Conversar con quen foi un dos teus mestres e mentores sempre resulta un pracer. Máis se é sobre a súa traxectoria profesional e política de cando era mozo e ten ademais París, o galeguismo e o cooperativismo como algúns dos eixos centrais. Uns tempos de mocidade que como el nos sinalaría foron fundamentais na súa formación persoal, profesional e política. A publicación de ‘Un socialismo propio. O cooperativismo no Beiras mozo’ de Carlos Calvo Varela (Companha Editora 2025) permitiunos manter unha conversa a tres arredor destes anos fundamentais e descoñecidos para a xénese do Beiras economista e político.
Gustaríame falar das ideas do libro e relacionalas coa túa traxectoria profesional e intelectual daquela. Chegaches en 1957 cunha bolsa a París. Que supuxo para ti a chegada á capital francesa? Eras unha persoa xa formada, pero imaxino que saltar da España de Franco ao París dos anos 50 foi todo un cambio.
Xosé Manuel Beiras: Exactamente. Nese momento son un mozo de 21 anos que vén de rematar a carreira de Dereito. Xa estivera moi activo no grupo de xente moza que Borobó denominou “La Generación de la Noche” pola longa noite do franquismo e polo nome do xornal vespertino compostelán. Alá estaban dende Xosé Luís Méndez Ferrín a Xosé Luís Franco Grande, canda Xohana Torres ou Bernardino Graña. Era, pois, un mozo moi activo pero tamén unha persoa aínda moi inmadura. Era un rapaz radicalmente nacionalista, mesmo independentista no meu foro interno. Lembro que tras saber da morte de Castelao escribín no meu diario “aquí a única solución é a independencia”. E tiña 13 anos! Ademais de nacionalista, era profundamente republicano, e demócrata, e rotundamente antifascista. Pero nada máis. No plano ideolóxico eu estaba aínda sen formar, e moi influído por Ramón Piñeiro. De todas maneiras, tiña moita curiosidade e gozaba dunha formación literaria e musical relativa. De repente, da Compostela dos anos 50 salto ao París da Rive Gauche daquela época, fase final da IV República, con todo o que iso significaba: a guerra de Indochina e o desastre de Dien Bien Phu, a guerra en Alxeria… Por outra banda, estaba a nacer a Comunidade Económica Europea. E despois os costumes e formas de vivir, as relacións sociais e de parella… Todo era absolutamente novo para min. Mergullei nunha cultura completamente distinta que me ensinou o que era a liberdade e unha sociedade democrática. Iso significou para min.
Imaxinábao. Ti fixeches Dereito, pero tirábache máis a Economía…
XMB: De adolescente quixen ser arquitecto. Despois interesoume a Economía, en parte polas conversas que mantiña con persoas diversas: superviventes do Partido Galeguista, xente nacionalista, xente nova do meu tempo… Aínda non tiña claro que a miña vida profesional se fose centrar na economía. Iso acontece coas estadías en París. En definitiva, despois. Aclaro que a economía entendida como economía política. Nunca tiven na cabeza outra visión.
“Todo era absolutamente novo para min. Mergullei nunha cultura completamente distinta que me ensinou o que era a liberdade e unha sociedade democrática”. Xosé Manuel Beiras
Pregunto isto porque naquela época o pensamento económico con maior enerxía estaba en Gran Bretaña. Penso en Cambridge, onde daba clases o mellor economista marxista do século XX, Maurice Dobb. Neste momento non entraba isto nos teus plans.
XMB: Eu quería facer económicas en Madrid, pero naquel momento era o máis vello dunha familia de nove irmáns e irmás. Non mo podían financiar. Por iso escollo Dereito: porque podo facelo vivindo na casa. O que pasa é que me involucro nos primeiros grupos de mozas e mozos galeguistas nacionalistas, inicialmente na liña de Ramón Piñeiro, e comezo a politizarme e a tomar consciencia da cuestión económica e a súa importancia para o país. Sobre todo, que non valían os esquemas da economía académica para abordar os problemas estruturais da economía e a sociedade galegas. E ademais naquel momento leo un ensaio moi descoñecido de Xaime Illa Couto nun dos cadernos Grial dos anos 50, que eu creo que foi o que elaborou para optar á Cátedra de Economía Política da Escola de Peritos Industriais, que senta as bases da óptica de que a economía convencional non vale para avaliar este país. O que pasa é que o que podía ser o líder do grupo de mozas e mozos, Gonzalo Rodríguez Mourullo, rompe con Galaxia e co, chamémoslle así, galeguismo. Quen é o rapaz que pode ter unhas aptitudes análogas? Pois o Beiras. E é cando me dan esa bolsa de Galaxia.
