso baile?