O pasado 8 de setembro celebramos, no Consello da Cultura Galega, o XXI Simposio da Edición, organizado pola Asociación Galega de Editoras. O lema deste ano foi «O libro galego nas librarías», e contamos, para a inauguración, coa presenza da Consellería de Cultura, coa participación directa da Federación de Librarías de Galicia, e representantes do sector libreiro do País Vasco e Cataluña.
A idea do Simposio partiu dun dato estatístico que nos manca especialmente, que se nos fai difícil soportar, e comunicar, cada ano: o mercado do libro galego é o 8% do mercado do libro en Galicia. É dicir, que de cada 100 persoas que entran nunha libraría, só 8 elixen, para ler no seu tempo libre, un libro galego. Esta cifra aumentaría ata o 15% se incluímos as lecturas que veñen recomendadas ou prescritas nos centros educativos, e os libros de material educativo. Pero o que chamamos lectura «espontánea» é, en galego, dun ínfimo 8%.
Nós, detrás, non temos unhas políticas públicas que consideren o libro como sector estratéxico, tal e como hai xa case 20 anos demanda a Lei do Libro de Galicia, aprobada por unanimidade no Parlamento galego en 2006.
Unha cultura como a nosa, unha edición e unha creación escritas que cada ano están a recibir o recoñecemento fóra das nosas fronteiras (estes días, unha poeta galega de novo, nesta ocasión Chus Pato, gañou o Premio Nacional de Poesía, e uns días antes, unha ilustradora coruñesa, Bea Lama, o Nacional de Cómic), unha cultura con este prestixio fóra non pode soportar dentro estas cifras.
Que sucede?
Na Asociación Galega de Editoras estamos integradas 46 empresas editoriais. O gremio fundouse hai 41 anos e hoxe publicamos algo máis de 1.000 títulos, un 70% deles, en galego. A Xuntanza do Simposio tiña como obxectivo buscar respostas a esta tan precaria situación do mercado interior do libro galego. E se algo quedou claro, tanto por parte da Federación de Librarías como da nosa Asociación, e despois de escoitar a vascos e cataláns, é que sen políticas públicas de apoio á lectura e o libro galegos, a situación non vai mudar. «Nós temos a sorte de contar cunha Administración sensible detrás, e que apoia, que actúa», afirmaba Àurea Perellò, responsable das librarías Finestres de Barcelona. E nós, detrás, non temos unhas políticas públicas que consideren o libro como sector estratéxico, tal e como hai xa case 20 anos demanda a Lei, a Lei do Libro de Galicia, aprobada por unanimidade no Parlamento galego en 2006.
Isto é o primeiro que sucede. E isto arrastra a todo o demais. Por exemplo, os libros galegos teñen pouca visibilidade en moitas librarías. Agás importantes excepcións, non é doado atopar á entrada ou nos andeis principais as novidades galegas. Ou todos os libros en galego están xuntos como se fosen un xénero, algo que no País Vasco e Cataluña non sucede.
Cómo superar ese oito por certo que tanto nos doe require de moitos esforzos, de moita discriminación positiva. (Por certo, o libro en lingua vasca ten un 17% de mercado, e en catalán alcanza o 34%).
Esta necesaria discriminación positiva, escoitámoslla a librerías comprometidas de Galicia, Euscadi e Cataluña. Na cadea Elkar do País Vasco destinan sempre un 50% do seu escaparate a libro en éuscaro. Na Númax, en Compostela, traballan o que Mariña de Toro define como «efecto arrastre e efecto sorpresa»: non separar os libros por idiomas senón relacionalos e colocalos por contidos por asociación de ideas. «Isto levounos a vender un 50% de libro galego».
O sector do libro, esa gran bibliodiversidade de editoras e moitas librarías, facemos un traballo profesional, ás veces heroico, construíndo e comercializando libros dunha calidade incuestionable. E sabemos que contamos cun público con gana de vivir a experiencia da lectura e das historias ben contadas. Pero como non contemos cunha Administración útil, que escoite, sinta o país e actúe, os nosos esforzos non van incrementar ese 8%, ese 8% que non podemos soportar.