Escribimos estas liñas xusto cando o goberno conservador galego vén de dar a coñecer que comeza os traballos para a renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, o cal, segundo é sabido, funcionou case exclusivamente como repositorio de medidas de intervención ordenadas por temas, mais sen cronograma para seren realizadas nin financiamento independente e secuenciado que xustificase a propia denominación de “plan”: ou sexa, viviu ata agora sen planificación ningunha canto á súa execución. A respecto do novo documento, transcendeu que terá un apartado específico dedicado á inmigración, aquel fenómeno que se insinúa, desde algúns sectores comprometidos coa lingua, como o novo “elefante na cacharrería” da lingua galega. Os estudos sobre lingua e sociedade abondan en metáforas, e o mesmo ocorre coas análises do fenómeno migratorio: nos primeiros, a morte da lingua, a mala saúde do galego, a guerra polo territorio lingüístico; nos segundos, a invasión migratoria, as series de metáforas acuáticas detectadas por Teun van Dijk nos 90 na prensa dos Países Baixos: o dique, o encoro, a inundación, tan eficaces e sensibles nun territorio gañado ás augas como o holandés.
Os números sonnos aparentemente favorables: máis dun 50% das e os que chegan proceden de países en que se fala o castelán, e case un 20% ten como lingua materna o portugués. A sociolingüística indícanos que aqueles que xa dominan unha lingua vehicular teñen máis sinxelo aprender outra lingua oficial que se fale no territorio.
Tal proliferación de imaxinería no tratamento social de ambos fenómenos foi a razón pola cal decidimos titular este noso artigo cunha metáfora igualmente gráfica e transparente, subrepticiamente insinuada mesmo por persoas que velan pola defensa do idioma propio: na nosa cacharrería lingüística, fráxil e antiga, composta de obxectos tan prezados como ás veces inútiles e decorativos, a inmigración semella un elemento de franca disrupción, tan absurdo como pouco comprensible e incomprendido. Non sería mellor deixar a nosa venerable louza histórica á marxe da modernidade, musealizala manténdoa incorrupta? Nos parágrafos que seguen tentaremos demostrar que as persoas que veñen non supoñen un continxente desmesurado, tal e como a metáfora do elefante podería facer prever, e tamén nos ocuparemos de como o (economicamente) xeneroso impulso ao retorno, desenvolvido polo goberno conservador, presenta máis sombras que luces canto aos seus resultados para a fixación de poboación. Imos por partes.
Son 155.000 inmigrantes unha mostra de elefantiase migratoria?
De novo pareceu oportuno armar unha metáfora do desmesurado, tomada neste caso da linguaxe médica, para referirnos ao número de inmigrantes que residen nas nosas cidades, vilas e aldeas. Chegaron aquí nun número excesivo, medraron de máis, tal e como lles ocorre a aqueles membros do corpo das persoas afectadas pola doenza que dá título a este apartado? Danarán a nosa lingua, debilitada na súa implantación social tras o retroceso no ensino que supuxo o Decreto de 2010, principal xoia da coroa dun PP que fixo daquela bandeira electoral do discurso antigalego, e cuxa suposta incidencia positiva no coñecemento do inglés por parte das novas xeracións nunca foi obxecto da avaliación prevista no propio texto legal?
Por que é perigoso o discurso que responsabiliza a inmigración de que se deixe de empregar o galego? Por tres razóns: os discursos de odio poden inflitrarse na defensa a favor das linguas minorizadas, a presenza de inmigrantes en Galicia é moi minoritaria, e as persoas estranxeiras absorben os prexuízos cara ás linguas que existen na sociedade en que se instalan.
