De acordo a un censo de lobos que vén de rematar o goberno Español, “en España hai menos lobos que linces” (Hugo Morán, Secretario de Estado de Medio Ambiente). Un censo que o Ministerio realizou ao través das Comunidades Autónomas e que desmonta moitos tópicos interesados. Ao mesmo tempo, o estudo pon o foco na diverxente situación do lobo en relación ao lince, que pasou de estar en perigo de extinción a ter un “status vulnerable” segundo a Lista Vermella de Especies Ameazadas da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN).
En relación á situación dispar do lince e o lobo, cómpre subliñar que o primeiro foi no seu día considerado como unha alimaña e que estivo a piques de desaparecer, de ser exterminado. Crese que na actualidade a poboación de linces en España supera os 2.000, o que levou a UICN á decisión subliñada anteriormente de situar o lince na categoría de vulnerable. Unha recuperación do lince que chegou a Galicia onde a presencia deste animal era hasta hai ben pouco practicamente inexistente.
España non só incumpre estas normativas senón que neste ano 2025 aprobou a Lei de desperdicio alimentario que entre outras intencións tenta atender as demandas dos “cazadores”.
Neste marco, e como ben sinala Hugo Morán, cabe preguntarse o seguinte: por que o lince si e o lobo non? Xabier Vázquez Pumariño, biólogo, grande coñecedor da materia e membro destacado da Plataforma pola defensa da Cornisa Cantábrica, responde que o problema co lobo a nivel legal é que España leva máis de catro décadas -exactamente dende 1982, cando asinou a Convenio de Berna sobre a protección do lobo- nunha situación ilegal, de incumprimento da legalidade vixente, tanto no que fai referencia ao citado Convenio de Berna como ao LESPRE (Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial) que, aprobado no ano 2021, inclúe ao lobo como especie protexida. España non só incumpre estas normativas senón que neste ano 2025 aprobou a Lei de desperdicio alimentario que entre outras intencións tenta atender as demandas dos “cazadores”, quitando ao lobo da LESPRE aínda que iso signifique incumprir o Convenio de Berna.
O Convenio de Berna ou Convenio relativo a Conservación da Vida Silvestre e do Medio Natural de Europa, no seu apéndice II inclúe ao lobo entre as “Especies de fauna estritamente protexidas”. Un convenio que quedará implementado a escala da Unión Europea mediante a Directiva de Hábitats que está en vigor dende 1992. Unha directiva que recollendo o espírito de Convenio de Berna introduce, a pesar diso, unha importante consideración como que a protección estrita dos lobos “pode limitarse en determinadas circunstancias para… evitar danos grandes ao gando ou en interese a seguridade pública”. Unha consideración que autenticamente é unha importante redución da protección do lobo en territorio da Unión Europea. A intención da Comisión Europea, co apoio do Consello Europeo, é que o lobo pase da condición de “especie de fauna estritamente protexida” (Apéndice II do Convenio de Berna) ao de “especie da fauna protexida” (Apéndice III). O cambio non é banal pois se o Apéndice II do Convenio de Berna “prohibe todas as formas de captura, retención e matanzas deliberadas, así como a destrución de lugares de reprodución ou descanso”, o apéndice III circunscríbese a “manter as poboacións fóra de perigo prohibindo aos Estados utilizar medios de captura e morte indiscriminada capaces de provocar a desaparición ou graves perturbacións da especie”. Como se pode ver o cambio é máis que semántico e que segundo a conservadora Presidenta da Comisión Europea, a baronesa Ursula von der Leyen, responde que a “a concentración de lobos nalgunhas rexións europeas converteuse nun perigo real para o gando e, potencialmente, tamén para os seres humanos”, e por tal razón insta “ás autoridades nacionais a que tomen medidas cando sexa necesario” (setembro de 2023).
Pola súa parte, o Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial e o Catálogo Español de Especies Ameazadas, que fora aprobado en 2011, sería modificado por unha Orde do 2021 (BOE 26 de setembro) que mantendo o lobo no LESPRE engade que “se poderán aplicar medidas de extracción e captura de exemplares que conten cunha autorización administrativa que se conceda pola autoridade competente da Comunidade Autónoma”, sempre que se cumpran ”unha serie de criterios como que “non exista outra solución satisfactoria…., que se xustifique que non afecta ao estado de conservación favorable da especie, así como a existencia de prexuízos importantes para o gando nas explotacións afectadas…”. Unha orde que, como se pode ver, liberaliza de forma clara a “extracción e captura de exemplares”.
Pero a puntilla viría cando o Congreso dos Deputados aproba a Lei de desperdicio alimentario (1 de abril do 2025) aceptando unha emenda das dereitas que despenaliza a caza do lobo ao retiralo do LESPRE, polo que o lobo pasa a estar desprotexido e poder ser obxecto de caza. Parecería entón que o lobo xa se podería cazar libremente, algo que non debería ser certo por varias razóns tales como que hai que cumprir o Convenio de Berna que España asinou no seu día e, como sinalaba antes, segue vixente, e tamén porque o lobo tería que estar nun estado de conservación favorable o que non é o caso como demostran todos os informes científicos solventes como fai, por caso, o último que se enviou á Unión Europea e que poñía en evidencia esta situación, polo que avisaba de que non se debería autorizar a caza do lobo. Informe que dou pé á sentencia do Tribunal de Xustiza Europeo (2024) na que se fixa que “o lobo non pode ser declarado como especie cazable nunha parte do territorio dun Estado membro cando o seu estado de conservación a nivel nacional é desfavorable”.
