SOGAMA, a empresa semipública na que 295 dos 313 concellos do país decidiron “delegar” a competencia do tratamento do lixo que recollen, volve ser obxecto de disputa partidaria por causa do anuncio dunha suba en 2025 de 66 a 108 euros por tonelada do canon que cobra aos concellos, o que repercutirá nos recibos do lixo da cidadanía. Unha acertada medida de fiscalidade ambiental do Goberno estatal ameaza a “solución SOGAMA” ao deixar en evidencia a súa insustentabilidade ecolóxica.
SOGAMA naceu na década de 1990 da man da Xunta de Fraga e de Fenosa (hoxe Naturgy) para producir electricidade sucia que Galicia e o planeta non precisaban e liberar á vez aos concellos de asumiren o tratamento do seu propio lixo, tarefa politicamente pouco agradecida e potencialmente conflitiva. Un municipio gobernado entón e hoxe polo PSOE, o coruñés de Cerceda, colaborou na implementación do “modelo SOGAMA”, asumindo a parte en principio máis delicada: a acollida do “complexo ambiental”, integrado principalmente por unha planta de “valorización enerxética” (incineradora) e un vertedoiro.
A electricidade producida coa combustión do lixo, subvencionada a través do recibo da luz (non só as renovábeis reciben axudas, tamén a incineración e a coxeración de calor e electricidade con combustíbeis fósiles), permitía abaratar a factura municipal do lixo e ampliar ao tempo a facturación de Fenosa. Nun comezo pretendíase queimar practicamente todo o lixo. Dicíannos que a recolla selectiva era completamente inviábel. Que ambientalmente o único importante era acabar cos daquela numerosos vertedoiros. Un asesor da Xunta mesmo nos alertaba que a compostaxe favorecería o espallamento de doenzas infecciosas!.
Unha certa presión social e as políticas europeas obrigaron a Xunta e concellos a iren mudando algo o rumbo inicial, mais sen por iso alteraren no esencial até hoxe a fórmula partillada ao abeiro de SOGAMA: acusada centralización, escaso esforzo na recolla selectiva, reciclaxe limitada, incineración como método prioritario. Acompañada de moito “greenwashing” para ocultar a realidade. Que SOGAMA queima o 60,5% e verte o 21% dos residuos que xestiona (2022).
Á oposición progresista, SOGAMA ofreceu tamén, alén de prezo e de levar lonxe o lixo, unha falsa coartada para renunciar a facer nos concellos, con algunhas excepcións, o que demandaba no Parlamento galego. Non esquezamos que a recolla e o tratamento dos residuos domésticos son competencias municipais.
O certo é que, desde unha perspectiva socioambiental, SOGAMA sempre nos saíu cara: desperdicio de recursos naturais, contaminación tóxica, achega á crise climática. Un serodio cambio na fiscalidade ambiental a nivel estatal pretende achegar agora o seu custo monetario ao seu custo real, ao penalizar a incineración e o vertido. A iso hai que sumar a finalización da retribución ao “investimento verde” na incineradora e a recuperación do imposto á produción eléctrica. Unha tormenta perfecta que abre un enorme buraco nas contas de SOGAMA.
A disputa política actual arredor de SOGAMA vai de repartir entre partidos e institucións as responsabilidades e os custos asociados ao pertinente aumento do prezo do tratamento dos residuos domésticos que, por certo, afectará tamén os sistemas diferentes de SOGAMA (Nostián, Barbanza), con excesivos niveis de vertido. Todos e todas coñecen ben o que poden facer onde gobernan para conteren o “tarifazo” económico-ambiental do lixo: aumentar a recolla selectiva para reciclar máis e incinerar e verter menos. Abofé que teñen moito traballo pendente. Ou máis ben temos, porque tamén importa moito o que fagamos nós nos nosos fogares.