[Alén dos espellos] Unha moza e unha pistola

É celebre a frase do xenial (e tantas veces tamén extraviado) Jean Luc Godard, segundo a cal todo canto se precisa para facer unha película é unha moza e unha pistola. É dicir, tomando os dous elementos no seu evidente carácter metonímico: o amor e a violencia. O cal, por suposto, xa implica certas notorias restricións na concepción do cine por parte do realizador francés, como a exclusión do amor homosexual, e mesmo a inclusión da muller como obxecto máis que como suxeito das relacións amorosas, o que referenda (paréceme: non vin todos os seus filmes) o seu propio cine: lembro Passion (1982), ese ensaio (extraviado) de facer cine dentro do cine (unha resposta tardía ao éxito do “traidor” Truffaut coa compracente, mais fermosa, La Nuit Américaine de 1973?), cun director polaco instrumentalizando o seu descubrimento dunha (futura) actriz proletaria, non se sabe se ao servizo da súa obsesión coa reconstrución de “tableaux vivants” inspirados en cadros de pintores célebres… ou do seu propio morboso gozo escópico, ou das dúas cousas. Estabamos aínda lonxe dos tempos do Me too, mais o comportamento do director ficticio doadamente podería ser considerado acorde co que anos despois algunhas actrices denunciarán como prácticas intolerables. Ese amor metonimicamente asimilado á figura da muller concentra moi ben a redución da representación do amor nos relatos cinematográficos, non só dun director experimental como Godard, senón sobre todo do cine mainstream: o amor como desexo posesivo do corpo da muller, coa súa variante de “amor romántico” entendido como dependencia absoluta e entrega total. Dúas maneiras enfermizas de contemplar a experiencia amorosa, que non se corrixe, senón que se agrava, coa aparente alternativa das relacións pornográficas desposuídas de todo vínculo afectivo.

E logo está a pistola, isto é, a violencia. A pregunta que o analista está obrigado a facerse é: por que á xente lle gusta que lle conten relatos violentos? Por que aos rapaces nos gustaban as pelis de tiros, como diciamos na miña infancia? Por que, moitos anos despois, son as que máis seguen gustando a nenos e maiores? Dixen “nenos”, sen engadir “e nenas”, porque aquí vén a conto a perspectiva de xénero. Se na miña infancia (ou mellor: no paso da infancia á pubertade), aos nenos nos gustaban as pelis de tiros, ás nenas lles gustaban as de amor. Como acontecía no estudo das revistas que lían os adolescentes, que fixen coa colaboración do meu alumnado de secundaria cando os adolescentes aínda non tiñan redes sociais: as mozas lían revistas “románticas” ou “do corazón” (desde Super Pop a Pronto ou Vale) e os mozos deportivas, de automóbiles ou motos. Lles gustan menos ás mulleres as pelis violentas e a equivalencia godardiana da muller e a pistola reflicte logo un nesgo de xénero patriarcal? Hai unha secuencia de Sleepes in Seattle (en España Algo para recordar, 1933, película esteticamente menor, na miña opinión, desa gran guionista que foi Nora Ephron) que recolle con moitísimo humor esa escisión de xénero nos gustos cinematográficos. Dúas (ou eran tres?) parellas quedan a cear e, despois da cea, deciden ver unha peli na televisión, pero homes e mulleres non se poñen de acordo: eles votan por The Dirty Docen (Doce del patíbulo foi a tradución en España, Robert Aldrich 1967), elas por An Affair to Remember (Tú y yo en España, Leo McCarey 1957). Eles un filme bélico ambientado na Segunda Guerra Mundial, pura violencia (Tarantino faralle unha homenaxe no seu Inglourious Basterds, 2009). Elas unha de puro amor romántico. Así que a cousa non é tan simple como propón o aforismo enxeñoso de Godard. Se, nos relatos que aman, a metade do xénero humano pode pasar sen a intervención da violencia, e a outra metade relegar o amor a un lugar marxinal mentres haxa xente que se se mata entre eles, cómpre recoñecer que aínda non demos atopado a clave universal que fai que homes e mulleres fiquen engaiolados coas narracións cinematográficas.

Non quero pechar esta nota sen facer unha recomendación: vexan, se aínda non o fixeron, a homenaxe ao primeiro Godard que Linklater fai en Nouvelle vague (2025). Unha gozada e a un tempo unha excelente reconstrución da rodaxe do filme À bout de souffle (1960) que, xunto con Les 400 coups (Truffaut, 1959), inaugurou a nova vaga do cine francés e mundial… con permiso do precedente neorrealismo italiano.