Suso Díaz foi un home irrepetible, referente de compromiso co progreso da clase traballadora do noso país. Formado nas escolas de aprendices do sector naval, e forxado na oposición política ó fascismo foi un home dialogante, pero como bo comunista, tamén foi un Secretario Xeral firme e esixente, que defendeu con convicción os atributos completos da organización que liderou dende o ano 1992 ao 2000, o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia.
Liderounos cunha visión estratéxica do sindicalismo, da política e da vida, primando a resposta unitaria das organizacións da esquerda, a solidariedade de clase, e reforzando a capacidade de acción autónoma da organización.
A súa intelixencia, e as aprendizaxes da súas experiencias máis vitais coa ditadura ou coa reconversión naval, facíanlle rápidamente albiscar onde estaba o importante, o nuclear de cada momento que lle tocou compartir con nós.
Foi esa pericia sindical a que o levou a impulsar a fundación memorialista do Sindicato Nacional, a Fundación 10 de Marzo, ou o recoñecemento institucional do Día da Clase Obreira Galega: É necesario dispor dos útiles e das ferramentas que eviten que o esquecemento nos condene a repetir a historia, e tamén para reivindicar o protagonismo da clase obreira galega na reconquista da democracia.
Poucos analistas ou observadores teñen prestado tanta atención como Suso Díaz á evolución contemporánea do rápido avance da internacionalización do conflito político.
A coherencia que sempre practicou Suso Díaz nos espazos de intervención correspondíase cos seus principios, e tamén co modelo sindical que entendeu sempre que Galicia precisaba. Dende a Secretaria Xeral do S.N. de CC.OO, liderou a alianza coa Comisió Obrera Nacional de Catalunya e coas Comisiones Obreras de Euskadi, institucionalizando o encontro sindical das nacións históricas, as GALEUSCAT. Nun momento crucial participaron do necesario impulso o proceso de descentralización, axudando a consolidar o estado das autonomías e as súas competencias, e que foi determinante para o noso desenvolvemento económico, social e cultural.
Coa mesma coherencia coa que liderou o sindicato e confrontou e negociou cunha Xunta de Galicia presidida por un Manuel Fraga, practicou a necesaria limitación da presenza nos órganos de dirección, e no ano 2.000, aos 55 anos, pasou a aplicarse no activismo militante, axudando, participando e empuxando con especial interes, nas causas que interpelaban á xente mais nova.
Poucos analistas ou observadores teñen prestado tanta atención como Suso Díaz á evolución contemporánea do rápido avance da internacionalización do conflito político. Dende a capacidade colectiva para encher de indignación, de feminismo, de pacifismo, ou activismo climático as prazas e as rúas de medio mundo, como a dominación corporativa instalada nas novas tecnoloxías, que alentan o individualismo, e fan a sociedade adicta aos psicofármacos.
Son poucos tamén, os que teñen o acerto de testar a síntese do seu pensamento social e político, con tanta solvencia. O camarada Suso Díaz seguro que hoxe nos estaría convidando a botar un parrafada tranquila tomando un viño, porque para cultivar a conciencia de clase e o pensamento critico hai que ter, o primeiro de todo, tempo.
Por que foron, somos. Por que somos, serán.
Ramón Sarmiento Solla foi Secretario Xeral do Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia (2017-2021)





