Cada vez vivimos máis anos. A esperanza de vida en Galiza sitúase actualmente nos 84 anos. Porén, en que condicións envellecemos?
Hai un indicador que mide a esperanza de vida en boa saúde, isto é, cantos anos da nosa vida vivimos libres de limitacións ou discapacidade. Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE, 2022), as galegas e galegos gozamos dunha media de 75,9 anos de vida saudábel desde o nacemento. Isto quere dicir que os últimos anos da nosa vida, case unha década, vivímolos con limitacións, e polo tanto precisamos de apoios para desenvolver a nosa vida diaria.
É por iso que un dos grandes retos do noso tempo é engadirlle vida aos anos, a comezar por garantir o dereito a unha vellez digna. Porén, iso está lonxe de ser unha realidade, e así o evidencian os datos.
“Faltan prazas públicas nos servizos para garantir o exercicio dos dereitos recoñecidos e faltan cartos –moitos do Estado– nun sistema de dependencia no que, se mo permiten, parece que ninguén cre”.
Segundo o último informe publicado polo Imserso sobre o Sistema de Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD), en xaneiro de 2025 había en Galiza 2.742 persoas agardando por algún chanzo dentro do proceso de tramitación da dependencia. De feito, entre 2017 e 2023 faleceron no noso País 6.500 persoas nesa espera, máis de dúas ao día, a inmensa maioría agardando polo acceso a un servizo ao que tiñan recoñecido o dereito por lei. E é que a quen consegue percorrer a carreira de obstáculos que supón esta tramitación aínda lle queda agardar outro tanto para poder exercer os seus dereitos. Sirva de exemplo o acceso a unha praza en residencia. Segundo a propia Xunta hai 1.500 persoas esperando sen ningunha outra prestación por unha praza de residencia á que teñen dereito recoñecido. Ademais, outras 6.754 reciben unha axuda económica para pagar unha praza na privada porque non hai ningunha pública á que poidan acceder.
A situación non é moito mellor se falamos da axuda a domicilio. O Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o de maior volume de persoas usuarias actualmente (máis de 24.000 en todo o País), está ao borde da quebra. Tal é o colapso que a maior parte dos concellos dan altas por baixas, isto é, tes que esperar a que faleza un veciño para acceder a el. Inhumano. Este colapso débese en boa medida á falta de financiamento. O SAF, que debe ser sostido economicamente a partes iguais entre a Xunta e o Estado como calquera outro servizo da dependencia, recae como unha enorme lousa sobre os pírricos orzamentos municipais porque as dúas administracións responsables apenas achegan 12 euros para financiar cada hora de prestación, cando o custe real do servizo oscila entre os 20 e os 25 euros a hora.
Falta, pois, persoal nas valoracións e tramitacións da dependencia para cumprir cos prazos legalmente estabelecidos. Faltan prazas públicas nos servizos para garantir o exercicio dos dereitos recoñecidos e faltan cartos –moitos do Estado– nun sistema de dependencia no que, se mo permiten, parece que ninguén cre. E igual esa é a explicación máis realista e fidedigna a tal desleixo do que só as empresas privadas tiran beneficio, que non se cre que exista un dereito colectivo cando falamos de benestar e de coidados senón o privilexio dunhas poucas persoas a pagarse esa atención nas mellores condicións.
Eu non son dese pensamento, non o é o nacionalismo galego, que acreditamos sen lugar a dúbidas na necesidade de construír un verdadeiro Servizo galego do benestar. Un SERGAS dos coidados que ao igual que a sanidade pública co dereito á saúde, garanta o dereito a unha vida digna proporcionando unha rede pública, próxima e diversificada de coidados pensando en primeiro e último lugar nas persoas. Unha rede pública e forte que nos dea vida independentemente de quen sexamos e, sobre todo, dos cartos que teñamos.





