[Alén dos espellos] Do poder e os límites dos medios

A serie de televisión, The Loudest Voice (Tom McCarthy e Alex Metcalf, 2019), emitida pola plataforma Showtime, e o filme The Aprentrice, (Ali Abasi, 2024), difundido en España co engadido La historia de Trump, parten de investigacións desenvolvidas polo xornalista Gabriel Sherman, a primeira centrada no produtor audiovisual Roger Ailes, o segundo nos primeiros anos como promotor inmobiliario do hoxe presidente dos Estados Unidos Donald Trump. Hai aínda outro nexo: Roger Ailes foi o todopoderoso produtor de Fox News, a canle televisiva que cambiou de forma decisiva a difusión das noticias nos Estados Unidos, arrebatando o liderado nas audiencias a NNC e MSNBC, e converténdose nun factor clave do éxito de Donald Trump na súa carreira cara a presidencia.

O retrato que se ofrece das dúas figuras que ocupan o centro dos dous relatos audiovisuais non pode ser máis demoledor: dous homes manifestamente corruptos, mentireiros compulsivos, cínicos sen escrúpulos, egoístas megalómanos carentes da mínima empatía co resto da humanidade, machistas irredentos, mesmo (literalmente) violadores. Un retrato coma este, divulgado polos dous mass media con maior influencia sobre a opinión pública, debería ter acabado co prestixio profesional de calquera persoa, e de feito cabe pensar que hai tan só dez anos así tería ocorrido. De feito, na serie descríbese como Roger Ailes, en plena campaña do Mee to, malia todo o seu poder, non puido impedir que a denuncia por acoso dunha presentadora despedida provocara unha inspección interna na cadea que fixo aflorar outros casos, o que levou ao propietario da cadea, o conservador Rupert Murdoch, a esixir a súa renuncia en xullo de 2016 (hai un filme centrado nestes casos: Bombshell, en España distribuída co título El escándalo, Jay Roach 2019). Ailes foi xulgado e condenado e, finalmente, tanto el coma Fox News tiveron que indemnizar ás mulleres denunciantes. Porén, nada diso impediu que Trump o fichara inmediatamente como asesor na súa primeira campaña presidencial, colaboración que foi interrompida pola morte de Ailes en maio de 2017.

Certamente a Donald Trump non lle gustou nada a imaxe que o filme de Ali Abasi daba del e fixo todo o posible por evitar que se estrease. Non o conseguiu porque todo canto no filme se conta, incluída a violación da súa ex esposa Ivana, está perfectamente constatado. Pero tampouco importou: meses despois da estrea de The Aprentrice, en novembro do 2024, gañaba as eleccións presidenciais por segunda vez. A pregunta, logo, imponse: como é posible que unha ampla maioría de electores escollan como presidente a alguén acreditado como corrupto, mentireiro, cínico, egoísta megalómano, carente de toda empatía, machista e violador? E mesmo, visto o desempeño na súa primeira presidencia, profundamente ignorante e incompetente.

É lugar común sustentar a superioridade da democracia como réxime político en dous supostos: que a vontade libremente expresada polo conxunto da cidadanía é necesariamente mellor que a decisión arbitraria dunha soa persoa, ou dun grupo limitado, que somete ao resto á súa vontade; que para que a decisión maioritaria sexa a “mellor” no sentido da máis “xusta”, é preciso que eses cidadáns e cidadás actúen como suxeitos racionais que constrúen argumentos, reflexionan sobre os argumentos en conflito, deliberan sobre eses conflitos e finalmente elixen o argumento mellor aplicando criterios racionais. Mais, que acontece cando notoriamente a elección se afasta desa esixencia de racionalidade? Ailen, tal como vemos na serie de televisión, cinicamente doulle a volta á pregunta: que acontece se usamos o medio televisivo, non para formar unha opinión pública racional, senón para manipulala emocionalmente? O resultado é o que el expresa coa súa “teoría do foso da orquestra”: entre un candidato que ofrece nun debate unha solución a un problema e un que pega un esvarón e cae ao foso da orquestra, o que concentrará a atención do público e ficará na memoria é o segundo.

En 1996, Pierre Bourdieu concluía o seu breve opúsculo Sur la télévisión con esta advertencia: “A televisión rexida polo audimat (a medición de audiencias) contribúe a facer pesar sobre o consumidor supostamente libre e ilustrado as coaccións do mercado, que nada ten que ver coa expresión democrática dunha opinión colectiva ilustrada, racional, dunha razón pública, coma queren facer crer os demagogos cínicos”. Se iso xa era certo a finais do pasado século, o xiro cara ao sensacionalismo (é dicir, o predominio do emocional sobre o racional) nos medios de masas (prensa, radio, televisión, cine), imposto pola alianza entre Ailen e Murdoch, ten acrecentado o perigo que isto supón para a democracia. E nesas andamos…