“París vivía un momento importantísimo. Como exemplo temos a influencia da xente coa que Beiras estuda na segunda xeración dos Annales, que revoluciona a historiografía contemporánea”. Carlos Calvo
Matriculácheste na Facultade de Dereito e Ciencias Económicas…
XMB: Non. Matriculeime en determinadas materias, que eran as que me importaban. É unha das singularidades do meu caso: eu nunca me propuxen licenciarme en Económicas, nin aquí nin no estranxeiro. En que materias me matriculo? Pois naturalmente nas dos Marchal, André P. máis que Jean, os primeiros da escola de socioloxía francesa que avanzan na análise dos sistemas económicos, un pouco na liña de Werner Sombart pero posterior. Iso permíteme comezar a traballar en sistemas económicos, que sempre me interesou máis que a estrutura. Por outra banda, nos cursos de Georges Lasserre, precisamente sobre o cooperativismo. Pero en cambio matricúlome na Sorbona en Literatura e Lingua Francesa, que me importaba tanto ou máis có outro. Esa é a miña traxectoria.

Manoel Barbeitos, Xosé manuel Beiras e Carlos Calvo durante a conversa
Aí é onde o mozo Beiras comeza a traballar sobre as ideas cooperativas.
Carlos Calvo: Déixame facer un pequeno apuntamento sobre Cambridge e París. Neses momentos é discutíbel que non fose París a capital das ciencias sociais. A cidade vivía un momento importantísimo. Como exemplo temos a influencia da xente coa que Beiras estuda na segunda xeración dos Annales, que revoluciona a historiografía contemporánea.
XMB: Exactamente. De aí van saír os brodelianos dos últimos decenios, como Immanuel Wallerstein. E Marc Bloch foi fundamental.
CC: Pesa tamén a figura, moi descoñecida, de François Perroux, da que Fernand Braudel colle moitos conceptos. Pierre Bourdieu, Raymond Aaron ou Jean-Claude Passeron marcan os anos de refundación da socioloxía europea.
A min influíume moito a Escola de Cambridge, precisamente por culpa de Xosé Manuel, aquí presente, e o seu caderno sobre Maurice Dobb.
XMB: É que Maurice Dobb é unha figura fundamental para entender moitas cousas. El esclarece e desmitifica, creo que de forma non moi coñecida, a economía soviética cunha historia entre a Revolución e os anos 50. Era outro mundo, porque tamén Cambridge é o lugar dos neorricardianos, como Piero Sraffa, Luiggi Pasinnetti… É unha revisión dunha reformulación, unha volta a David Ricardo noutra chave. Cambridge é fundamental, pero ten razón o Carlos cando fala das ciencias sociais, incluíndo a historia. Nese momento, a capital é París máis ca Londres.
París nese momento era un polo moi importante académica e culturalmente. Penso en Sartre, Simone de Beauvoir, Foucault, mesmo María Casares… É unha pota a ferver.
XMB: Pensa en toda a produción teatral francesa da época, e na actividade dos teatros franceses onde se fai teatro de vangarda.
Debía de ser un país marabilloso.
XMB: Non sei se era marabilloso, pero dende logo era fascinante.
E aí foi o teu primeiro mergullo na idea do cooperativismo, como nas do rexionalismo e o desenvolvemento rexional.
XMB: Eu daquela era xa claramente nacionalista. A formulación do rexionalismo ía sobre todo no sentido do que daquela se chamaba en Francia o aménagement du territoire, a ordenación do territorio. Recuperaban as unidades das rexións económicas. Eu tiven que traballar moito niso porque era o que resultaba permisíbel traer aquí, como cando me fago cargo da Revista de Economía. Pero eu tiña claro que politicamente iso non era unha solución, e menos aínda podía ser unha solución para o Estado español e para Galiza en concreto.
