Na pasada fin de semana a AEMET (Axencia Estatal de Meteoroloxía) advertía de que ata 11 comunidades debían estar alerta, pois ían ter que soportar temperaturas superiores aos 40ºC, que nalgúns casos subirían aos 43ºC ou 44ºC, con mínimas de 28ºC. En Galicia, a cidade de Ourense (con temperaturas de 40ºC) pareceu postularse a entrar no grupo. Son normais as altas temperaturas que se están dando neste verán, cun xullo que foi o mes que deixou un récord de temperatura máxima diaria na Terra? Son unha novidade? Preguntas que nos debéramos facer, pois o impacto é moi considerable entre a poboación. Tan considerable que hai fundadas razóns para pensar que o cambio climático que se viña anunciando xa está aquí.
Quizais debamos empezar por definir que se entende por unha vaga de calor para así saber se estas altas temperaturas que soportamos se poden considerar como tales. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) e a Organización de Meteoroloxía (OMM), non existe unha definición consensuada, única e precisa para o fenómeno que se coñece como vaga de calor. A pesar diso podemos entendela como “un período prolongado de tempo, extremadamente caloroso, seco e húmido, que ocorre de día e de noite e que inicia e termina de xeito abrupto, cunha duración de polo menos dous ou tres días. Tamén se pode definir como un evento climático extremo con elevadas temperaturas que persisten durante varios días nun lugar xeográfico concreto”. Se adoptamos esta definición non cabe dúbida de que, tal como sinalan os expertos do PANEL INTERGOBERNAMENTAL DO CAMBIO CLIMÁTICO (IPCC), nos últimos 50 anos a frecuencia das vagas de calor medrou considerablemente, o que provocou, entre outros efectos, que no que vai de século as mortes por calor en Europa medraran un 94%, con España liderando o aumento. Fenómeno que o PANEL asocia ao cambio climático.
No que levamos do mes de agosto e, segundo as fontes mais fiables, unhas 366 persoas faleceron en España por causa da calor, sendo Galicia a segunda comunidade na que mais se rexistraron, superando este ano as cifras do ano anterior. No verán pasado, no ano 2023, o mais caloroso dende que se teñen rexistros, as mortes por calor en España ascenderon a case 5.000, con Galicia tamén como segunda comunidade con máis falecidos. Datos que, aínda que deben ser tomados con certa precaución, non deixan dúbidas sobre o impacto na xente das altas temperaturas. Estes datos deberan levar tanto ás administracións públicas como aos cidadáns a tomar en serio este problema que require solucións inmediatas e radicais, pois todo indica que o fenómeno vai a máis.
Aceptada a evidencia do aumento das temperaturas, cómpre preguntarse polas causas. Segundo os expertos son varias. Así, a coñecida e prestixiosa asociación GREENPEACE sinala que “o aumento da temperatura media é consecuencia directa da acción antrópica debido ao uso indiscriminado de combustibles fósiles, os que liberan gases contaminantes como o dióxido de carbono e o metano. Estes á súa vez crean o efecto invernadoiro, unha especie de manto que cobre a planta que captura a calor do sol e eleva a temperatura na terra”. Hai outros factores, tamén froito da actividade humana como “a deforestación, a agricultura intensiva e os cambios no uso do solo que son agravantes desta situación, pois a perda de bosques e a degradación dos solos tradúcese na eliminación da vexetación que cumpre funcións de regulación climática, que protexe os seres vivos das altas temperaturas” (GREENPEACE). Aceptando a influencia decisiva que a acción humana ten non se debera desprezar a evidencia de que non todas as vagas de calor son froito da mesma, e que tamén se poden producir por causas naturais xa que “o descenso do aire seco que se quenta e invade certas rexións, a maior radiación solar debido a ausencia de nubilidade, e o ingreso de aire quente e húmido e a ausencia de ventos, entre outros factores poden ser causantes dunha vaga de calor” (ECOLOXÍA VERDE).
Antes sinalaba que a situación require de medidas inmediatas e radicais, pois todo indica que o fenómeno vai a máis. Así o afirma unha prestixiosa entidade citada anteriormente: “o ritmo de quecemento en España é, e continuará sendo, máis rápido que a media mundial. Por cada grao adicional de quecemento global, a resposta no noso país será de ata 1,5ºC e agárdanse aumentos mais pronunciados para as zonas do interior. De media, prevese que a temperatura media anual na península ibérica medre entre 1,1 e 2ºC. Nos escenarios de maiores emisións de gases de efecto invernadoiro, prevese que este quecemento supere os 4ºC a finais do século XXI (GREENPEACE). Neste marco cómpre ter en conta o sinalado anteriormente sobre que Galicia aparece sempre como unha das comunidades nas que as mortes por calor son mais numerosas. Un fenómeno a ter en conta e analizar, pois habitualmente considérase que, por regra xeral, nas cidades “os edificios, as rúas asfaltadas, o formigón por tódalas partes, o tráfico motorizado, os sistema de climatización, etc. absorben e xeran moita calor, provocando o fenómeno chamado illa de calor urbana. Como resultado a temperatura nas cidades é maior que nas zonas rurais” (GREENPEACE). Galicia, a pesar de ser unha das comunidades con meirande zona rural, é tamén unha das que rexistra maiores mortes polas vagas de calor. Fenómeno que se pode explicar polo elevado peso populacional da xente maior de 65 anos, que é a máis vulnerable.
Como advertencia final sobre o futuro sinalado, quero dar o coñecer un estudio dun grupo de científicos da Universidade de Bristol que afirma que “as vagas de calor serán cada vez mais intensas” (NATIONAL GEOGRAPHIC) como consecuencia do agravamento climático. Un fenómeno que será mais intenso no sur de Europa. “O cambio climático é un dos maiores problemas de saúde global do noso tempo, e temos demostrado que moitas olas de calor fóra do mundo desenvolvido pasaron en grande medida desapercibidas. A carga do calor sobre a mortalidade con respecto a cada país pode ser de miles de mortes, e os países que experimentan temperatura fóra do seu rango normal son os mais susceptibles a estes choques”. (DANN MITCHEL profesor de Ciencias do Clima na Universidade de Bristol).
Coñecidas estas evidencias, seguiremos aumentando a queima de combustibles fósiles? A combustión de carbón, petróleo e gas? Seguiremos incumprindo os compromisos de redución da emisión de gases de efecto invernadoiro, como ocorre co Acordo de París (2015)?