A pesar da citada sentencia en España xa se permitiu a caza de lobo nalgunhas Comunidades Autónomas. En Galicia, como subliñamos ao principio, o TSXG paralizou cautelarmente a autorización da Xunta. Por outra parte, para que se autorice a caza do lobo debe haber un plan de caza específico, algo que non existe en ningunha das Comunidades Autónomas. Neste marco, as asociacións en defensa do lobo tentan presentar recursos en cada unha destas xa que, como é ben sabido, as competencias en materia de caza depende delas.
Segundo estudos realizados en Estados Unidos e Alemaña hai unha relación directa entre o incremento do rexeitamento ao lobo e o ascenso das forzas de extrema dereita.
Neste marco cabe preguntarse a que se debe este tan forte rexeitamento a o lobo. Xavier Vázquez Pumariño subliña que as razóns son varias e van dende un rexeitamento histórico ata o tratamento cultural e folclórico deste animal, que case sempre se presenta como un inimigo do home, como un antagonista que o mira ti a ti: rétao. Así en España hai tres grandes depredadores: o oso, o lince e o lobo. Os dous primeiros están protexidos con resultados moi positivos, incluso espectaculares. Que pasa co lobo?, “que é un gran depredador a pesar da caza, as batidas o envelenamento… sobrevive sendo ademais un animal que nos desafía continuamente: velaí as principais razóns desa aversión. O seu atrevido e continuo desafío ao ser humano, un animal que nos discute continuamente o seu futuro, algo que o diferencia doutros depredadores. Este carácter seu fai que, ás veces, se identifique con ideoloxías totalitarias.
Segundo estudos realizados en Estados Unidos e Alemaña, hai unha relación directa entre o incremento do rexeitamento ao lobo e o ascenso das forzas de extrema dereita. Esa é unha realidade coa que nos atopamos en occidente, onde a extrema dereita utiliza o símbolo do lobo para dar a batalla cultural, especialmente no medio rural, onde acostuman atopar un terreo bastante fértil. Unha situación favorecida pola crise actual do mundo rural (abandono, caída de rendibilidade das explotacións…) pero que sucede tanto nas áreas onde hai lobo como onde non o hai. O lobo non é a causa dos problemas do mundo rural, senón o modelo de desenvolvemento. En relación á citada identificación temos o caso actual de España, onde este incremento de rexeitamento cara ao lobo coincide co ascenso das extremas dereitas en todas as comunidades.
Xogan tamén un papel moi importante neste rexeitamento (X.V. Pumariño) ao lobo as trolas e mentiras (“fake news”), que sistematicamente se repiten en parlamentos e medios de comunicación moi diversos e que reproducen mensaxes como que “atacan ás persoas”, “matan por vicio e instinto” ou que “a gandería non é viable con lobos”. Todo mentiras, como proba a evidencia de que, por caso, na gandaría e no rural os problemas son os mesmos haxa ou non haxa lobos. Pero seguramente as trolas maiores son a de que “cada vez hai máis lobos” -o que non se axusta a realidade por que non hai lobos senón unha serie de manadas que se manteñen estables dende, por caso, o ano 2021- e a de que “hai máis ataques” -o que tampouco é certo, o que acontece realmente é que hai máis denuncias… e máis indemnizacións por matanzas do lobo que, en non poucos casos, dá lugar á picaresca-.
Se se teñen en conta todas estas evidencias seguramente chegaremos á conclusión de que o lobo non é o problema que nos queren presentar.
Neste marco, fixado polos inimigos de lobo, toca estar xustificando a “utilidade do lobo” o cal, de principio, resulta algo que chama a atención porque se trata de xustificar a existencia dun ser vivo, o que non se fai coa maioría das especies. A pesar diso pódese xustificar a utilidade do lobo por razóns éticas e humanitarias -o dereito a vida dunha especie-; porque forman parte da biodiversidade, o que xustifica a súa existencia; polo seu papel positivo como depredador que regula o ecosistema con evidencias de que a súa desaparición nunha zona provoca efectos catastróficos no equilibrio entre as especies e mesmo no medio ambiente; por ser un controlador de doenzas como, por caso, a tuberculose bovina, o que ten un beneficio económico -aforra cartos aos particulares e as administracións públicas- e colabora a seguridade alimentaria; porque favorece o equilibrio entre especies, presas e hábitats -o incremento do número de xabarís terá algo que ver co descenso do número de lobos?-. Finalmente, tamén se ten comprobado, en sentido contrario, que ao incrementar a súa caza medran os ataques: estes destrúen as manadas e forzan aos lobos a “buscarse a vida”.
Se se teñen en conta todas estas evidencias seguramente chegaremos á conclusión de que o lobo non é o problema que nos queren presentar, que é un ser vivo que forma parte da natureza e como tal colabora decisivamente ao equilibrio ecolóxico, e que a súa caza, agora e aquí, é unha barbaridade con consecuencias imprevisibles, pero moito máis negativas que positivas. Que o odio que se intenta promover non está xustificado, como o odio a calquera ser vivo. Por iso, que desde administracións públicas como a Xunta de Galicia fomenten e apoien a súa caza, só se entende en base a supostos políticos e ideolóxicos propios das extremas dereitas. Supostos que, xa que logo, non teñen ningunha base científica ou económica.