Balance dos cambios no Sistema Galego de Dependencia no ano 2025

Nas últimas semanas, desde a Consellería de Política Social e Igualdade, espállase polos medios de comunicación un balance triunfalista do que ocorreu coas políticas de dependencia na Galiza durante o ano 2025, período no que aplicou o chamado “Plan de axilización e simplificación dos trámites da dependencia e discapacidade”, que se apoiou nos cambios lexislativos introducidos a finais do ano 2023, coa unificación do procedemento de valoración e de aprobación do Plan Individual de Atención (PIA), e a finais de 2024 coa unificación do procedemento de valoración da dependencia e discapacidade.

Porén, a análise dos datos do sucedido no Sistema da Dependencia en Galicia (Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, SAAD) durante o ano 2025, e os cambios ocorridos respecto ao ano 2024, non concordan co triunfalismo manifestado desde a Consellería de Política Social. Na táboa seguinte expóñense algúns dos principais datos dos cambio de 2025 respecto aos de 2024, datos oficiais publicados polo IMSERSO.

Da análise doa datos contidos na táboa, poden tirarse as seguintes conclusións:

1.  No ano 2025, houbo un forte incremento das prestacións do Servizo de Teleasistencia e da Prestación Económica por Coidados na Contorna Familiar (PECCF), dúas prestacións baratas e de carácter moi problemático a segunda. Esas dúas prestación explican por si solas o 95% das novas prestacións que se produciron no ano (40.737 de 42.865 novas prestacións). Pola contra, en 2025 víronse reducidas as prestacións de servizos clave, como os Servizos de Atención no Fogar (SAF), os servizos de Centros de Día (SCD), ou os dos Servizos de Prevención e Promoción.

Que medrara o número de prestacións é do que máis fachendea a administración autonómica quen, pola contra, oculta que o que medrou foron fundamentalmente prestacións e servizos “low cost”, mentres que se reduciron servizos básicos para o bo funcionamento e a calidade do sistema de dependencia

2.  O incremento de prestacións máis importante (118,64%) foi no Servizo de Teleasistencia. Trátase dun servizo moi útil, que ten a consideración de “dereito universal” para todas as persoas en situación de dependencia e que debe ampliar aínda moito máis a súa cobertura. Mais, ao tempo trátase tamén dun servizo de moi baixo custe, en comparación cos outros servizos do SAAD.

3.  As Prestacións Económicas (PE) tiveron un forte incremento durante 2025, coa excepción das de Asistencia Persoal (PEAP), que é moi escasa na Galiza e que é unha prestación moi cara mais, ao tempo, moi necesaria.

A Lei de Dependencia (29/2006), establece explicitamente (nos seus artigos 14, 17, y 18), a obrigatoriedade de priorizar os servizos (de SAF, CD, residencial, …) prestados por profesionais con formación acreditada, sobre as prestacións económicas (PE), que a propia lei establece claramente como de carácter excepcional. A lei é tamén moi clara e explícita na recomendación de priorizar aos coidadores formais (coa formación adecuada) sobre os coidadores informais (na práctica, mulleres da familia, sen formación específica, na grande maioría dos casos). Non facelo reduce a calidade dos coidados e perpetúa a discriminación de xénero.

Porqué a Xunta promove descaradamente as prestacións económicas e restrinxe a oferta de servizos?. A razón é ben simple, ofertar servizos é moito máis útil, mais ofrecer prestacións económicas é moito máis barato. E a administración opta polo barato antes que polo útil, polo que pode afirmarse que a Lei de Dependencia, e a opinión dos expertos, recomendan claramente todo o contrario do que fixo a Xunta de Galicia no ano 2025.

4.  A Prestación Económica por Coidados na Contorna Familiar (PECCF, Libranza para Coidados na Contorna Familiar, ou Prestación do Coidador Informal), tivo un importantísimo incremento do 74,32%, e foi moi activamente promocionada pola Xunta, que incluso pretende facela pasar como unha prestación de nova creación (Bono Coidado no Fogar). Trátase dunha axuda económica para as persoas que optan por ser coidadas nas súas casas por unha persoa (en xeral unha muller) familiar, amiga, veciña ou calquera outra persoa que elixa a persoa dependente. A forte promoción da PECCF é a figura de proa das estratexia da Xunta na construción dun sistema de dependencia de baixo custe. Por un custe relativamente baixo (aproximadamente 420 euros/mes) a administración sácase de enriba unha solicitude de dependencia e reduce as listas de espera, sen que lle preocupe moito a calidade dos coidados que vai recibir a persoa dependente, nin o mantemento da discriminación de xénero que potencia a PECCF.