“Do mesmo xeito que nunca me interesou ser político nun sentido institucional -e iso deume liberdade de acción na política institucional-, sempre contemplei a economía como economía política”. Xosé Manuel Beiras
Influíu especialmente en ti algún pensador francés na universidade?
XMB: Si, pero máis que na facultade, no París de entón. Sempre se di que eu son moi camusiano, pero eu son moi sartriano tamén. Son dúas figuras que me influíron moito, como tamén Maurice Merleau-Ponty. Pero logo está a xente do eido que acaba de mencionar Carlos onde se está forxando a nova etapa da École des Annales. De feito, eu nos anos 60 vou ler e traballar moito sobre historia medieval de Europa como consecuencia diso. E chego á conclusión de que non podo entender este país, aínda a Galiza dos anos 60, sen entender a auténtica historia de Europa occidental e a historia da Galiza medieval. Por certo, aí descubro que existe unha total sincronía entre os séculos X e XIII entre a historia de Galiza e a historia de Europa occidental. Son sincrónicas! A relación que establece Xelmírez, a aposta polo vencello co ducado de Borgoña, de casar a Urraca e a Tareixa con Raimundo e con Henrique de Borgoña é unha aposta porque Borgoña é máis potente naquel momento dentro do Sacro Imperio Romano Xermánico que o propio reino de Francia. Todo iso a min interesábame moito sabelo, e cando logo puiden ler máis a fondo sobre todo a Georges Duby, a Jacques Le Goff, por exemplo, ou a Marc Bloch, comprendín que iso era moi importante para min. Son figuras que me chaman a atención e se converten nos meus referentes intelectuais xa nos anos de París e despois.

Froito desas inquedanzas matricúlaste na Sorbona en Literatura e Lingua Francesas. Como foi esa experiencia?
XMB: Unha marabilla. Estaba constantemente inmerso no idioma e a literatura franceses. No fondo eu non tiña vocación de economista. Do mesmo xeito que nunca me interesou ser político nun sentido institucional -e iso deume liberdade de acción na política institucional-, sempre contemplei a economía como economía política. Sempre fun heterodoxo, mesmo antes de dar o paso e mergullar na metodoloxía marxista. Do marxismo o que me atrae fundamentalmente é a metodoloxía: o materialismo dialéctico e histórico, a teoría do valor… Eu conectaba coa escola da CEPAL e cos economistas da periferia do sistema, ademais de pensadores anticolonialistas. E descubro a Frantz Fanon, a Samir Amin e a Albert Memmi en cuxo Retrato do colonizado, referencia fundamental para nós, descubro o retrato do colonizado galego. Decatádevos de que naquel intre son un rapaz con moita curiosidade nunha serie de temáticas espalladas e dispersas, heteroxéneas. O que me centra e exerce de catalizador é o meu país. A obriga que eu sinto ter cara ao país e o que sinto que teño que achegar. E iso provoca que me dedique a estudar a economía galega e non outra. É o catalizador xa que logo dunha visión pluridimensional, e sen ese catalizador eu sería un tipo completamente disperso. E aí entra o cooperativismo.
“Na reconstrución do período histórico interesáronme moito esas figuras chave que funcionan como transmisoras do legado do Partido Galeguista nos anos do franquismo. Unha delas é Cruz Gallástegui”. Carlos Calvo
CC: Hai unha figura chave na transmisión do pensamento económico do galeguismo de preguerra coa que ti mantés trato persoal: Cruz Gallástegui. Na reconstrución do período histórico interesáronme moito esas figuras chave que funcionan como transmisoras do legado do Partido Galeguista nos anos do franquismo. Unha delas é Cruz Gallástegui, ou naturalmente o teu propio pai, Manuel Beiras, un home cunha vocación práctica e un perfil destacado no galeguismo de entón pola importancia que dá á economía. Non era algo tan habitual.
