Os lodos vermellos son residuos perigosos (no caso de ALCOA todas as mostras analizadas os cualifican como corrosivos ou irritantes), con pH moi alcalino, orixinados durante produción de alúmina a partires de bauxita polo proceso Bayer.

A produción de 1 kg de alúmina conleva a xeración de entre 0,4 e 2 kg de lodos vermellos (Padhan e Paul, 2025). No caso da planta de ALCOA -a única en España- a xeración de lodos estaría no treito máis elevado deste rango (2 kg lodos/1 kg alúmina) de acordo coa información oficial do “Sistema Español de Inventario de Emisiones“, pero non é posible cruzar os datos de produción de lodos cos de alúmina e aluminio pois os datos de produción “relativos ao aluminio primario non se publican por razóns de confidencialidade” (Sistema Español de Inventario de Emisiones).

Qué se fai cos lodos vermellos?Nas plantas de procesamento de minerais, os relaves (residuos de bauxita ou lodos vermellos no caso das refinerías de alúmina) amoréanse en depósitos que, a partires dun dique inicial, poden recrecerse empregando tres métodos de construción:

  • A) “Augas arriba”, no que o dique de peche vaise apoiando en parte no propio lodo depositado. Deseñouse para zonas con pouca actividade sísmica e pouca pluviosidade ou captación de augas (https://globaltailingsreview.org/about-tailings/). Está prohibido en Chile e Brasil.
  • B) “Liña central”, método intermedio entre os de “augas arriba” e “augas abaixo”.
  • C) “Augas abaixo”, no que o recrecemento do dique de peche apoiase por completo no dique preexistente. Deseñouse para zonas con actividade sísmica ou con alta pluviosidade ou captación de augas (véxase https://globaltailingsreview.org/about-tailings/).

Tipos de diques. Traducido ao galego do orixinal de Adria et al. (2022), CC Attribution 4.0 International.

As roturas accidentais en depósitos construídos “augas arriba” diminuíron moito nos últimos 25 anos, pero a nivel mundial a súa frecuencia segue a ser case tres veces maior que a das roturas en depósitos construídos “augas abaixo” (Stark et al., 2022).

Como é o depósito de lodos vermellos de ALCOA?

O depósito, que comezou a construírse en 1979, ocupa unhas 116 ha na valgada entre os montes Sánchez e Peniche; ademais, os noiros dos diques que o bordean ocupan outras 26 ha despois de sucesivos recrecementos polo método “augas arriba”, agás o de 1981 que foi polo método “liña central”. Os recrecementos nunca chegaron a cumprir a vida útil estimada nos respectivos proxectos, con “erros de cálculo” tan abultados como para durar 23-25 anos menos do previsto:

  • Recrecemento de 1986 ata cota 64 m snm, debería ter durado ata 2018.
  • Recrecemento de 1995 ata cota 85 m snm, debería ter durado ata 2020.
  • Recrecemento de 2006 ata cota 100 m snm, debería ter durado ata 2031.

Cómo son posibles “erros de cálculo” de tal magnitude nunha industria como ALCOA?

Se fose incompetencia dos responsables de deseñar o depósito de lodos vermellos cabe supoñer que os terían despedido hai anos, pero os erros sistemáticos, que se repiten dende hai catro décadas, non están nos cálculos de capacidade do depósito. Os erros están nas estimacións da produción de lodos vermellos que aumentou de xeito constante ata ser hoxe 6,52 veces maior que en 1986. Cunha mesma eficiencia no proceso industrial, cabería agardar que a produción de alúmina (e de aluminio) tamén fose 6,52 veces maior. Como os datos de produción “relativos ao aluminio primario non se publican por razóns de confidencialidade”, non se pode comprobar de xeito independente se dita hipótese é correcta. Polo mesmo motivo, tampouco se pode desbotar a explicación alternativa de que se estea a empregar bauxita de menor pureza (máis barata) a costa de xerar máis residuos para manter a produción e/ou incrementar os beneficios. Desde a privatización da antiga INESPAL a ALCOA en 1998 a produción anual de residuos duplicouse moi ampliamente e, como se indicou no primeiro apartado, a relación entre produción de lodos e alúmina pode ser ata 5 veces maior nuns casos que noutros (véxase Padhan e Paul, 2025).

A evolución da produción de lodos vermellos na planta de ALCOA axústase case á perfección (R2=0,9935) a un incremento lineal ata as actuais 1.500.000 t/ano. Fonte: Elaboración propia cos datos do EIA.

Qué riscos ten o depósito de lodos vermellos de ALCOA?

O dique principal atravesa case perpendicularmente unha falla, que atravesa tamén o dique de cola construído posteriormente. Ademais, o sector norte do dique de cola sitúase moi próximo a unha segunda falla. Aínda que o risco sísmico na zona é baixo, compre lembrar que actividades humanas como a construción de encoros poden provocar desprazamentos en fallas preexistentes (https://geologyscience.com/es/geology/fault-and-types-of-faults/) co risco conseguinte para a estabilidade do depósito de lodos vermellos de ALCOA.

