Vemos unha diminución e unha constante desactivación da industria editorial, que no seu momento tivo outra fortaleza froito de políticas públicas que apoiaban resoltamente o libro galego. Non se corresponde o momento público das autoras e autores, cos premios que están a acadar, co estado da edición. Sería o momento ideal para reverter estas políticas. Tampouco se pode desligar a situación do libro galego da do idioma.
A industria vive unha situación de soidade fronte ás institucións e ao público lector?
O público lector hai que crealo. A lectura require de plans concretos de promoción. Non se está a resolver coa Lei do Libro, que espertou tantas esperanzas cando se aprobou por unanimidade, pero que non se desenvolveu como debeu. A realidade é que cada vez hai menos diñeiro para a edición e isto empobrece todo o sistema: lectores, escritores… É un río con moitos afluentes que o alimentan. Un país culto como Galicia non pode estar nesta situación. Afortunadamente, Galicia ten grandes creadores en narrativa, poesía, cómic, teatro… Fai falta un referente de apoio público. É certo que no sector municipal hai apoios, por exemplo, con premios que facilitan a edición, véxase en ámbitos como a poesía que poden ser menos comerciais. O do libro é un sector que indica cara a onde queremos ir como país. É a punta do iceberg dunha realidade ampla. Nos últimos anos houbo un recoñecemento importante froito da calidade, pero non todo o mundo pode subir ao carro deses méritos.
“O escritor galego carece dunha prensa onde poida achegar os seus artigos e compartir o seu pensamento. En Francia os artigos de prensa dun escritor son unha parte importantísima dos seus honorarios. […] Diminuíu o número de persoas que podían dedicarse profesionalmente á escrita”.
O pagamento de dereitos de autoría é moi baixo para os autores en galego. Isto dificulta a profesionalización?
Si. Ademais ese concepto implica unha certa solidez. A porcentaxe na economía diaria do escritor deses dereitos é moi pouca. Ademais, o escritor galego carece dunha prensa onde poida achegar os seus artigos e compartir o seu pensamento. En Francia ou nos Países Cataláns os artigos de prensa dun escritor son unha parte importantísima dos seus honorarios. En Galicia estas cantidades non permiten unha gran dedicación. Un escritor precisa formarse e iso custa cartos: teatro, cine, exposicións, libros… É un proceso lento e neste momento inviable. Por iso diminuíu o número de persoas que podían dedicarse profesionalmente á escrita. Isto derívase da concepción que existe sobre o escritor. Durante a pandemia, nunha videoconferencia, o conselleiro de Cultura do momento deu a entender que os escritores escribiamos nas fins de semana. Unha editorial ten empregados profesionais, pero ese carácter non se nos recoñecía aos escritores. Esta situación pode levar a que todo o sistema literario galego, que até agora foi monolingüe, busque outra saída, como a concorrencia en premios fóra de Galicia. Hai que dignificar a literatura e a condición de escritor.
Resulta inevitable compararnos con situacións análogas aínda que distintas, como son os sistemas literarios e culturais de Euskadi e Cataluña. En que nos diferenciamos? En que nos parecemos?
Hai distintos ritmos históricos acompañados de gobernos con filosofías distintas. En Euskadi hai un apoio enorme aos escritores. Nos Países Cataláns vívense situacións políticas semellantes á nosa e iso reverte na produción literaria. Se nós tivésemos a terceira parte do apoio gobernamental de vascos e cataláns polos seus gobernos… Mira a produción literaria que temos, cun recoñecemento público de calidade demostrada a través de premios, e imaxina. Unha mostra da nosa situación é o feito de que a administración non apoie a presenza do sector nas feiras internacionais. Moitas veces nin se nos presenta como unha cultura senón como un Camiño que remata nunha praza cunha catedral. A cultura está moi vinculada á promoción do patrimonio cultural. Eu non son pesimista, porque creo que existe a capacidade social de reverter a situación. Galicia, socialmente, sempre quixo os seus escritores. Pero é un sector crítico que exerce unha función ética, de promoción duns valores, e isto moitas veces non coincide co ideario do poder. En ningunha cultura que eu coñeza as administracións deixan de apoiar os seus escritores e editores por discrepancias políticas, se ben é certo que no País Valenciano e as illas vívese un proceso de reversión. Teñen a fortuna de que o goberno de Cataluña si apoia a súa cultura. Resumindo, volvendo a Galicia, somos unha cultura moi forte, e a pesar de todos os pesares temos a capacidade de reverter a situación.