XMB: Iso débese á súa relación con Valentín Paz Andrade. E Cruz Gallástegui foi moi importante para min. Vivín na rúa do Vilar até os once anos. A miña avoa materna Carme, matriarca dos Beiras García, vivía na Porta da Pena. Case todos os días iamos visitala e ás veces, con meu pai, cruzabámonos con Cruz Gallástegui na rúa da Troia. Alá falaban os dous, e eu vou descubrindo a Cruz Gallástegui a través das súas conversas co meu pai. E logo cando eu teño catorce ou quizais quince anos dígolle ao meu pai que me gustaría preguntarlle cousas a Gallástegui. E teño entrevistas -era un home cordialísimo, con moita paciencia, porque imaxina as preguntas dun rapaz- no seu piso da Troia onde lle pregunto polo cooperativismo. E el explícame non só o modelo danés senón incluso a introdución do millo híbrido. Explicoume como promoven esa introdución para producir un salto na calidade e produtividade como unha medida provisoria pero necesaria para o día en que un poder galeguista promovese a reforma agraria. Tamén me explicou o ciclo do porco e como os daneses manexaban moi ben a relación entre a mantenza do animal e o crecemento da carne. Ou como combatían a tinta do castiñeiro. Todo iso queda na cabeza. E cando chego a París é unha das razóns que me levan a matricularme nos cursos de Georges Lasserre. Neses cursos descubro a existencia dunha biblioteca na embaixada danesa onde atopo toda a información sobre o cooperativismo agrario e onde boto horas a traballar e a estudar. De aí sae ese primeiro traballo que redescubriu Carlos sobre o modelo danés, e despois sobre o cooperativismo como modelo produtivo.
“A irlandesa ou a portuguesa ocupaban moita máis atención a nivel simbólico e cultural, pero dende o punto de vista do programa político a referencia danesa era fundamental”. Carlos Calvo
CC: O máis destacábel, realmente, é que a referencia danesa, para historiadores como Miguel Cabo Villaverde, era a máis importante para o Partido Galeguista. A irlandesa ou a portuguesa ocupaban moita máis atención a nivel simbólico e cultural, pero dende o punto de vista do programa político a referencia danesa era fundamental. Foi defendida por técnicos como Cruz Gallástegui, e Álvarez Gallego encheuse a dar mitins polo país sempre coa referencia danesa como modelo a imitar. Había unha auténtica obsesión no Partido Galeguista coa ‘utopía danesa’. Pero, sacando o caso de Cruz Gallástegui que fixera unha viaxe de estudos, o do resto eran coñecementos de segunda man. O sorprendente é que cunha guerra por medio e o período represivo, a formulación teórica máis fundamentada empiricamente vai ser a túa, Xosé, polo cruzamento deses azares: a túa relación con Gallástegui, os teus propios intereses ou o teu encontro con Georges Lasserre.
“Nos anos 70 comeza unha modificación da estrutura produtiva do agro galego que é unha transformación aparentemente progresista, pero que resulta perversa”. Xosé Manuel Beiras
XMB: E matricularme nos cursos dos Marchal, que me deron unha base. Cando escribo sobre cooperativismo coas súas diversas variantes ao longo da historia, podo analizalo integralmente grazas ás miñas nocións sobre sistemas económicos. O que me aconteceu agora que traduciches e relín eses textos, que levaba decenios sen tocar, foi que me sorprendeu unha certa precocidade miña. Tiña 20 e poucos anos e ningunha formación como economista. Como interpretei aquilo? Porque despois evolúo ideoloxicamente. A mediados dos 60 asumo o marxismo co PSG e xa non me vale nin o cooperativismo nin o modelo danés. Son un elemento importante pero non fundamental. Esa é a traxectoria que ti trazas no ensaio, Carlos. Son incríbeis as cen páxinas que escribiu este home a partir de dous pequenos ensaios! Esa foi a evolución do Beiras e, nos anos 70, para min o cooperativismo é un elemento máis. Foi fundamental a mutación estrutural imposta entre comezos dos 60 e comezos dos 70 no agro galego. Se colles os datos de composición da produción final agraria e analizase as porcentaxes de agro, gandería e forestal, o cambio é total. Faise hexemónico o segmento gandeiro, a consecuencia da política do goberno franquista cando os americanos invaden isto co complexo soia e a mantenza do gando con oleaxinosas controlando o sistema produtivo gandeiro.
