A prórroga de Almaraz, con agosto e alevosía

En pleno agosto o Goberno español concedeu a prórroga á central nuclear de Almaraz, o que supón atrasar a clausura dos seus dous reactores, inicialmente fixada para novembro de 2027 na Unidade I e outubro de 2028 na Unidade II, e abre a posibilidade de que este movemento poida acabar afectando ao calendario de peches previsto para o conxunto do parque nuclear.

Como expresou Ecoloxistas en Acción, “o goberno español optou por blindar o negocio nuclear das grandes eléctricas fronte ao cumprimento das súas propias promesas, dinamitando un calendario de peche pactado. Esta decisión abre a porta a un negocio radioactivo que carga sobre a sociedade maiores custos a medio e longo prazo, e atrasa unha transformación enerxética inaprazable”.

O Goberno español pretende escudarse nun procedemento administrativo nada ortodoxo para xustificar a prórroga, sen levar a cabo unha revisión de seguridade en profundidade. O propio informe do Consello de Seguridade Nuclear que avala a operación recoñece que se limita a analizar a concesión da autorización, deixando fóra o labor de inspección e control da central durante estes anos, así como o cumprimento íntegro dos compromisos esixidos na renovación de 2020.

Cando o oligopolio eléctrico acepta que a prórroga de Almaraz non supoña un custo para o Estado faino sabendo que en tres anos terá a tixola polo cabo e poderá impor todas as súas condicións económicas ao Goberno de quenda.

Pero non se trata só de Almaraz. O precedente que senta esta forma de proceder aplana o camiño para que o resto do parque nuclear reclame idéntico trato. En 2030 está programado o peche das máis grandes centrais nucleares de Cofrentes e Ascó I. É aquí onde está a primeira trampa da oferta das eléctricas. Se o peche de Almaraz se atrasa tres anos -ata 2030- nese ano atopámonos co peche programado de nada menos que catro centrais nucleares. Unha tarefa que ningún Goberno quererá acometer. Cando o oligopolio eléctrico acepta que a prórroga de Almaraz non supoña un custo para o Estado faino sabendo que en tres anos terá a tixola polo cabo, e poderá impor todas as súas condicións económicas ao Goberno de quenda. En concreto, o que buscan é un prezo que os beneficie para o MWh nuclear, e que se rebaixe ou elimine a chamada taxa Enresa, a taxa para a xestión dos residuos radioactivos. É dicir, maximizar os beneficios mantendo as nucleares funcionando, arrastrando no seu calendario a Ascó I e Cofrentes, bloqueando así o peche nuclear pactado. Deste xeito, o Goberno central cedeu ante os intereses do oligopolio eléctrico e da dereita política.

O Goberno central escudouse para conceder a prórroga da central nuclear de Almaraz en cuestións como que a medida non incidirá no peto dos cidadáns e cidadás, nin terá incidencia no mix enerxético, nin requirirá máis instalacións no que respecta aos residuos radioactivos que xerará a ampliación da operación de Almaraz.

Pero é obrigado referirme ao informe ‘Peche nuclear e transición enerxética: o caso de Almaraz. Analise de impactos económicos e ambientais’, encargado por Greenpeace e cuxos autores son Eloy Sanz, profesor titular da Universidad Rey Juan Carlos e director da Cátedra de Transición Enerxética, e Víctor García Carrasco, investigador da Universidade Politécnica de Cataluña, no que afirman que prorrogar a vida útil da central nuclear de Almaraz comportaría unha perda acumulada de investimentos en renovables de 26.130 millóns de euros entre os anos 2026 e 2033, e xeraría uns sobrecustes na factura eléctrica de 3.831 millóns de euros.

O informe de Eloy Sanz e Víctor García Carrasco ciméntase sobre modelizacións a medio e longo prazo en canto á evolución da oferta e a demanda eléctrica, contemplando tres escenarios: o de peche (tal e como se prevía no calendario de peches fixado en 2019 polas eléctricas e Enresa), o de prórroga (ata 2030, como solicitaron as propietarias do complexo de Almaraz), e o de sucesivas prórrogas do resto das centrais, denominado ‘prórroga + desaceleración renovable’.

A conclusión xeral do informe é taxante: “Os resultados mostran que o peche programado de Almaraz é tecnicamente viable, ambientalmente favorable e economicamente máis eficiente que a súa prórroga”. E advirte de que analizar a extensión só polo alivio temporal de prezos durante os anos de prórroga sería mirar o sistema “polo retrovisor”, xusto cando a estrada esixe acelerar a transición.

Pero hai máis razóns para o peche definitivo de Almaraz, como que detén a acumulación dos refugallos perigosos e elimina o risco de accidentes, deixa “espazo” na rede para que entren proxectos de enerxía solar, eólica e sistemas de almacenamento masivo, e ademais as centrais envellecidas requiren investimentos multimillonarios constantes para actualizar os seus sistemas de seguridade.

O modelo de consumo enerxético ilimitado resulta insostible para o planeta. É necesario transitar cara a un sistema baseado na eficiencia, o aforro e a suficiencia, adaptando a demanda aos límites ecolóxicos reais e reducindo a dependencia de tecnoloxías centralizadas e de alto risco como a enerxía nuclear.

Celebrar como un éxito a prórroga de dous anos e medio de Almaraz, tal como fixo o Goberno español, reflicte unha incomprensión da nosa dependencia enerxética, frea a transición ecolóxica e desperdicia a oportunidade de aliñar a produción e a demanda cos límites do planeta.