Susan George, unha pensadora desde o Sur

Moitos activistas debemos lamentar a perda da insubstituíble Susan George, politóloga, socióloga, filósofa e activista franco-estadounidense, que faleceu o pasado 14 de febreiro aos 91 anos. Numerosas organizacións e colectivos destacan na súa despedida a magnitude do seu traballo, un enorme legado de análises, argumentos e ideas para identificar os resortes do poder, defender aos más desfavorecidos e protexer o medioambiente. A miña reseña pouco pode facer por ensalzar os seus evidentes méritos, pero quixera deixar un pequeno testemuño do relevante papel de certas personalidades, como a súa, capaces de dotarnos de ferramentas para comprender os conflitos e buscar saídas nun mundo enormemente complexo.

Eu xa sabía de Susan George desde a universidade, pero foi anos despois, a través dun documental da Televisión Española, cando a escoitei pronunciarse contra as privatizacións, as desregulacións e outras manobras que comezaban a dar a cara en pleno neoliberalismo. Falaba en nome de Attac (Asociación pola Tributación das Transaccións Financeiras e a Acción Cidadá) para denunciar aquela doutrina nacida no Norte global que se impoñía en prexuízo dos países do Sur e da cidadanía máis desfavorecida. A súa mensaxe pareceume inicialmente abstracta, incluso un punto conspiranoica, pero o certo é que describía o entramado invisible da economía e das institucións dun xeito demasiado convincente como para ignoralo. Foi aquela voz calmada, indignada e firme, xunto á doutros pensadores críticos, a que me levou ás mesmas portas da súa organización, que daquela encadrábase no que se coñecía como altermundismo. O resultado foi que un cidadán confuso e pasivo coma min acababa de espertar grazas a que persoas como esta infatigable muller levaban anos buscando estratexias para fortalecer a unha cidadanía indefensa.

Aquelas voces antiglobalización (contra os efectos indesexables da globalización, máis ben) viñan advertindo desde había tempo de graves desigualdades, perigos ambientais e risco de crises por culpa das cobizosas prácticas dun escaso número de axentes económicos. Finalmente, as súas alarmantes análises quedarían demostradas na burbulla financeira que rebentou en 2006-2007 en EEUU ata sacudir o mundo enteiro. Susan George era unha persoa acreditada que xa levaba anos denunciando as perversións daquel sistema concibido para o benefizo duns poucos e que agora fracasaba en directo. Curiosamente, no seu libro máis célebre, “O informe Lugano”, concibíu un dossier ficticio que describía con tan asombrosa verosimilitude as despiadadas estratexias dos grandes capitais e das súas institucións que acabaría servindo á cidadanía como reveladora guía de funcionamento das élites globais. Persoalmente, resultáronme de moito proveito as súas ideas orientadas para a acción, que se reforzaban recíprocamente coas reflexións dos mellores  pensadores críticos do momento (Naomi Klein, Eric Toussaint, David Graeber…). Unhas e outros contribuirían decisivamente a dar peso a movementos de influencia mundial como o 15M ou Occupy Wall Street, mobilizacións que chegaron a redefinir o rumbo político de moitos países. Eu tiña daquela máis de corenta anos, pero da man de intelectuais audaces e solidarios coma ela comezaba a entender os mecanismos que sosteñen o lucro, a destrución medioambiental, o cálculo despiadado das grandes corporacións e a indefensión dos humildes.

No ano 2010 tiven a sorte de participar nun acto de presentación do seu libro “Su crisis, nuestras soluciones” en España. Lembro colocar emocionado libriños e folletos de Attac na entrada do salón de actos da Escola Julián Besteiro de Madrid. Aquela muller duns estupendos 76 anos compareceu acompañada polo meu amigo Ricardo G. Zaldívar, quen compartiría mesa coa autora na presentación. O recinto estaba a rebosar, o esperado para recibir a unha intelectual de referencia, pero confeso que pouco recordo da súa intervención. Sei que adiantou argumentos do seu libro sobre a confluencia de varias crises (ecolóxica, social, financeira) e a necesaria xerarquización para solucionar as súas causas, pero quedoume gravada, sobre todo, a empatía e a enerxía que despregou. Como activista competente era consciente de que ese tipo de encontros non serven tanto para explicar como para unir e motivar. Pouco antes de acabar o acto lembro que se puxo a animar xubilosamente ao público con consignas “antisistema”, coma se estivese na rúa; despois, agradeceu calidamente a colaboración desinteresada dos intérpretes e rematou dicindo que se daría por satisfeita se a súa participación conseguía motivar a unha soa persoa de toda aquela concorrida sala ata facela loitar activamente polo cambio social.

Hoxe pasaron case 20 anos desde aqueles tempos do activismo ao que fun parar atraído por altermundistas tan carismáticos coma ela. E aínda que teño a sensación de que a contestación social non atravesa na actualidade por un dos seus mellores momentos, gardo a esperanza de que continúen esa misión inspiradora figuras tan competentes como Susan George para guiarnos no medio da confusión. Certo que non adoitan darse xuntas unha categoría humana como a súa xunto a tan poderosa capacidade intelectual, pero non teño dúbida ningunha de que a súa obra e o seu exemplo seguirán xerando unha influinte atracción para orientarnos cara ao Sur e deixarnos un pouco máis cerca dun mundo mellor.

Descanse agora en paz quen tanto loitou por ela.