Pasaxes do corpo

A intrusión na vida cotiá e laboral de innúmeras tecnoloxías ten un efecto: a produción dun dobre imaxinario no ser humano. Cal? Un corpo inventado, sen sufrimento, doenza, vellez, morte. Estas tecnoloxías propoñen modificar órganos biolóxicos intensificando sentidos e creando cerebros algorítmicos sempre en transo de mellora “por un módico prezo”. A estrutura corporal varía de tal modo que o futuro do corpo é ultrahumano, a continuación transhumano, inhumano á fin (cosmolóxico, din algúns). Esta construción artificial, que multiplica órganos e reformula funcións, é cerna do capitalismo que vén. A pasaxe do corpo real ao corpo imaxinario é unha das promesas tardocapitalistas no relativo ás “novas liberdades”. O programa antropolóxico neoliberal lanza unha consigna: o ser humano debe tomar o control da súa evolución, reorientala e deseñala conscientemente; a evolución, concibida como perfeccionamento, debe basearse na incorporación das novas tecnoloxías ao corpo biolóxico.

Este programa antropolóxico neoliberal principia coa rotura da relación do corpo coa natureza e sociedade reais, a súa conexión a unha imaxe do mundo. Esta imaxe é unha representación dixital que recompón potencias cognitivas, volitivas, estimativas e afectivas. O fin perseguido é conectarse á máquina global de poder-saber, vixilancia e produción. Os medios empregados son traballo e ocio. O resultado é a pasaxe do corpo do biolóxico ao maquínico. Por que? Para que? O interior humano é arranxo de pensamento, vontade, xuízo moral, sentimento. O exterior é componenda da mirada propia e do outro, corpo vivido e corpo mirado. Porén, a máquina global carece de interior e exterior, vivencia e mirada. O novo corpo é compatible coa linguaxe informática avanzada ou, segundo o nome comercial, intelixencia artificial. Non haberá equívocos, ambigüidades, erros, paradoxos. Tampouco contradicións.

O desenvolvemento deste programa antropolóxico neoliberal responde a intereses económicos e plans políticos no cadro de produción capitalista. A proposta de superación dos límites e contorno físico do humano, que busca ir máis alá da configuración actual do individuo, confunde o tecnicamente posible co eticamente desexable. No seu afán de ir máis alá da especie non distingue as posibilidades tecnolóxicas de modificación das especies e o ben, a xustiza. Materia viva, seres biolóxicos, xenes, transfórmanse en capital, mercadoría. Exprópianse e capitalízanse informacións bioxenéticas, neuronais, biolóxicas, propiedade exclusiva dos seus portadores (os individuos). Ademais, a “oferta” de inmortalidade é relixión neste novo modo de produción que xestiona produción de vida e dación de morte coa finalidade de asentar a nova economía política (biopolítica, tanatopolítica). Por último, este programa antropolóxico neoliberal oculta o carácter político e revolucionario do sufrimento físico, psicolóxico, moral. Considera que a miseria, alienación, explotación, inxustiza, poden desaparecer no cadro de produción capitalista coa ideoloxía que fai do humano work in progress, autopoiese omnipotente (ideoloxía que comparece como imperativo tecnolóxico).

Estas pasaxes do corpo, entre outras, dan forma a un escenario de conflitos no que se mostra, dun modo descarnado, a articulación do proxecto de fabricación capitalista do novo humano e as pasaxes previstas para cada un dos nosos corpos.