A ida de Xosé Manuel Beiras vai tomando forma definitiva conforme vai quedando atrás aquel adeus, botando man da manido multitudinario, que o pobo galego lle dedicou rachando en aplausos o silencio gris do granito no museo homónimo. O ceo non quixo pór a mesma cor aquela tarde, e marchou O Beiras, coa maiúscula dupla, baixo un azul celeste tan pudoroso no loito como patriótico no ton. Santiago, a cidade del, o país pequeno no corazón do meirande, e Galicia toda -entendida na acepción máis fermosa, a do ceo que nos alenta, ilumina e molla- quixeron despedilo con esa serenidade impropia.
Non foi doada a encarga de escribir estas liñas. Pesa un temor reverencial por riba de calquera outra cousa. Nunca fun próximo de Xosé Manuel Beiras, non sendo como parte integrante desa tribo imaxinaria que nos coloca compañeiros nun camiño. Coñecino, por suposto, polos avatares persoais, profesionais e políticos que a todos nos enredan. Gardo con especial celo un exemplar asinado, por el e por Carlos Calvo, de Un socialismo propio. O cooperativismo no Beiras mozo (Companha Editora, 2025), que alén do seu interese documental ofrece o que me pareceu, xa naquela altura, unha viaxe sobre os pasos do mozo Beiras polas rúas de París que podería valer, nun día espero que próximo, para alicerzar a biografía póstuma que caracteres como el merecen.
En resumo, non foi a miña relación con Beiras próxima no persoal. Até o final dos seus días, seguino vendo a través dese veo que nos afasta das figuras históricas, un bocado lendarias. Non tiven sequera a fortuna do seu maxisterio na universidade, malia que impartiu aulas a varias promocións da Facultade de Ciencias de Comunicación da USC, que os xornalistas en potencia chamabamos Xornalismo por amolar e ás veces Xorna por abreviar.
Por iso, tal vez, cábeme este labor de falar del coa necesaria distancia. Non exenta de admiración. Unha admiración nacida, se cadra, por mediados dos anos 90, sendo neno. Nunha tele de tubo a melena leonina de Beiras asomábase coa firmeza suave do carballo ao vento. No pensamento todo se mistura e se confunde. Se a memoria é velaíña, a da crianza é mesmo vaporosa. Porén, sei que un día, acaso o mesmo ou outro distinto, tanto ten, preguntei a miña nai se, caso aquel home gañase as eleccións, aquel home que falaba da Nación Galega -e sei que o pronunciaba así, con maiúsculas, porque hai homes e mulleres que nacen coa capacidade de falaren con maiúsculas e minúsculas, e sei que as dotes musicais do Beiras farían del depositario desa virtude arcana-, se Galicia, digo, esa patria que para min aínda era pouco máis que un camiño que unía a rúa da Algalia coa de Alfredo Brañas, se Galicia sería un país. Preguntei, máis ou menos, iso mesmo: “Se Beiras gañase as eleccións, Galicia sería un país?”.
Creo que aprendín daquela que o Beiras era un home cuxa mera existencia, na nómina dos nosos bos e xenerosos […], dotaba a propia terra que o acollera e á que se comprometera dunha calidade nacional, máis ben vital.
A resposta da miña nai fincóuseme nos miolos para sempre: “Galicia xa é un país”.
Nunca máis puiden ver aquel rostro barbado, aquela guedella inmensa de esplendor mineral, arxentino, sen que as palabras de miña nai me acordasen no cerebro e me tremesen na gorxa.
Creo que aprendín daquela que o Beiras era un home cuxa mera existencia, na nómina dos nosos bos e xeneroso -outro termo manido, tanto que perdeu lustre e potencia- dotaba a propia terra que o acollera e á que se comprometera dunha calidade nacional, máis ben vital. Penseino moito estes días de orfandade colectiva: nin Euskadi nin Cataluña tiveron un Beiras. Tiveron outras cousas, moitas delas xurdidas de fortuna meirande cá nosa, mais non un Beiras.
Un home poliédrico
É posíbel -de facto, é corrente- conviviren varias persoas nunha mesma. Isto non implica contradición senón complemento. Tamén no Beiras, en quen temos non só un aguerrido líder político de verbo de relampo sinuoso. Non só, por derivación ou precedente, un economista brillante que tivo a ousadía de abrir camiños novos en Galicia, sempre, como non se esquecería de repetir unha vez e máis outra, atado á economía política. Un escritor, tamén, e unha das poucas persoas que se me ocorren capaz de renunciar á Real Academia Galega por conflito coas súas propias conviccións.
