A cultura galega vive tempos interesantes, como a apócrifa maldición chinesa. En varias das súas expresións, a súa saúde está mellor ca nunca, cunha solidez que deriva da calidade dos contidos e o talento das e dos creadores. Porén, a cultura non é un espazo estanco e alleo á situación sociolingüística do país. Tampouco ás sucesivas crises económicas e sociais que se sucederon nos últimos tres lustros. Ao desenvolvemento dun público interesado no que Galicia ten que dicir en todos os ámbitos hai que opor barreiras que continúan a arredar potenciais consumidores, e que son comúns mesmo a culturas e linguas normalizadas (a comezar polas cifras de lectura).
No presente Informe percorremos os distintos vieiros da cultura galega contemporánea, dando voz a creadores diversos. Igualmente, e para avaliar a situación da lingua con persoeiros de excepción, conversamos cos dous homes que conforman os dous elos máis recentes da sucesión de reitores da Real Academia Galega. O expresidente Víctor Fernández Freixanes e o recentemente electo como presidente da institución, Henrique Monteagudo, botan a vista sobre a situación da lingua propia de Galicia e sobre o que pode agardarnos logo de cada relanzo dun camiño que non cesa.
Inclúe os artigos:
· A cultura galega alén e aquén da lingua – Miguel Vázquez Freire
· A cultura galega: para onde imos? – Francisco Cortez-Lobão Sineiro. Coa participación de Bea Lema (ilustradora), José Manuel Sande (historiador e programador cultural), Esther Carrodeguas (dramaturga) e Cibrán Tenreiro (músico)
· Conversa | Víctor F. Freixanes – Henrique Monteagudo. Galego hoxe e mañán.