Fallas (liñas negras) existentes na contorna e debaixo do depósito de lodos vermellos de ALCOA. Fonte: elaboración propia en base á cartografía do IGME: https://info.igme.es/visor/

No Plan de Emerxencia de ALCOA cualifícanse como “accidentes GRAVES, con dano grave estrutural e risco de perda de vidas humanas” os seguintes casos:

  • Rotura do “dique principal”, pois afectaría a 5 núcleos habitados (Barxa, As Casas Longas, O Alto do Lago, Vilar e A Áspera) e a capa de lodos acadaría ata 20-30 m de altura na praia de Lago. No plan de emerxencia non se avalía a afección ao medio mariño nin á rede de espazos naturais protexidos (ZEC ES1120017 e ZEPA ES0000372 “Costa da Mariña Occidental”; ZEPA mariña ES0000554 Corredor migratorio galaico-cantábrico occidental), malia atoparse a menos de 900 m de distancia.
  • Rotura do “dique de cola” pola zona central, pois afectaría a 3 poboacións (A Aldea de Arriba, A Aldea de Abaixo e O Portiño), chegando a afectar a naves no porto de Morás.
  • Rotura do “dique de cola” no seu extremo occidental, pois afectaría ao núcleo de Portocelo, tras atravesar a estrada LU-P-2607.

Cómo é o novo recrecemento que se proxecta?

No proxecto en información pública o recrecemento do dique principal ata cota 110 m snm preséntase como por un método “augas abaixo” con reforzo estrutural. Na realidade o que se proxecta é un método mixto: “liña central” ata a cota 80 m snm e “pseudo-liña central” (pois debaixo hai capas intercaladas de lodos vermellos e recheos anteriores) entre a cota 80 e a cota 110 m snm (véxase imaxe a continuación). O reforzo estrutural faríase con pedraplén entre a base do dique e a cota 45 m snm e cun gran espesor de xabre entre as cotas 45 e 60 m snm, coincidindo xustamente co nivel ao que -ata mediados dos anos 90- se recreceu o dique en dirección máis fortemente “augas arriba”, no que semella un recoñecemento implícito dunha menor estabilidade/seguridade deste método construtivo.

Sección transversal do dique principal do depósito de lodos vermellos (lodos en cor salmón) segundo o proxecto. Para facilitar a visualización cambiáronse as cores orixinais da ampliación con xabre ata cota 104 (verde, actualmente en execución) e da ampliación proxectada ata cota 110 con xabre (azul) e pedraplén (azul e gris claro).

Sección transversal do dique principal do depósito de lodos vermellos (lodos en cor salmón) segundo o proxecto. Para facilitar a visualización cambiáronse as cores orixinais da ampliación con xabre ata cota 104 (verde, actualmente en execución) e da ampliación proxectada ata cota 110 con xabre (azul) e pedraplén (azul e gris claro).

Pódese facer outra cousa cos lodos vermellos?

Malia as dificultades polas súas características intrínsecas, os lodos vermellos poden aproveitarse na produción de materiais de construción, adsorbentes, cerámicas e catalizadores (véxanse referencias en Padhan e Paul, 2025). Ademais, poden ser obxecto de minería secundaria para aproveitar os metais e terras raras que conteñen (Jovičević-Klug et al. 2024; Padhan e Paul, 2025; Vielma et al., 2025). Ao respecto convén salientar que, segundo os datos do EIA, os lodos vermellos de ALCOA conteñen en promedio un 34,9% de ferro, un 7,5% de aluminio e un 3,5% de titanio.

Qué propón SGHN?

Obviamente, o recrecemento “infinito” do depósito é imposible e, á vista tanto do ritmo de incremento na produción de residuos como da situación actual do propio depósito, máis pronto que tarde haberá que tomar decisións sobre o depósito de lodos vermellos (con derivadas sobre a propia planta de ALCOA). Por iso, SGHN propón que se autorice o reforzo estrutural do dique principal ata a cota 80 m snm, pero non o recrecemento ata a cota 110 m snm agás que a empresa presente un proxecto de:

  1. Redución da xeneración de lodos vermellos mediante un incremento na eficiencia do proceso (actualmente desaproveita como lodos vermellos materiais que aínda conteñen un 7,5% de aluminio) e o emprego de bauxita de maior pureza.
  2. Redución progresiva da masa de residuos actualmente amoreados no depósito de lodos vermellos mediante minería secundaria dos metais (e ‘terras raras’) que conteñen, así como mediante o seu aproveitamento na produción de materiais de interese na industria e a construción.

___________________

Bibliografía citada

  • Adria, D.A.M., Ghahramani, N., Rana, N.M., Martin, V., McDougall, S., Evans, S.G., Take, W.A. (2023). Insights from the Compilation and Critical Assessment of Breach and Runout Characteristics from Historical Tailings Dam Failures: Implications for Numerical Modelling. Mine Water and the Environment 42, 650-669.
  • Jovičević-Klug, M., Souza Filho, I.R., Springer, H., Adam, C., Raabe, D. (2024). Green steel from red mud through climate-neutral hydrogen plasma reduction. Nature 625, 703-709.
  • Padhan, A., Paul, B. (2025). Unlocking the potential of red mud: Advanced strategies for economic optimization and sustainable recovery of critical minerals. Journal of Environmental Management 389, 126040.
  • Stark, T.D., Moya, L., Lin, J. (2022). Rates and Causes of Tailings Dam Failures. Advances in Civil Engineering 2022, 7895880.
  • Vielma, C.A., Svobodova-Sedlackova, A., Chimenos, J.M., Fernández, A.I., Berlanga, C., Rodríguez, R., Barreneche, C. (2025). Valorisation of Red Mud: Disclosing the Potential of an Abundant Residue. Sustainability 17, 1849.