Galicia é a comunidade autónoma con maior número de librarías por habitante, aproximadamente 1 por cada 10.000, unha cifra especialmente importante se temos en conta a dispersión local da nosa comunidade. Sen embargo, o sector do libro en galego está lonxe de acadar as cotas do resto de linguas. Mentres o éuscaro chega ao 17% e o catalán supera o 30% de vendas nas súas comunidades, en Galicia so o 8% dos lectores e lectoras elixen libros en galego.
Non son as cifras desexadas, pero existen outros indicadores de interese que parecen sinalar o camiño. Nas feiras do libro deste 2024 a venda de libros en galego ascendeu ó 35% do total. Parte da chave deste aumento significativo atopámola no tipo de librarías participantes nas feiras, que apostan forte pola edición en galego e achegan ás feiras, espazos cunha loxística distinta á de unha libraría, un fondo importante que en moitas ocasións supera con creces a venda do castelán.
A reflexión que dende a Federación facemos é que estamos ante un sistema precario de supervivencia, no que as librarías somos parte do “problema” pero tamén parte da solución.
Os libreiros e libreiras buscamos a viabilidade dos nosos negocios, pero a estrutura que se erixe arredor do sistema de produción e edición é unha entropía económica. A conversa recorrente coa que batemos acotío é o problema de conciencia social, o papel fundamental tanto da administración pública, como de política lingüística e incluso do Consello da Cultura Galega, que neste caso concreto detectamos como fracaso total e absoluto na defensa do noso idioma.
Compete a toda a sociedade reverter esta situación, comezando coa base do sistema educativo.
A falta de solución está en mans de todos estes eidos da administración pública, pero tamén avogamos por unha corresponsabilidade coas editoriais: dende a Federación consideramos que as librarías deberían ser canle exclusivo de venda, algo que non sucede. Atopámonos sen apoio expreso ante xestións tan agresivas por parte de certas editoriais que venden directamente ós centros educativos, ás bibliotecas…e restrinxen a nosa intervención como parte da cadea. Engadimos o malestar que nos trasladan as librerías cando estas mesmas editoriais baixan os descontos editoriais na facturación e non dan alternativas de mellora e accesibilidade a campañas máis atractivas e comerciais, como por exemplo a celebración do Día das Letras Galegas.
A promoción nas librarías debe ser unha sinerxia, creando un decálogo de boas prácticas nos dous sentidos -editorial e libraría- para promocionar o libro galego. As presentacións, os clubes de lectura, os contacontos… as actividades desenvolvidas nas librarías son a casa de todos e todas os autores e autoras galegos, e son peza indispensable da promoción do libro en galego.
Detectamos maior presenza nas nosas librarías de editoriais galegas independentes e de nova creación, sumándose ás xa clásicas. Todas elas dispoñen dun amplo abano de publicacións con distintos xéneros literarios, apostando tamén polas traducións, facendo aínda mais atractiva a escolma dispoñible do libro galego nas librarías.
A aposta de produción que estas editoriais levan a cabo é moi potente. Estes selos independentes son os que asumen máis riscos: distáncianse das modas e apostan por chegar a lectores mais heteroxéneos. Invisten máis tempo e coidado en cada lanzamento, establecen liñas gráficas que as diferencian e que as fan recoñecibles nas mesas de novidades das nosas librarías. Son moi esixentes coa calidade, empregan papel con gramaxes especiais, coidan cubertas, deseños, ilustradoras… son proxectos moi elaborados e pensados antes da súa posta en marcha, o que fai que adquiran un valor engadido tanto no momento da súa exposición como atractivo de venta perante o público lector.
Con todo, e coa evolución tecnolóxica, dende a Federación tamén tomamos conciencia que no mundo editorial houbo, por unha banda, unha mellora substancial en canto a facilidade de publicación grazas ós avances informáticos e tecnolóxicos, o que permite tiraxes de poucos exemplares e en calquera formato, pero por outra banda hai menos persoal dentro das editoriais. A isto sumamos o encarecemento (segue medrando) do prezo do papel.
Dende a FLG propoñemos crear unha ferramenta directa na que as librarías poidamos volcar información de carencia literaria para que chegue directamente tanto ás editoriais como á administración pública.