Galicia é un dos territorios dentro do Estado español con menor capacidade de atracción de poboación estranxeira, aínda que a tendencia nos derradeiros anos amose un aumento importante da inmigración. Se tomamos como punto de partida o informe Mobilidade e migracións en Galicia (Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, 2024), só un 5,7 por cento da poboación residente en Galicia ten nacionalidade estranxeira (aproximadamente 155.000 persoas). A procedencia latinoamericana é no seu conxunto predominante (40%), e os países, ben coñecidos: Arxentina, Venezuela, Colombia, Brasil e República Dominicana. Doutras localizacións comunitarias (Portugal, Romanía, Italia) e europeos (Reino Unido) chega un 32% do stock, e só un 13% e un 5% viñeron, respectivamente, dos continentes africano e asiático, cun peso relevante de China neste último caso. Os números sonnos aparentemente favorables: máis dun 50% das e os que chegan proceden de países en que se fala o castelán, e case un 20% ten como lingua materna o portugués, nas súas versións europea ou americana. A sociolingüística indícanos que aqueles que xa dominan unha lingua vehicular teñen máis sinxelo aprender outra lingua oficial que se fale no territorio, mais tal potencialidade precisa dun contexto social e político proclive ou favorable para que se materialice o seu uso.
¿Por qué é preciso desmontar o perigoso discurso de que a inmigración é responsable de que se deixe de empregar o galego? En primeiro lugar, porque os discursos de odio e contrarios á presenza de inmigrantes tamén poden inflitrarse na defensa a favor das linguas minorizadas. En segundo termo, porque demográfica e socialmente a presenza de inmigrantes en Galicia é moi minoritaria: un 6% da poboación non pode ser responsable da perda de transmisión e uso dun idioma nun territorio con máis de dous millóns de persoas de poboación total. En terceiro lugar, porque está demostrado que as persoas estranxeiras absorben os prexuízos cara ás linguas que existen na sociedade en que se instalan, pois as súas condicións e perfís de asentamento nunca propician un cuestionamento destes. Na escola, os e as menores inmigrantes en idade atópanse coa escasa presenza do galego no sistema educativo e cun reducido, connotado e ás veces excluínte uso da lingua por parte do seu grupo de iguais. Canto ás persoas adultas inmigrantes, estas soen ter xornadas laborais longas nos sectores nos que se empregan (coidados, hostalería, construción, etc.) e case nunca poden reclamar espazo no ámbito público, que é onde se valora como mérito o coñecemento, certificado, do idioma.
Desde a súa lóxica elefantíaca, a Xunta promete agora 100 cursos de galego para o colectivo, mais ás veces pensar “a lo grande” non é o camiño máis evidente para converter unha política en exitosa. Se non se consulta aos e ás especialistas da universidade galega (que hai, e en número importante, tanto no campo da socioloxía como no da sociolingüística), estas 100 valiosas iniciativas de formación serán, coma sempre, implementadas por empresas subcontratadas, impartidas por profesionais sen especialización no tema e moi probablemente mal remuneradas. Así e todo, o goberno conservador poderá dicirlles a aqueles sectores que o sosteñen que, sen se saír do guión da liberdade individual e do bilingüismo amable e riquiño, fixo todo o posible pola saúde do galego. Soa todo xa a tan coñecido e é sempre tan predicible…
O retorno, o grande elefante branco das políticas demográficas conservadoras
Aínda sendo unha metáfora pouco utilizada entre nós, a idea do “elefante branco” cadra perfectamente coas actuacións sobre o retorno implementadas pola Xunta de Galicia cara ao final da segunda década do XXI, todas elas obxecto dun fermoso packaging para a súa máis eficaz difusión mediática baixo o pomposo nome de Estratexia Retorna 2020 (na actualidade, Estratexia Retorna 2023-2026). Falamos de “elefante branco” polo importantísimo investimento que supoñen. Calquera pode localizar doadamente en Internet numerosísimos materiais (vídeos, artigos, produtos para as redes, etc.), en que responsables de diversos departamentos do goberno galego se gaban do “elefantíaco” de tales políticas: un horizonte de 30.000 almas regresando a Galicia, máis de 1000 persoas desfrutando dunha bolsa para a realización dun máster nas universidades galegas xa á altura de 2022, multitudes, en fin, de individuos facendo a maleta da súa vida para regresaren a unha especie de bíblica terra prometida na que case nunca estiveran antes máis que de visita, e iso só unha minoría.
Xorden, porén, moitas cuestións que suscitan preguntas: trátase realmente de iniciativas para o retorno ou máis ben acaban por configurarse como proxectos individuais de mobilidade académica, que non comprometen a instalación en Galicia das persoas destinatarias máis alá do (curto) período de realización da formación? E como é percibida esta nova poboación por parte da sociedade galega? Todas as persoas que se embarcan nun retorno posúen nacionalidade española, están amparadas pola Lei de Impulso Demográfico de Galicia de 2021 e non presentan, daquela, as complicacións documentais tradicionalmente asociadas aos procesos migratorios. No entanto, cal é a lectura que desde Galicia se ten do colectivo, cal é o estereotipo desde o que este é mirado?
