Hai aproximadamente século e medio que o galego comezou a espertar dun silencio literario secular. O camiño desta restitución non sempre foi doado nin recto, con períodos turbulentos e outros de aperturismo onde o libro en galego puido volver florecer. Durante os últimos corenta anos, un réxime democrático e unhas institucións de autogoberno supuxeron a grande oportunidade para normalizar a lingua e a cultura. A edición en galego, que comezara a recuperarse paseniño durante a ditadura, medrou e diversificouse a todos os xéneros e mesmo puido explorar vías fecundas como a tradución. Porén, transcorridas catro décadas cómpre pór o sector perante o espello. Xa no número 191 de TEMPOS NOVOS (abril 2013) intentamos botar luz sobre o seu estado. E hoxe, nalgúns aspectos, atopamos preocupantes coincidencias entre esas dúas radiografías separadas por unha década. Nun momento de especial vizo para a literatura, onde autoras e autores galegos son recoñecidos tamén no ámbito estatal (Chus Pato, Ismael Ramos, Xesús Fraga…), as cifras de lectura en galego mantéñense moi por baixo dos valores comparables, isto é, da lectura en éuscaro e en catalán.
Cales son as causas desta debilidade? É simplemente outra mostra do devalo no uso social da lingua? Ou responde a fenómenos ocasionados no seo da propia industria editorial? Que papel lles corresponde ás institucións e ao público? Para dar resposta a estas preguntas contamos con algunhas das voces máis autorizadas do sector editorial galego, que nas páxinas que seguen achegan testemuños que reconstrúen un panorama desafiante.
Entrevista. Cesáreo Sánchez: “Somos unha cultura moi forte con capacidade de reverter a situación”, por Francisco Cortez-Lobão Sineiro.
O libro galego, entre a resistencia e a hibridación, por Manuel Bragado (contido exclusivo para subscritor@s).
Ese 8% que non podemos soportar, por Henrique Alvarellos (contido exclusivo para subscritor@s).
As librarías, peza indispensable da promoción do libro galego, por Celia Fernández (contido exclusivo para subscritor@s).