CC: Dende a miña xanela vese, precisamente, unha granxa modelo desa época, que entra dende os Estados Unidos xunto ao seu sistema produtivo. E de súpeto todos os veciños da aldea pasaron de campesiños a operarios.
XMB: Fun membro do tribunal dunha gran tese de doutoramento sobre a mutación da política gandeira e a transformación da composición final agraria en Galiza dirixida por Miren Etxezarreta. Foi a confirmación do que sospeitaba. As unidades de produción galegas pasan a producir mercadorías no canto de orientarse ao autoconsumo combinado coa venda de excedentes. Nos anos 70 comeza unha modificación da estrutura produtiva do agro galego que é unha transformación aparentemente progresista, pero que resulta perversa por converter todas as unidades de produción labregas en dependentes da dinámica dos subministradores de inputs -sementes, pesticidas, maquinaria…- e do control dende o exterior a través da oferta oligopolista da demanda dos produtos do leite e os xatos. Iso foi terríbel, e ese proceso entre os 60 e 70 tamén inflúe na modificación paulatina do centro de gravidade da miña visión do problema agrario e do problema económico de Galiza, como tamén das estratexias políticas para levar adiante unha alternativa autóctona nacionalista. Todo cambia entre cando escribo os artigos sobre cooperativismo en París a fins dos 50 e cando redacto o novo documento de principios do Partido Socialista Galego nos 70.
Volvamos atrás. Todas estas ideas empezáchelas a difundir na revista de Economía de Galicia. Mantíñate unido con Francia e ocupaba un baleiro.
XMB: A revista de Economía de Galicia foi unha iniciativa absolutamente xenial de Xaime Illa. Comeza a editarse no 58 cun paraugas protector por riba, como é un consello de redacción que podía protexer fronte a censura. Estaba Antonio Valcarce, que era un home que detestaba a Franco pero estaba no réxime. E Antonio Rosón, que protexeu a Ramón Piñeiro na sublevación fascista, e seino polo propio Piñeiro, quen dicía del “éche moi galeguista”. Farteime de escoitar esa afirmación sobre moitas persoas que mereceron ese apelativo e acabaron no PP. A Antonio Rosón débese a iniciativa de propor unha primeira lei de montes comunais de Galiza xa no franquismo. Fan unha revista moi ben deseñada con textos, habitualmente, de Xaime Illa e de Ramón Piñeiro. Pero en 1962 a revista está parada e cadra coa miña orfandade en Madrid polo segundo exilio de Prados Arrarte. Galaxia proponme vir para Vigo e encargarme da revista. Ese é o outono do 63, e en agosto viña de fundarse o PSG no despacho de Sebastián Martínez Risco. Aí fágome cargo da revista.
Falando sobre as economías rexionais e as comunidades básicas…
XMB: Era o léxico dos europeístas progresistas dos anos 50. Eu tiña relación en París cos europeístas, coas mocidades de esquerda. Que eran as comunidades básicas? As nacións sen Estado.
Hai mesmo algún escrito teu da época do que nada se sabe…
CC: Galaxia quixo que Beiras participase nun ensaio colectivo que ía ser a presentación teórica da nova xeración. Beiras cumpre a súa parte pero quedou sen publicar.
XMB: Afortunadamente! Eu redacto a miña parte coa documentación filosófica e política subministrada por Piñeiro. Cando vin o meu texto anos despois pensei que afortunadamente nunca se chegou a publicar.
Esa colaboración estaba escrita en chave “piñeirista e conservadora”, palabras túas.
CC: Eu reconstrúo esa cita a partir do que conta Beiras. Non tiven acceso a ese ensaio, xa que o buscamos na Fundación Penzol pero non existe copia. Son os teus propios recordos.
XMB: Como vos dicía, eu era un mozo aínda inmaduro no ideolóxico e político fóra das miñas profundas conviccións republicanas e antifascistas. Non era un mozo radical. Niso era moi diferente xa daquela de Mendez Ferrín, de Alexandre Cribeiro ou de Herminio Barreiro.