5.  A Prestación Económica Vinculada ao Servizo (PEVS, ou “cheque asistencial”) tivo, tamén, un incremento importante (28,6%). Esta PE ten como obxectivo contribuír a pagar o custe da atención privada do Servizo de Atención no Fogar (PEVS do SAF), do Servizo de Atención Residencia (PEVS do SAR), ou do Servizo de Centro de Día (PEVS do SCD). Máis a contía da PEVS é moi reducida en comparación cos prezos que a grande maioría das familias teñen que pagar nos servizos privados de dependencia, nunha grande proporción en mans de empresas multinacionais dependentes de fondos voitre de investimento aos que non teñen outro remedio que recorrer.

6.  Entre os servizos nos que se reduciu o número de prestacións figuran os de Atención no Fogar (SAF), que diminúen nun 7,38%. Trátase dun servizo esencial cuxa boa saúde é indicativa dun sistema de atención á dependencia de calidade e dun servizos de proximidade que son absolutamente esenciais para que poda chegar a ser realidade a estratexia de “envellecer na casa”, que toda a literatura científica e os expertos en dependencia Trátase duns servizos esenciais mais que, ao tempo, son caros tanto para as persoas usuarias como para a administración; e esta, na súa teima por un sistema de dependencia “low cost”, optou por reducilos. A pretendida aposta da Xunta pola estratexia de “envellecer na casa”, demostra ser mera propaganda.

7.  Outros servizos que reduciron o número de prestacións foron os de Centro de Día (SCD), que diminuiron nun 10,58%. De novo trátase dun servizo esencial para que as persoas dependentes podan manterse na súa contorna e para que “envellecer na casa” sexa algo máis que un slogan que se repite mais que logo non se ten en conta. E de novo, trátase dun servizo que non é barato, nin para as familias nin para a administración e, na súa procura dun sistema de baixo custe, optou por reducir.

8.  Tamén se reduciron en 2025 o número de prestacións dos Servizos de Prevención da Dependencia e Promoción da Autonomía Persoal, que diminuíron nun 4,72%. É outro exemplo de servizos moi útiles (identificación de factores de risco de dependencia e fraxilidade, programas de estimulación cognitiva, prevención do deterioro cognitivo, servizos de rehabilitación, logopedia, terapia ocupacional, fisioterapia, …) mais que non son baratos, e que a Xunta optou por reducir.

9.  O número de prestacións de Servizos de Atención Residencia (SAR) tiveron, en 2025 respecto a 2024, un incremento do 6,8% (465 prazas), un incremento moi pequeno respecto das necesidades e as longas listas de espera existentes. Malia a fortísima demanda que existe, Galicia presenta un importantísimo déficit de prazas en centros residenciais, que resultan imprescindíbeis nas frecuentes situación nas que por diversas causas non é posíbel manter á persoa dependente na súa casa. Segundo estimacións publicadas na prensa hai un par de semanas, o déficit de prazas residenciais en Galiza estímase en 11.509 prazas, no ano 2024.

Sucede, ademais, que as prazas residenciais son unha prestación carísima para a grande maioría das persoas dependentes para as que resulta imposíbel o acceso a unha praza pública polo grande déficit que hai delas; ese déficit é consecuencia de que desde o ano 2010 a Xunta de Galicia non construíu ningunha nova residencia pública e só se limitou a recepcionar as novas residencias construídas nestes últimos anos pola Fundación Amancio Ortega, das que rapidamente cedeu a xestión a empresas privadas.

Mais a atención residencial é tamén unha prestación que lle resulta moi cara a administración, polo que no seu afán por reducir o gasto nos servizos de benestar, a xunta restrinxe todo o que pode esa prestación malia a grande demanda que existe dela.

Para a maioría da poboación, acceder a unha praza pública dos servizos de dependencia é complicado, e sobre todo é moi caro nos casos dos servizos de atención no fogar, centros de día e, sobre todo, residencias.

O que sucede nas residencias ilustra moi ben a situación: no acceso ás prazas das residencias públicas teñen prioridade, acertadamente, as persoas con maior grao de dependencia e menos recursos económicos e, como hai unha grande lista de espera, sucede que as persoas que teñen ingresos superiores aos 800 euros/mes, teñen moi difícil, ou resúltalles imposíbel, acceder ás prazas residenciais públicas. Nesta situación non lles queda outra que recorrer ás prazas ofertadas polas residencias privadas, que son carísimas (nas cidades frecuentemente por riba dos 3.000 euros/mes) incluso cando se conte coa aportación da Prestación Económica Vinculada ao Servizo de Atención Residencial (PEVS-SAR) que nunca supera os 800 euros/mes. A Xunta afonda así na súa estratexia de potenciar un sistema de “beneficencia low cost”, dirixida aos sectores sociais con moi escasos recursos económicos, mentres facilita a transferencia das rendas das familias das chamadas “clases medias” cara as empresas privadas da dependencia, e tamén a transferencia de recursos económicos desde o sector público ao sector privado.

Francisco L. Vázquez Vizoso é Epidemiólogo, ex-xefe do Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario de Pontevedra. Membro do Grupo Promotor da Asociación Galega en Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD).