“Din os soños i os paxaros: Á morte non é certo”. Son palabras de poema con efecto de verdade. De Uxío Novoneyra. Si: a morte non clausura definitivamente a existencia, que permanece nos ciclos da natureza e nos soños da memoria. A morte semella imposíbel e non parece certa para quen, desde esta banda, asistimos aos primeiros días da ausencia.
Non temos aínda certeza cabal da ausencia de Xosé Manuel Beiras. E sabemos tamén que as horas da súa vida continúan vibrando na memoria de nós. Pero el se nos vai afastando como corpo real, como presenza imprescindíbel. Quedamos sen a súa compaña, esa proximidade amorosa, aquela cercanía inimitábel.
Da derradeira conversa, hai pouco máis dun mes, que foi breve diálogo telefónico, fica un fío feliz, unha promesa: un encontro anunciado na casa de Odile Mansuy e Silverio Rivas en Paramos de Tui, con Miguel Anxo Fernán Vello, Ánxel Huete, Tomás Camacho, Esther Casal, Xosé Manuel e mais eu. Para esta ocasión, ao grupo que desde hai varios anos nos reunimos con Beiras a xantar e derivar en ideas, proxectos posíbeis, lembranzas decisivas, ledicia e nostalxia, íanse xuntar Martiño Noriega e Antón Sánchez amigos fundamentais de Xosé Manuel que xa antes estiveran con nós –ou nós con eles- en Brión. Acompañábanos sempre en memoria activa o artista Xosé Luis de Dios, tan da querencia de Aurichu e Xose.
A heterodoxia de Beiras, a súa condición de político de fórmula inusual, fundamentouse, entre outros alicerces, na altura excepcional da súa intelixencia e na capacidade de diálogo versátil, na súa propensión á confluencia.
O eco próximo dese derradeiro contacto con Xosé Manuel (“cando vaia mellorando vémonos na de Silverio”) multiplica agora rumores dunha longa memoria, cuxo primeiro instante foi o dunha velada nocturna no piso onde vivían el e Aurichu, no Preguntoiro, mediada a década dos 80 e onde o debate político nos enguedellou en reviravoltas de vehemencia cuxo contido non consigo lembrar aínda que si permanece viva a imaxe do leve sorriso irónico de quen xa era o referente central do nacionalismo galego. Aurichu non me consentiu a fraxilidade da dúbida e Xose sorría cun garimoso aceno de ironía secreta e cómplice.

Amigas e amigos de Beiras na carballeira de San Lourenzo. Xantar da Día da Patria de 1997.
A heterodoxia de Beiras, a súa condición de político de fórmula inusual, fundamentouse, entre outros alicerces, na altura excepcional da súa intelixencia e na capacidade de diálogo versátil, na súa propensión á confluencia. Era a posición antidogmática do intelectual de raíz, complementada polo seu transparente interese a respecto das opinións e as experiencias dos seus contertulios. que, en momentos de interlocución próxima, no faladoiro amigábel, se manifestaba a través dunha fala maiormente serena e aberta á dúbida e ao matiz. Aquel fluído interrumpíase, porén, algunhas veces polo estouro da irritación, máis dirixida contra o suxeito colectivo a quen parecía representar nese momento o compañeiro ou compañeira provisoriamente caído en desgraza que contra a persoa concreta, vítima do seu exabrupto, rapidamente reconvertido en manifestación de afecto.
Mágoa non conseguir lembrar polo menos fragmentos daquelas conversas, dilatadas na tarde e na noite da casa de Aguiar, a da Reboraina, fermosa construción de pedra antiga que soñaba con vir de vedrañas raíces xenealóxicas dos Beiras ou dos Pereira de Aurichu, alimentada por auga abondosa de varias fontes que non paran nunca de falar. Coma nós aquel día de comezos dos 90, con Luisa Villalta no violín e Paulino Pereiro ao piano, relevado por Xose, que se excusaba dalgún desvío fronte ao compositor e pianista amigo. Estabamos tamén alí Bea –Beatriz García-Ramos- e eu. E a miña irmá Berta. Un cadro da súa autoría penduraba nunha das paredes daquel salón. Luisa, Berta, Aurichu, ben cedo en silencio. E agora tamén Xosé Manuel.
O discurso privado de Beiras, distendido e modulado en pautas de ritmo natural, cando tomaba a palabra de conferenciante, de parlamentario ou de líder, facíase sinfónico e volcánico, alternante entre o estouro imprecatorio e a melodía emotiva, enfiado en movementos contrastados e fugas de caste barroca.