CC: Naquela época, é xusto dicilo, todos falabades dunha forma semellante. Hai artigos de membros de Brais Pinto falando positivamente da CEE ou mesmo da OTAN porque como daquela o réxime estaba en contra era unha pequena desobediencia. É transversal, aínda que hoxe se acentúe o contrario.
XMB: O cambio de Ferrín e os demais foi a partir da constitución de Brais Pinto en Madrid, no contexto do Madrid daqueles anos. Eu tiña relación con eles porque entre o 59 e o 61 viámonos nas fins de semana e mesmo participabamos nas filmacións de prácticas de Cribeiro na Escola de Cinematografía. Hai unha foto famosísima onde imos cargando un cadaleito con Raimundo Patiño e Herminio Barreiro, Ferrín e eu. É a fase en que se radicalizan e dá lugar a que cando se convoca o Consello da Mocidade hai dous grandes segmentos. Os que aínda estamos en parte na liña de Piñeiro asumimos a creación dun partido socialdemócrata galego, o inicial PSG. Os outros están moito máis á esquerda e por iso o Consello da Mocidade racha inmediatamente. Deses dous segmentos sairá a constitución do PSG en 1963 e da UPG en 1964. Evidentemente, esa virada á esquerda de Ferrín e o seu grupo dáse a partir da marcha a Madrid.
CC: Sobre as comunidades básicas, hai tamén un problema de tradución no tempo. Faise unha lectura equivocada. Quen máis influencia exercía era Ramón Lugrís, que era maior ca vós e exercía certo liderado, e a nivel retórico usa moito aquilo de que non é nacionalista. Pero hoxe enténdese ao revés, lese como a existencia dos grandes Estados que obstaculizaban o florecemento das pequenas rexións: Galiza, Cataluña, País Vasco, Bretaña…
XMB: En París tomei contacto co movemento bretón. E coa figura de Louis Malassis, o fabuloso especialista en economía agraria. Claro que cando falamos das comunidades básicas falamos das ideas que alentan inicialmente a Comunidade Europea.
CC: Hai que ter en conta que o espazo dos posíbeis era moi amplo. Ao final gañou unha opción europeísta, pero houbo outras.
Coñeciches a Louis Malassis? El comezou a falar da industria agroalimentaria, a mirar o proceso de industrialización como crecentemente relevante…
XMB: Como Perroux crea a noción do complexo agro-industrial e mar-industrial. Por que na Galiza de finais do século XIX e até os anos 30 aparece un complexo mar-industrial? Porque os mariñeiros eran libres, mentres que os labregos eran primeiro foreiros e despois hipotecáronse polas terras. Na estrutura social da Galiza labrega da altura as enerxías invístense na creación dos sindicatos. É impresionante a floración destes, tanto os laicos como os confesionais organizados por progresistas. De aí vén a loita contra os foristas. Falla, porén, a capacidade para crear ese complexo agro-industrial. Iso seguiu así durante o franquismo, impedindo que florecesen no agro galego cooperativas merecentes do nome como as que propuña Avelino Pousa Antelo. O caciquismo franquista montaba chiringuitos.
“Se na Galiza de comezos do século XX non seguise vixente a relación de servidume tería sido posíbel [unha experiencia coma a danesa].” Xosé Manuel Beiras
Cando comezas a falar de cooperativismo ollas para Dinamarca como potencia. Hai un factor chave: o político -socialdemocracia versus ditadura-. É fundamental a aposta do Estado, máis coa nosa estrutura agraria.
XMB: En Dinamarca no século XIX hai campesiñado libre e aquí non. Iso é fundamental. E logo hai outra cousa que eu aprendín con Perroux: no último terzo do século XIX a formación do complexo do cooperativismo agrario danés coincide coa expansión do Ruhr, o gran mercado.
É unha experiencia de éxito, pero hai que encadrala no contexto histórico. Non sería posible aquí.
XMB: Se na Galiza de comezos do século XX non seguise vixente a relación de servidume tería sido posíbel.
