As redes sociais como principal fonte de información

Segundo un recente estudo elaborado pola axencia de comunicación Evercom, en colaboración coa Universidade Complutense de Madrid e a Fundación FAD Juventud, o 70% dos mozos e mozas utilizan en España as redes sociais como a súa principal fonte de información. Este auxe vai en detrimento dos medios tradicionais: o 57,8% infórmase a través da televisión e só o 17,6% recorre a prensa escrita ou dixital. O uso das redes que ademais pode chegar a ser intensivo, pois de media estes mozos e mozas pasan entre tres e catro horas diarias conectados ás redes sociais.

No caso concreto de Galicia, un Informe de AVANTE -axencia de medios e publicidade- sinala que o 49,8% dos/as galegos/as utilizan as redes sociais, sendo máis utilizadas (60%) nas poboacións pequenas -de menos de 50.000 habitantes- que nas grandes urbes (40%). Por provincias, Ourense (58,6%) supera claramente a media, e por idades, a mocidade entre 18 e 34 anos case triplica o uso que das redes fan os maiores de 55 anos. Por xénero, os homes aparecen lixeiramente por enriba das mulleres. Entre as redes, Instagram acadaría o 30%, por riba de Facebook -29%-, Youtube -22,5%- e Tiktok-18,5%-, que estaría experimentado un grande crecemento nos últimos anos.

Neste uso crecente das redes pola mocidade galega, ESTUDES -que depende do Ministerio de Sanidade- sinala que o 17,5% das persoas consultadas realiza un “posible uso problemático” das mesmas, sendo os terceiros en España con máis risco, con 2,1 puntos porcentuais por riba da media autonómica.

Como sucede no resto de España, este incremento de uso vai paralelo á perda de presenza dos medios tradicionais, cunha penetración que se sitúa entre o 24% e o 22% fronte a un 78,2% de Internet. Unha tendencia da que parece librarse a radio, que conserva unha penetración do 57,3% segundo datos do último Estudio General de Medios (EGM) de 2025.

Á hora de dimensionar a relevancia social deste confirmado crecemento do uso das redes como fonte de información en Galicia, como sucede practicamente en todo o mundo, recollemos o sinalado no estudio xa citado de Evercom, porque pensamos que contextualiza perfectamente este fenómeno e os seus impactos:

“As redes sociais son hoxe, para moitas persoas, o foro principal onde se conversa, se aprende e se configura a propia visión do mundo. Nese fluxo constante, a desinformación non irrompe como unha grande mentira, senón coma un barullo cotián, persistente e, en ocasións, difícil de identificar. As novas xeneracións medran recibindo contidos de todo tipo en tempo real, rodeadas de estímulos que compiten pola súa atención. Noticias, opinións disfrazadas de feitos e trolas difúndense con facilidade nun entorno onde non existen mecanismos efectivos para diluír o seu impacto”.

“Neste contexto, a desinformación non só altera a comprensión da realidade, senón que tamén incide no estado emocional e na confianza cara ás institucións e os medios. A pesar diso, este fenómeno non é illado. Organismos internacionais como a UNESCO, a OCDE ou o Consello de Europa advirten de que a difusión de información falsa, tanto en espazos dixitais como en medios tradicionais, constitúe unha ameaza global para a saúde democrática e o benestar social. A desinformación ten a capacidade de polarizar a opinión pública, fomentar o extremismo e erosionar a confianza cidadán nos procesos democráticos. Neste fluxo incesante, a mentira rara vez se amosa como tal. Disfrázase de titular atractivo, de meme enxeñoso ou de dato descontextualizado. O seu efecto non é inmediato, pero si constante: confunde, desgasta e, pouco a pouco, mina a confianza colectiva”.

(Estudo elaborado por Evercom, axencia de comunicación e estratexia dixital, fundada en 1996, que forma parte da IPRN: International Public Relations Network).