Outras casas, outros lugares para a xuntanza frecuente: no Oleiros de Noli Vega e Pancho Pillado, recitais de música e poesía; en Casal de Moaña, lugar de Xelo Beiras e Domi Morigny e vivenda deseñada por César Portela; en Santradán de Ánxel Huete e María Xosé Ruiz, onde fundamos o Foro da Cultura Galega, co apoio firme de Aurichu e Xose; en Lanzós con Sofía Martínez Falero e Paulino Pereiro nos día da Feira de Mondoñedo; e no noso Vilar do Morrazo en ceas de agosto acompañadas polo viño de Sisán, da colleita do mestre republicano represaliado Herminio Barreiro Calvete, pai do Herminio de Brais Pinto. Foi celebración que se desenvolveu ao longo de perto dunha década, nun tempo que superara a mocidade pero aínda non nos afastara demasiado dos seus dominios. Falabamos de poesía, da historia recente, de arte, das xentes de nós, entre as que ocupaba memoria sobranceira a tribu inesquecíbel dos vellos galeguistas. E, obviamente, do asunto político, enxergado desde a doada e densa transparencia de Beiras, moitas veces a través do relato da súa propia traxectoria, detallado en memoria de alta precisión. E tamén da súa xenealoxía que, nalgún momento non demasiado distante do presente, tres xeracións atrás, conectaba coa miña da familia Álvarez en parentesco de complexa lembranza. Eramos os irmandiños do Vilar. Hoxe seguimos cultivando aquela veiga política, humana e sentimental.
O discurso privado de Beiras, distendido e modulado en pautas de ritmo natural, cando tomaba a palabra de conferenciante, de parlamentario ou de líder, facíase sinfónico e volcánico, alternante entre o estouro imprecatorio e a melodía emotiva, enfiado en movementos contrastados e fugas de caste barroca. Apenas ninguén discute a esplendorosa posta en escena, a altura das súas artes oratorias, a forza do pensamento e a oportunidade política da palabra pública de Xosé Manuel Beiras, cuestionada, porén, a densidade conceptual de certas pasaxes e a súa querencia pola cita culta e literaria por parte de algunhas xentes que preferirían unha liña exclusiva de fala ortodoxa e popular. As arengas de Beiras na praza da Quintana logo da manifestación do Día da Patria acendían o lume da festa e promovían o entusiasmo e a esperanza, cargamento feliz que nos levaba a un grupo de amigos e amigas a xantar con Aurichu e Xose na carballeira de San Lourenzo.
Creo que a anatomía musical da palabra pública de Beiras emparenta coa súa dedicación ao piano, coa súa formación na práctica do instrumento ao que dedicou moitas horas da súa vida. Lembro as imaxes televisivas do candidato nacionalista en xornada de reflexión antes do día das eleccións autonómicas, autoanémicas, como el prefería. Tocaba Xose o piano na súa casa de Aguiar. O fascista Manuel Fraga Iribarne xogaba ao dominó en Perbes. “As xemas dos dedos de catro mans, en dous pares ben diferenciados, agarimaban pezas de semellante formato, material e cor, marfíl en branco e negro. Unhas producían música de Mozart. As outras procuraban o seis dobre.” Pertencen estas liñas a un texto meu incluído no libro de homenaxe titulado Á beira de Beiras, de 2011.

Con Camilo Nogueira, Aurichu Pereira, Vázquez Montalbán e Ignacio Ramonet no Foro Social Mundial de Porto Alegre (2002)
Música, ensaio económico, docencia, traducións, foron as ocupacións profesionais e vitais do “político atípico” –en caracterización de Pancho Pillado e Fernán Vello- que se vía a el mesmo sempre en tránsito, conducido sempre pola necesidade de contribuír á procura dunha solución liberadora para o país tamén atípico que foi a súa nación e con frecuencia tentado de abandonar aquela entrega para instalarse con mais gratificante dedicación nos eidos da actividade intelectual. O tránsito alongouse en camiño de máis de sesenta anos e debuxou unha liña de nidia coherencia, desde a súa decisiva achega á fundación do PSG en 1963 até a creación de
Anova-Irmandade Nacionalista en 2012, logo de 30 anos de militancia e liderado indiscutíbel no BNG e dun magnífico labor de parlamentario irreverente, zapatazo incluído, e de enfrontamento aberto con Alberto Núñez Feijoó, o dereitista moderado que perdeu toda a substancia da súa falsa moderación para situarse en banda paralela ao rumbo da ultradereita fascista. A importante participación de Beiras nas sucesivas convocatorias do Foro Mundial Social afortalou a súa vontade de organizar novas conexións, neste caso a do nacionalismo galego cos movementos altermundistas internacionais, actividade que en gran medida lle serviu para compensar o seu sentimento de frustración ao respecto da política partidaria e para afirmarse na importancia da acción de base desde as plataformas sociais.
