Renacemento nuclear?

Nos últimos anos o debate sobre a enerxía nuclear reabriuse e asistimos nun van intento de reinventala, redefinila, ou simplemente considerala como un mal menor imprescindible. Vénsenos dicir, entre outras cousas, que a enerxía nuclear superou o certo devalo que tivo despois do accidente da central nuclear de Fukushima en 2011, que é segura, que é competitiva, ou tamén nos falan das supostas marabillas dos pequenos reactores modulares ou SMR. Estamos perante un renacemento nuclear? 

Ante o debate sobre a enerxía nuclear, convén repasar a historia. Nos anos 70, durante a primeira crise do petróleo, o prezo do cru multiplicouse por catro e algúns países interesáronse pola enerxía nuclear, incipiente naqueles momentos. En apenas dúas décadas construíronse numerosos reactores nucleares. Na década dos 90 a construción de reactores reduciuse. Tanto é así que no ano 1996 a enerxía nuclear xerou un 17,5% da electricidade en todo o mundo mentres que os 422 reactores actualmente en operación nun total de 33 países producen arredor do 10,5% da electricidade mundial, segundo o Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA). 

A enerxía nuclear non é rendible. A rendibilidade da enerxía nuclear garda relación co tipo de enerxía producida: a electricidade. A realidade é que nas sociedades industrializadas o consumo de enerxía eléctrica supón ao redor do 20% do total da enerxía final. 

Cabe dicir que a enerxía nuclear está en declive. Desde o accidente de Fukushima en 2011, un total de 37 centrais nucleares foron clausuradas en Europa, e hai 43 unidades en construción en países como China, India, Corea do Sur, Rusia e Turquía. Non hai ningunha central nuclear en construción nos países occidentais. A que se debe? 

A enerxía nuclear non é rendible. A rendibilidade da enerxía nuclear garda relación co tipo de enerxía producida: a electricidade. A realidade é que nas sociedades industrializadas o consumo de enerxía eléctrica supón ao redor do 20% do total da enerxía final. Por tanto, producir soamente electricidade é un impedimento importante para as nucleares, porque a súa enerxía non é apta para moitos usos necesarios e iso limita o interese e o desenvolvemento da enerxía nuclear. 

Outra cuestión moi importante son os seus altos custos de investimento. Unha central nuclear é unha instalación moi complexa na que é absolutamente necesario implementar numerosos sistemas e protocolos de seguridade. A construción de centrais nucleares recibe en moitos casos subvenciones estatais, porque os custos de construción son moi grandes. 

Mentres que a enerxía nuclear experimentou un aumento nos seus custos, a enerxía solar diminuíu o seu prezo nun 85% e a eólica nun 50% na última década. Como resultado, en 2025 no Estado español instalouse preto de 10 GW de nova potencia renovable (principalmente solar fotovoltaica, con 8,8-9 GW), superando amplamente as adicións de calquera outra tecnoloxía. O total renovable (95,6 GW) xa supera á suma de fósiles e nuclear. 

Por se os custos non falasen con suficiente elocuencia do desafortunado de investir na nuclear, aínda queda un dos argumentos máis decisivos para descartala: os seus longos tempos de implantación comparados coas demais tecnoloxías. 

Pero, ademais, as centrais nucleares reúnen un conxunto de problemas, algúns de carácter tan grave, que as fai totalmente desaconsellables.

Segundo datos do IPCC, o tempo de construción de enerxías eólica e solar oscila entre varios meses e 2-3 anos, mentres que no caso dun reactor nuclear supón 9 anos, que aumentan a uns 18 anos ou máis se se ten en conta non só a etapa de construción, senón todo o proceso necesario para conectar un reactor nuclear que inclúe revisións de seguridade, permisos, licenzas e posta en marcha. 

Pero, ademais, as centrais nucleares reúnen un conxunto de problemas, algúns de carácter tan grave, que as fai totalmente desaconsellables. Un deles é que aínda non hai unha solución satisfactoria para os residuos radioactivos que seguen sendo radioactivos durante milleiros e milleiros de anos. 

En canto aos minirreactores nucleares modulares (SMR), trátase de pequenos reactores nucleares, de 300 megawatts de potencia eléctrica ou menos, un terzo da capacidade dos reactores nucleares convencionais. 

Hoxe en día, a maioría dos SMR son aínda prototipos. Estados Unidos, China, Rusia, Canadá e o Reino Unido lideran o desenvolvemento desta tecnoloxía, e terá que demostrarse toda unha serie de atribucións que a industria nuclear lles adxudica. Outra cuestión importante é o seu custo económico, que se desorbitou. 

O BWRX-300 de GE Hitachi desenvolvido xunto á Autoridade do Val do Tennessee (TVA), un SMR de 300 Mw, reflicte o estado actual da enerxía nuclear de nova xeración, con custos de capital extremadamente altos. O seu orzamento é de 18.000 dólares por Kw, custo que aumentará seguramente segundo avance a construción. Ese custo é 30 veces máis caro que un Kw solar (600) ou 18 veces máis caro que unha Kw eólico terrestre. (1000). Por ser, é mesmo máis caro que as novas centrais nucleares estándar, que andan ao redor dos 16.000 dólares por Kw. Incluso tendo en conta que fai falta ao redor de 3,5 kw solares para producir anualmente o mesmo que un kw nuclear, a comparación resulta escandalosa. 

No que respecta á seguridade, lembremos que o risco dun accidente (nuclear neste caso) defínese como o produto da probabilidade de que ocorra e a gravidade dos impactos que teñan lugar. Os accidentes nucleares graves son pouco probables, pero o seu impacto é dunha gran magnitude. 

Non só se trata de mortes debidas ao propio accidente, senón ás consecuencias posteriores a longo prazo sobre as persoas e o medio ambiente. Resulta tan ilustrativo como aterrador que, tras o accidente de Chernobyl, cuxo 40 aniversario se celebrará o 26 de abril, máis de 6 millóns de persoas tomaron, durante 20 anos, leite contaminado con isótopos radioactivos.