A depredación enerxética comeza en primavera

Se o uso actual de recursos enerxéticos en Galicia se distribuíse uniformemente ao longo do ano, os renovábeis autóctonos aproveitados hoxe só durarían tres meses. A partir de abril a vida socioeconómica do país tería que parar de non ser pola importación masiva de enerxía fósil.

O Día da Depredación Enerxética é un concepto creado polo Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) que pretende visualizar a enorme dependencia da sociedade galega de enerxía fósil importada,  realidade a miúdo eludida pola tendencia xeral a pór o foco só na electricidade, que é un vector e non unha fonte de enerxía. Unha adición á enerxía fósil  da que tamén apenas se fala ao abordar a cuestión climática. A pesar de que a transformación e o consumo de enerxía fósil é a causa do 71% das emisións galegas de gases causantes de cambio climático (2021).

O Día da Depredación Enerxética defínese como o día do ano no que a demanda de recursos enerxéticos (enerxía primaria) iguala a oferta dispoñíbel de recursos propios. Tomando como referencia o ano 2021, o máis recente con datos do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), o Día da Depredación Enerxética é o 1 de abril. Cabe supor que en 2024 será no mesmo ou nun día próximo. Desde 2010 adoita cadrar en marzo, sendo este o primeiro ano en que cae, por ben pouco, en abril.

Abandonado de vez o carbón en 2023, no que resta de ano a economía galega usaría só petróleo e gas natural (ademais duns poucos biocarburantes importados). Combustíbeis fósiles importados maioritariamente desde o Sur global (África, México,…), Rusia e os EUA. Sen nos importaren os danos territoriais asociados a eles porque non os sufrimos. A prezos que non internalizan o seu custo ambiental. Agravando a crise climática global ao usármolos. Uso que inclúe a un potente sector enerxético fósil (refinaría, regasificadora, ciclos combinados) orientado non só ao consumo interno. Galicia exporta máis produtos petrolíferos que electricidade.

Como se pode ver na seguinte gráfica (dispoñíbel aquí), a enerxía primaria galega só representa o 24,8% de toda a usada no país. E nin toda é renovábel, pois o 4% dela provén de residuos, nin toda é realmente galega, pois a nosa produción de biocarburantes basease en materias primas importadas (por exemplo, millo de Ucraína). E o que resulta máis relevante aínda: o 41% da enerxía primaria galega non está libre de emisións,  xa que se trata de biomasa, biocarburantes e residuos, contribuíndo á crise climática (aínda que as súas emisións de CO2 non se inclúen no inventario oficial) e á contaminación do aire.

Atrasarmos o Día da Depredación Enerxética significa mitigar a crise climática, gañar autonomía enerxética e reducir a nosa pegada de deterioración ambiental externa, non por ignorada menos real. As vías para o conseguirmos son tres, todas necesarias: planificar  o fin do sector enerxético fósil, decrecer e electrificar máis o consumo enerxético galego e aumentar a produción renovábel, minimizando as afeccións territoriais e maximizando os beneficios sociais.