A fronteira entre retorno e inmigración practicamente non existe na percepción social de ambos colectivos, ou desdebúxase ou desaparece cando quen recibiu a galeguidade como herdanza comeza a falar en español con acento arxentino, mexicano, venezolano, etc.
Os condicionantes lingüísticos son unha realidade reiteradamente descrita en estudos sobre o retorno transxeracional ou diaspórico: aínda que o mantra con que a administración autonómica recibe a esta nova poboación sexa sinxelo, predicible e mesmo algo machacón (“Sodes galegos e galegas que regresades á casa”), a fronteira entre retorno e inmigración practicamente non existe na percepción social de ambos colectivos, ou desdebúxase ou desaparece cando quen recibiu a galeguidade como herdanza comeza a falar en español con acento arxentino, mexicano, venezolano, etc.
Por último e non menos importante, cal é a relación entre investimento e resultados desta suposta política de retorno da galeguidade exterior? Non estará Galicia funcionando como punto inicial dentro dun proceso de migración líquida, en que o obxectivo das persoas que se moven é en realidade asentarse en mercados laborais máis dinámicos, tanto no nivel estatal (Madrid, Barcelona, Valencia) como europeo ou internacional? O Secretario Xeral de Emigración da Xunta afirmou xa hai algún tempo que o seu departamento realizara un estudo para comprobar os resultados dos programas de retorno e que o traballo, nunca dado a coñecer, ratificaba o éxito de tales iniciativas. Porén, os actos de fe non existen na ciencia: unha análise nunca amosada e só mencionada en actos publicitarios que a prensa recensiona pode non ser independente e veraz. Documentos fake que proban cousas tan peregrinas como a extremadamente elevada competencia en inglés da poboación galega, superior á de calquera outro colectivo territorial do Estado español, son recollidos con frecuencia por medios afíns ás políticas conservadoras e serven de seguro para “ter contenta a parroquia”, mais carecen de validez ningunha desde a perspectiva científica.
Conclusión: nin elefantes, nin elefantas
Nestas liñas intentamos desmontar a idea de que unha vez máis os problemas do galego se deben “á xente de fóra”, como se desde a Rosalía de “Castellanos de Castilla” non pasaran xa case douscentos anos. O retroceso da transmisión inicial do galego é un feito evidente e responde a estratexias de política lingüística familiar que debemos tratar de comprender para logo procurar reverter. Deberiamos atender tamén, en termos analíticos, a aqueloutro fenómeno reiteradamente sinalado, que consiste en que persoas galegofalantes e transmisoras da lingua perciben como os seus fillos e fillas “chegan da escola falando en castelán”, feito que sinala que a infancia é desde ben cedo consciente da xerarquía das linguas entre iguais.
Todo isto non só nos pasa a nós, pois situacións similares son descritas en multitude de contextos internacionais: non só Galicia ten unha lingua minorizada por máis que sexa propia e oficial, non unicamente Galicia implementa políticas de retorno, non pode funcionar Galicia como a excepción ao fenómeno global de mobilidade da poboación.
A nosa proposta é, neste tema como en tantos outros, a de deixar traballar ás persoas especializadas en socioloxía e en sociolingüística, e que sexan elas as que elaboren as receitas que se deban aplicar. Porque, co maior dos respectos para os e as profesionais da comunicación, non se trata neste caso nin de elefantes nin de elefantas, nin de captar audiencias ou gañar eleccións, nin sequera de procurar centralidade mediática e política a través da lingua, coma quen a consegue mediante calquera outro tema que acapare horas de programación: falamos de estratexias de revitalización lingüística en contextos de retroceso social dun idioma minoritario, e para deseñalas e implementalas, miñas señoras e meus señores, estamos nós.
Carme Silva Domínguez. Instituto da Lingua Galega (USC)
Belén Fernández Suárez. Equipo de Sociedades en Movemento [ESOMI] (UDC)