Pero durante o franquismo…
XMB: Non claro, pero falo do comezo de século. Un personaxe como Díaz de Rábago, contemporáneo de Alfredo Brañas, escribe sete tomos sobre o crédito agrario onde estuda todos os sistemas de financiamento de tipo cooperativo agrario. Un tipo absolutamente lúcido. O propio Brañas, católico e conservador, tiña a referencia irlandesa e apoiou a loita dos foreiros. As elites de finais do XIX en Galiza, como todo o grupo da Cova Céltiga, Martínez Salazar, o propio Juan Fernández Latorre… Esas elites que proceden do Rexurdimento son moi importantes, e hai cantidade de sindicatos. E por outra banda Dinamarca e Galiza, a finais do XIX, tiñan unha dimensión territorial e demográfica análoga.
Había diferenzas. O tamaño medio das explotacións, que en Dinamarca era maior. Carlos sinala que iso ofrece posibilidades inmensas ao cooperativismo.
CC: Existe unha revisión historiográfica en Dinamarca sobre o cooperativismo. É un elemento fundacional da nación danesa moderna, e sempre se fixo unha historia dende abaixo que nos gusta pero non valoriza os factores reais. O factor decisivo, di esta nova corrente, foron campesiños moito máis ricos do pensado. As clases intermedias-altas que conseguiron organizar o campesiñado para desenvolver ese modelo. Miguel Cabo Villaverde está a investigar un factor moi importante que inflúe no prestixio do modelo danés no galeguismo xa dende as Irmandades da Fala: o sistema de ensino popular danés. Conseguiu capacitar moita xente a un nivel extraordinario a finais do XIX.
“Temos relativamente preto o modelo cooperativista máis importante do mundo e o noso parécenos débil. É débil en comparación co vasco, pero é de relativo éxito tendo en conta que non houbo apoio político de ningún tipo”. Carlos Calvo
Acabas de sacar un tema capital: a formación.
CC: Que mesmo sae en V. I. Lenin na etapa máis ‘cooperativista’ da Revolución rusa, onde fala dos cadros do cooperativismo para o desenvolvemento do socialismo. É imposíbel instaurar un modelo democrático na economía desde arriba.
A gran dificultade para as cooperativas en Galicia era a falta de conciencia do que é unha cooperativa, a comezar polo seu carácter empresarial. Tamén había un hándicap político no franquismo.
CC: O factor diferencial en Dinamarca é político. Cando se fala do cooperativismo de traballo, non só do agrario, decote esquécese que a gran referencia planetaria, que segue a ser Mondragón, o primeiro que fixo foi formación. Os primeiros resultados económicos positivos invístense na formación de técnicos. Hai un montón de apelacións no Partido Galeguista á mocidade que non falan de lingua ou literatura senón da necesidade de contar con xente que dirixa as cooperativas da Galiza ceibe. O que fai Manuel Beiras é escribir textos sinalando que fai falta xente que entenda de números.
Podemos afondar en por que o cooperativismo agrario non calla en Galicia?
CC: Iso é relativo. Actualmente dende a Asociación Galega de Cooperativismo Agrario ou dende a Union das Cooperativas Galegas asúmese que o éxito do caso vasco distorsiona os nosos parámetros. Temos relativamente preto o modelo cooperativista máis importante do mundo e o noso parécenos débil. É débil en comparación co vasco, pero é de relativo éxito tendo en conta que non houbo apoio político de ningún tipo. No caso agrario ultimamente danse fortes concentracións. Habería que relativizar o peso que teñen, que non é desprezable. Falta esa parte formativa ou cultural que contribúe a non darlle o peso que ten. É un factor importante, máis nun sector que segue vendendo a maioría do leite sen procesar a empresas foráneas.
Até que punto a imaxe que deron as UTECO non fixo dano á imaxe do cooperativismo galego?