Neste poliedro humano, o punto central, o lugar desde onde todas as caras eran equidistantes e máis ou menos simétricas, eran esas conviccións. Beiras sempre foi fiel ás súas conviccións, que non á súa persoa. Sacrificou por elas moito.
A mistura de todas estas facetas é unha das características que conectan a Beiras coas xeracións previas e, á vez, evidencian o desuso da forma de intelectual que el encarnaba. Beiras foi un pensador no sentido extenso, un home dotado de rigor intelectual mais tamén de erudición, capaz de salientar coa pluma na súa íntima Reboraina, co piano no mesmo lugar e co zapato contra os escanos do Parlamento que el chamou autoanémico -e non fai falta, fáiseme forzoso sinalar aquí, estar sempre de acordo co Beiras para admiralo-.
Compaxinou a traxectoria académica coa política e cultural, cun certo espírito renacentista e a vontade ser, se non o derradeiro, polo menos o último ilustrado. En todos os seus intereses destacou, coma se o dominase unha inconfesa mais punxente aversión á mediocridade. O seu compromiso foi tamén co xornalismo, a verdade e o idioma: non en van foi un dos 150 fundadores de Tempos Novos, hai case trinta anos.
Mais a de Beiras é tamén unha biografía incompleta. Fillo de familia galeguista, criado e desenvolto nunha burbulla antifascista, depositario das esperanzas dunha xeración que se viron cruelmente truncadas case cadrando co nacemento del, Beiras foi un home chamado a unha misión histórica que non daba tempo a cumprir nunha soa vida. Fronte a persoas que viron en Galicia un retiro melancólico ou, peor, unha plataforma de despegue, el quixo liderar este país, e tivo para el un proxecto. Que entre o seu alumnado chegase a estar, mesmo noutras coordenadas político-ideolóxicas e partidarias, parte da xeración que dirixiu Galicia brevemente ou que exerceu importantes responsabilidades de goberno noutros ámbitos -penso, por suposto, en Emilio Pérez Touriño ou en Abel Caballero- dan tamén fe do papel de mentor que lle tocou a un home chamado pola propia vontade á acción.
Se algo era Beiras foi un fío, un fío branco, coma o de Ariadna, que polos camiños labirínticos e insondábeis do tempo nos unía a unha xeración ida, histórica e desgraciadamente aínda cenital.
Nalgunha ocasión, o Beiras referiuse á manda ou misión histórica do galeguismo como unha tarefa idéntica á de Sísifo, aquel coitado condenado a cargar sempre coa mesma pedra. A propia metáfora devorouno, asomándose en obituarios e memorias. E porén eu coido que non é xusta a comparanza, porque a tarefa do Beiras non foi inútil. Non chegou aínda o tempo en que Galicia sexa merecente dalgún dos seus fillos. Pero cando ese tempo chegue, terá sido a contribución do Beiras unha das fundamentais. Non só porque a súa voz, o seu ollar firmísimo e o engaiolante fluír do seu verbo empurraran tantos e tantos idealistas para pegaren a bandeira azul e branca que representa a causa da xustiza de toda a humanidade no acoutado espazo da nosa terra. Non só polo seu maxisterio artesán a través das décadas. Non apenas porque dignificase aquel Parlamento que o fraguismo primeiro e os seus discípulos despois quixeran de cartón(pedra). Tamén porque a través de Beiras, no fondo daquel ollar azul, durmían e soñaban, agardaban, os xigantes a cuxos ombreiros naceu o moderno galeguismo. Se algo era Beiras foi un fío, un fío branco, coma o de Ariadna, que polos camiños labirínticos e insondábeis do tempo nos unía a unha xeración ida, histórica e desgraciadamente aínda cenital. Beiras era, entre moitísimas outras cousas, unha conexión presente co noso propio pasado, con aquel movemento que soñou, impulsou e non viviu para ver unha Galicia por e para si. Agora o propio Beiras é pasado, ese pasado tan recente que aínda semella estar ao alcance dos dedos. E, por diante, un silencio por encher. Ou non foi iso sempre Galicia?





