Se nunca foi doado ser novo, se cadra nunca foi tan difícil. A mocidade galega atravesa unha época de crise múltipla, dende o ambiental -con ameazas globais como o cambio climático e expresións locais como a mobilización contra Altri- ao político -cunha crecente impugnación das institucións e mesmo da historia democrática entre sectores sociais reaccionarios- sen abandonar, por suposto, o económico -xa que é a mocidade, case por definición, o tempo da precariedade, hoxe perenne-.  

Por iso, a mocidade galega centra este informe. Por unha banda, o noso colaborador Miguel Vázquez Freire disecciona o que os fríos números din sobre as mozas e mozos. Pola outra, dámos voz a representantes desa mocidade, dende o asociacionismo político e sindical ao cultural e comunicativo, ademais de investigadores académicos, para falaren sobre a realidade cotiá por tras deses estudos de opinión. Así, radiografamos unha xeración non perdida, pero si cansa. Creadora e frustrada. Ousada pero meditabunda. Unha mocidade que son todas as mocidades que houbo antes, filtradas baixo a luz pálida dun mundo novo e, en demasiados aspectos, tenebroso.

Que pasa coa mocidade?, por Miguel Vázquez Freire
Unha mocidade que fala por si mesma, por Francisco Cortez-Lobão Sineiro. Coa participación de Susana Sánchez, Pedro Rey Araújo, Carlota Álvarez e Leila Fernández