CC: Sen dúbida, pero comezando polo que dicías das irmandades de labradores, un amigo historiador, Bruno Esperante, descobre que moitas das irmandades que puxeron en marcha como novo modelo para o campo tiveron que rescatar cadros da época republicana, de dirixentes das sociedades agrarias. Non tiñan xente que dirixise aquilo para funcionar con criterios prácticos. Non eran capaces e por iso tiveron que rescatar estas persoas
Ademais as UTECO que foron un aparato de control caciquil do campo…
XMB: Si, coa lei de cooperativas do réxime e a perversión de todo nos anos 40. Gómez Franqueira tivo a intelixencia de facer varias cousas: primeiro, darse de conta que a provincia de Ourense era o único dos catro cadrantes de Galicia que non tiña as bases de produción agraria característica dos outras tres, e era onde podía progresar a gandería sen terras, sobre todo tras o exterminio da gandaría de ovino -no censo gandeiro de 1930 en Galiza había dous millóns de cabezas de ovella, a metade en Ourense-. O que el monta é a gandería sen terras, avícola, xusto no momento de expansión dun proletariado industrial que require proteínas de carne barata. E utiliza o instrumento das UTECO, incluído o financeiro.
Chégase a usar as UTECO para conseguir cereais subvencionados.
XMB: Como aparello institucional para os negocios.
Esa imaxe fixo moito dano ás cooperativas.
CC: É un estigma que se segue arrastrando. En primeiro lugar porque se segue asociando cooperativismo a cooperativismo agrario. E porque se equipara ao caso menos defendíbel, o de COREN.
Até que punto custou identificar a cooperativa coa empresa?
CC: Nos propios textos de Beiras explícase de xeito interesante como non se debe confundir o empresario co capitalista, que parece unha evidencia pero moitas veces ocorre así. Falas de que ten que ter unha eficiencia propiamente económica.
XMB: A base do cooperativismo é que, fronte ao capital, o que prima no modelo é a achega dos socios ao funcionamento da unidade de produción. En segundo lugar, a cooperativa non fai beneficios senón que obtén excedentes que retornan. O que é fundamental é que os retornos se reinvistan na súa maior parte. De aí vén a fonte do crecemento.
CC: Temos exemplos reais importantes que o conseguiron. Sen ir máis lonxe, Narón: na cooperativa podes ter os teus cartos na caixa, traballar nela e facer gran parte das compras no seu supermercado. Hai exemplos pero non existe o impulso institucional que permita replicalos e aumentalos.
XMB: O modelo do cooperativismo integral deseña unha unidade de produción que non é nin a empresa capitalista nin o socialismo planificado. É un modelo de artellamento dos procesos de produción e distribución mais permeábel e doadamente asumíbel ideoloxicamente no conxunto do común porque non ten connotacións ideolóxicas nin os problemas propios deses dous deseños.
Francia posúe un cooperativismo potente, sobre todo de consumo.
XMB: Vai na liña do cooperativismo dos pioneiros de Rochdale (Manchester), que eran teceláns. A cooperativa como instrumento de defensa das clases traballadoras para acceder a certos niveis de existencia material e de consumo.
Outro aspecto importante é a democracia.
XMB: Se iso falla todo vai ao tacho.
Falla moito nas cooperativas.
XMB: Iso xa non o sei porque nos últimos anos estiven afastado da análise.
CC: Enlaza co que falabamos antes: necesitas formar cadros e desenvolver unha cultura política cooperativa, que non é fácil. Pero as prácticas reais de cooperativismo cotián son evidencias dun proceso formativo tremendo. Moitos dos problemas que atoparon as revolucións socialistas son a grande escala os que atopamos quen traballamos no cooperativismo. Cando vives eses problemas no día a día e os comparas con experiencias macro, realmente son moi parecidos. E logo un problema típico en cooperativas de certa dimensión é máis a apatía das bases que a cultura democrática dos dirixentes.
E para pechar a conversa…
CC: Gustaríame que non se nos pasase que estes primeiros traballos de X.M. Beiras foron chave no galeguismo na altura. É evidente en Piñeiro ou Xaime Illa. No primeiro, causa un impacto decisivo. O título do libro é a expresión que utiliza Piñeiro, pedindo “un socialismo propio, máis nórdico que mediterráneo”. Un dos xermes na súa cabeza para a construción do PSG son estes traballos, estou convencido. É fácil seguir na hemeroteca a reactivación, por exemplo, do traballo intelectual de Rof Codina que comeza a publicar moitos artigos sobre experiencias como a danesa e outras. É un impacto importante, diría eu.


Xosé Manuel Beiras e Carlos Calvo. O mozo Beiras, epígono da ‘utopía danesa’