Teño para min –que compartín con el esta apreciación- que Xosé Manuel cultivaba a vontade certas artes de inocencia e entusiasmo confiado, causa de determinadas deslealdades das que foi vítima ao longo do seu longo traxecto político.
Beiras fíxonos a moitos e moitas irmandiños en loita antifascista e nacionalista que quería unir tamén as forzas da esquerda non nacionalista, nun proxecto que hoxe máis que nunca resulta de urxente necesidade. A súa contaxiosa opción de confluencia, que obtivo un importante efecto electoral, suscitou algunhas reaccións de inxusta animadversión contra el, que tivo que aturar os insultos de traidor e españolista, cualificativos cargados de cheiro a caverna dogmática. Finalmente, en proba da súa xenerosidade e intelixencia, achegouse de novo ao BNG, que tamén lle foi xenerosa e intelixentemente aprezada. Teño para min –que compartín con el esta apreciación- que Xosé Manuel cultivaba a vontade certas artes de inocencia e entusiasmo confiado, causa de determinadas deslealdades das que foi vítima ao longo do seu longo traxecto político.
Na morte de Beiras tivo un peso decisivo a ausencia de Aurichu, a muller vitalista, de poderosa personalidade, compaña imprescindíbel, apoio fundamental.
Eses rumbos políticos de máis de seis décadas foron interrompidos entre 1977 e 1981 por causa do que el chamaba, en transparente declaración pública, a súa “baixada aos infernos”, a doenza síquica que o mantivo afastado da vida pública. Ao seu regreso encontrouse con Aurora
Pereira, Aurichu, que foi o seu amor desde 1982 e para o resto da vida e que, co seu falecemento en 2023, abriu un espazo de tristura e soidade insuperábeis. Na morte de Beiras tivo un peso decisivo a ausencia de Aurichu, a muller vitalista, de poderosa personalidade, compaña imprescindíbel, apoio fundamental. En homenaxe a Aurichu escribín un texto, inédito de momento, do que me parece oportuno copiar aquí algúns fragmentos.
Aurichu trae cargamento de ledicia e tempo. Nunca é fuxidío o prazo da súa visita, un estar permanente que non sinala lindes. Entra, pregunta, toca e remexe, declara e comparte a certeza, escoita con vontade verdadeira de saber, interrompe a marcha da conversa, vainos levando e logo acouga para celebrar a vida. Faise noite e madrugada mentres Aurichu conduce e desvía, protesta e concorda, cala e atende, silandeira cabal.
Aurichu Pereira en acougo de teas e roupas brancas no alto da rúa da Fonte Sequelo, aquel observatorio onde nacían as palabras novas da media mañá e as augas que baixaban á Quintana, Xanela, arte do pobo, centro, eixo do mellor estilo textil, vestimenta senlleira para a pel da nosa elegancia disconforme e, en grande medida, para o corpo xentil de Xosé Manuel Beiras, vestido de Aurichu. Vestíanse tamén os nosos ollos con formas e luces dun prodixio inimitábel: o mundo dos soños de arxila de Rosa Ramalho, que se ofrecía na loxa da Fonte Sequelo. Na factoría artística de Xanela traballaron as mans e a intelixencia creativa de Aurora Pereira a traducir Picasso, Kandinsky, Matisse e Mondrian á fala do liño.
A súa intelixencia creativa –todo era creatividade na raíz do seu pensamento- dirixiu en traxecto forzosamente interrumpido durante anos a man da pintora, desde o neoprimitivismo esencial de Maside, o seu mestre primeiro, á esencialidade abstracta das últimas andainas, ese sedutor fluído de augas e terras co que ela construiu a serie Meu Courel imaxinario, en cuxo centro natural escoitamos a voz da cerna substantiva e absoluta de Uxío Novoneyra.
Como outros mozos que nalgún momento xiraron naquela órbita, Xosé Manuel afastouse do rumbo do galeguismo galáctico na dirección da esquerda independentista, que foi o seu itinerario permanente desde comezos dos anos 60.
A elegancia disconforme e singular de Beiras viña orientada polo estilo de Aurichu, quen ademais, desde o obradoiro e tenda de Xanela, aportaba o liño das vestimentas cada día máis concordes co branco intenso do cabelo en chamativo contraste con aquel azul aceso dos ollos do seu compañeiro, ollos de neno. Orientou tamén Aurichu en grande medida o achegamento de Xosé Manuel ao ámbito das artes visuais, ao contacto e amizade con artistas como Silverio Rivas, Ánxel Huete ou Xosé Luis de Dios. Dos tempos de París viña xa a comunicación con Virxilio e Colmeiro e dos de Madrid a afinidade e o aprezo da arte de Reimundo Patiño. A vivenda da Reboraina de Aguiar, casa con obradoiro artístico, é un museo familiar que congrega o mellor da pintura galega contemporánea. Xose Manuel, como os seus devanceiros do galeguismo histórico, cultivaba tamén unha especial devoción pola arte pictórica de nós, obra de, ademais dos citados, Castelao, Arturo Souto, Maruja Mallo, Maside, Díaz Pardo, Lugrís, Laxeiro ou Seoane.
A paixón pola música e as artes visuais acompañou á primeira entrega, formativa e emocional á lectura literaria do neno Xosé Manuel Beiras, quen na biblioteca paterna puido coñecer a fondo a obra dos escritores e escritoras galegas da tradición e a contemporaneidade. Menos intenso foi, segundo me confesou, o seu interese pola literatura española, rexeitada desde unha posición emocional de incipiente galeguismo combativo. Do seu tempo en París, o seu contacto coa realidade política e social de Franza e os seus estudos de lingua e literatura francesa na Sorbona, naceulle a devoción pola obra e as figuras de Camus e Sartre, entre outros autores. De Camus, de quen se declaraba firme admirador, valoraba sobre todo a posición ética e as liñas estéticas da súa escrita. Situado fronte ao conflito persoal e político que distanciou a ambos intelectuais, posicionouse en cambio na banda ideolóxica de Jean Paul Sartre. Proba evidente da atracción que sobre Beiras exerceu a literatura francesa son as súas traducións ao galego de obras teatrais como Os xustos e Calígula de Camus, a Antígona de Anouilh e As moscas de Sartre.
Na obra ensaística de Beiras, O atraso económico de Galicia (1972) ou Prosas de combate e maldicer (1991), dous títulos sobranceiros entre outros, sentimos a vibración dun estilo probabelmente orixinado naqueles alicerces de substancia musical que explican tamén as claves da súa oratoria. A forma súa de dar sentido ao pensamento fundaméntase tamén –non pode ser doutro xeito- no pouso da obra de determinados autores e autoras que, alén dos franceses citados, el nomeaba con especial agarimo. Veñen aquí agora ao xeito de mínima referencia sintética os nomes de Kafka e Faulkner, Eça de Queiroz e Saramago, Cortázar, García Márquez, Galeano, Rosalía, Pondal, Manuel Antonio, Cunqueiro e Celso Emilio, Novoneyra, Mourullo, Ferrín, Xohana Torres e Antón Avilés de Taramancos.
Do pouso sedimentado na mesa camilla de Piñeiro e a súa Galaxia veñen os fundamentos remotos da idea e a estratexia política de Beiras. Como outros mozos que nalgún momento xiraron naquela órbita, Xosé Manuel afastouse do rumbo do galeguismo galáctico na dirección da esquerda independentista, que foi o seu itinerario permanente desde comezos dos anos 60. Un Beiras moi novo visitaba no seu tempo de máis estreita colaboración co grupo da editorial Galaxia a casa de verán de Paco del Riego e Evelina Hervella, situada a carón da nosa, chantadas ambas sobre a area da praia da Calzoa, parroquia viguesa de Coruxo. Lembrábame el, varias décadas despois, a presenza naquelas xuntanzas dos irmáns Álvarez Blázquez, o meu pai, Xosé María, e o meu tío Emilio. E tamén, a brincar no xardín veciño, os fillos de María Luisa e Xosé María, eu entre eles. Eu non consigo -¿ou si?- visualizar a esguía figura daquel mozo na nosa praia da Calzoa. Estou feliz de saber, hoxe máis que nunca, que as nosas vidas se comunicaron por primeira vez hai perto de setenta anos e de que a súa continuará activa no amor e na tristura da miña memoria.





