Riscos ambientais e responsabilidade xurídica

Penso que non se lle deu a atención que merece ao paso que recentemente deu a Corte Internacional de Xustiza (CIJ) ao declarar que a inacción fronte ao cambio climático pode ser sancionada baixo o dereito internacional. Foi unha opinión consultiva, emitida o 23 de xullo de 2025, que establece a obrigación legal que teñen os Estados de limitar as emisións de gases de efecto invernadoiro, e de protexer aos cidadáns. Aínda que non é xuridicamente vinculante polo momento, abre vías e pódese entender como un importante impulso e reforzo moral para cuestionar a actitude pasiva e irresponsable de moitas administracións en materia ambiental.  Así que nun futuro xa próximo a inacción podería concretarse en sancións, reparacións económicas astronómicas, en suma, en responsabilidades penais ante as demandas que xa se empezan a formular.

O pronunciamento responde á iniciativa dun grupo de mozos de Vanuatu -Estado do Pacífico ameazado de desaparición pola subida do nivel do mar derivada do cambio climático-, iniciativa apoiada por máis de 100 países e presentada formalmente ante a ONU. A Asemblea Xeral deste organismo consultou ao tribunal internacional que se pronunciou agora sobre dúas cuestións crave: sobre as obrigacións que teñen os Estados, conforme ao dereito internacional, para facer fronte á crise climática, e sobre as consecuencias legais que poden enfrontar ante una pasividade que poda supoñer danos evitables.

É un gran avance no difícil camiño do dereito ambiental e unha vía moi interesante para a acción climática.

Este pronunciamento ten un valor normativo recoñecido a nivel internacional e é un gran acicate para reforzar os marcos lexislativos e a asunción do principio de responsabilidade á hora de articular e concretar as políticas ambientais que loiten contra o cambio climático e a crise ambiental e dirimir as responsabilidades. É un gran avance no difícil camiño do dereito ambiental e unha vía moi interesante para a acción climática. Tamén ten un valor pedagóxico para a difusión e posta en valor dos dereitos ambientais dos cidadáns.

Merece a pena sinalar algúns puntos desta declaración da CIJ: parten de que “as consecuencias do cambio climático son severas e de gran alcance, afectan tanto a ecosistemas naturais, como a poboacións humanas. Estas consecuencias subliñan a ameaza urxente e existencial que supón o cambio climático”. Recoñecen que o cambio climático é un “risco universal existencial”, causado inequivocamente pola actividade humana e que os Estados membros teñen “o deber de previr danos significativos ao medio ambiente actuando coa debida dilixencia” e de “utilizar todos os medios ao seu alcance” para impedir que as actividades realizadas baixo a súa xurisdición ou control causen “danos significativos” ao sistema climático e ao medio ambiente.

Estamos a experimentar os efectos dos fenómenos extremos de gran intensidade, como danas e inundacións cada vez máis destrutivas, secas prolongadas, ondas de calor insufribles, incendios atroces de sexta xeración…

Este pronunciamento dase nun momento particularmente decisivo e súmase ás actuacións das fiscalías de medioambiente que empezan a intervir en supostos delitos ecolóxicos e demandas ambientais. Estamos a experimentar os efectos dos fenómenos extremos de gran intensidade, como danas e inundacións cada vez máis destrutivas, secas prolongadas, ondas de calor insufribles, incendios atroces de sexta xeración… polo que é moi pertinente falar da responsabilidade dos gobernos competentes e as súas políticas para a mitigación e adaptación ao cambio climático. Os cidadáns estamos en condicións de demandar medidas que todos os expertos apuntan para reducir o impacto climático sobre a sociedade; temos que esixir que as administracións asuman a súa responsabilidade en articular as estruturas estables de coordinación e de intervención para a catástrofes, e que se manteñan cos orzamentos e medios necesarios. Os votantes temos que considerar que políticas se propoñen desde os distintos partidos para afrontar con máis decisión a crise climática. Por suposto, cada administración ten as súas responsabilidades, e, por iso, necesitamos un gran pacto entre todos os partidos para loitar eficazmente contra o cambio climático. Pero para iso, todos teñen que recoñecer a crise climática e as súas raíces antrópicas, e hai que facer pedagoxía para que a poboación entenda as medidas que moitas veces non son populares pero que son necesarias. O negacionismo e a inacción – que só favorece a certos lobbies e os seus intereses,-  provoca danos significativos para a sociedade e para moitas outras actividades económicas que reciben o impactos dos desastres, danos estes que poderían amortecerse.  Agora temos unha base máis sólida para esixir xuridicamente responsabilidades.