Segundo parece, data do 1929 a primeira referencia sobre a hipótese dos seis graos de separación (ou de enlaces que, como máximo, conectarían a dúas persoas no planeta). As matemáticas andan detrás da demostración desas conexións, pero o principio de causalidade fai moito máis doado evidenciar conexións ao da historia.
Foi naquel 1929 cando o profesor Ferran Calvet i Prats, despois de estudar en Barcelona e pasar polos laboratorios do Queens College (Oxford), conseguiu a cátedra de Química Orgánica da Universidade de Santiago, converténdose no primeiro catedrático dese Departamento. Tardaría un ano en incorporarse pois marchou á Universidade de Múnic cunha beca, para traballar co Nobel H. O. Wieland.
Sete anos antes botara a andar a Sección de Químicas en Santiago, como indica o libro ‘Cuestión de Química. Cien años de estudios de Química en la USC (1922-2022)’. Nel coméntase que Calvet destacou inmediatamente polo seu trato próximo e aberto, que modificou hábitos estabelecidos na relación profesor-alumno, amosou unha clara aposta por fomentar o traballo de laboratorio e unha activa participación en foros internacionais. Coincide coa descrición que se dá en Os fillos do Sol, unha interesante película do 2017 dirixida por Ramón Costafreda e Kiko Ruíz. Co seu compromiso socio-político, que combinaba inquedanzas progresistas, republicanas e catalanistas, inmediatamente pasou a defender vivamente o Estatuto de Galicia e a galeguización da Universidade Compostelá.
Co seu compromiso socio-político, que combinaba inquedanzas progresistas, republicanas e catalanistas, Calvet inmediatamente pasou a defender vivamente o Estatuto de Galicia e a galeguización da Universidade Compostelá.
No mesmo sentido ía o seu compromiso na xestión dos recursos do país, emprendendo varias liñas de investigación, especialmente no mundo dos alcaloides (metabolitos nitroxenados moi estendidos na Natureza). De feito, na súa estancia en Múnic colaborara nos estudos sobre a estricnina e outros compostos desa familia. Xunto ao médico Ramón Obella, participou na creación dun centro de investigación en Vigo, o Instituto Bioquímico Miguel Servet, onde traballou sobre os alcaloides do caruncho do centeo, conseguindo un medicamento, o Pan-Ergot, útil no tratamento de xaquecas e glaucomas.
Segundo comenta o historiador Ricardo Gurriarán na citada publicación da USC, Calvet, xunto co profesor de Inorgánica, Juan Martín Sauras e Isidro Parga Pondal, naquel entón no Departamento de Química Analítica (e axiña, no mundo da xeoloxía, creando no 1940 o Laboratorio Xeolóxico de Laxe), formaban o trío de docentes innovadores e progresistas daquel entón; coa chegada do franquismo, os tres serían expulsados da Universidade no 1936.
Participa na formación da empresa Zeltia
Calvet marcha primeiro a Edimburgo e logo a Estocolmo ata que no 1938, cando volvía a Galicia, é detido na fronteira de Tui. Ao rematar a guerra, separado da cátedra, participa co propio Obella no proxecto empresarial dos irmáns Fernández López: a formación da empresa Zeltia, na zona de Vigo, e un dos obxectivos foi continuar coa investigación dos compostos do caruncho e elaborar novos fármacos. Naqueles anos, a empresa acolleu unha morea de científicos, moitos tamén expulsados ou rexeitados polo mundo universitario daquel réxime, como por exemplo o farmacéutico e biólogo Faustino Cordón ou o xa citado Parga Pondal. Entre 1939 e 1945 (ano en que Calvet recupera unha cátedra, pero en Salamanca), Zeltia vaise expandir chegando a patentar máis de 50 medicamentos e produtos agrarios (alcaloides, vitaminas e, tamén, pesticidas como o DDT).
Unha vez instalado en Santiago, sería unha constante a liña de investigación sobre produtos naturais extraídos de plantas do noso país, especialmente no campo dos alcaloides, xa que foron moitos os illados no Departamento, a maioría con nomes derivados de vilas galegas.
Ignoraba eu todo iso, e moito máis, cando hai 50 anos comecei os estudos de Química no Colexio Universitario da Coruña, nuns barracóns próximos ao ‘mar de Riazor’, pasando logo a facer o segundo ciclo en Santiago. Ignoraba tamén que o sucesor de Calvet nesa cátedra compostelá (vacante entre 1936 e 1942), o mallorquino Ignacio Ribás, con anterioridade a súa incorporación, xa colaborara moi activamente co Instituto Miguel Servet de Vigo. Deses traballos de Ribás sairían varios medicamentos como a Efedrina Servet (a efedrina é un alcaloide inicialmente extraído da Ephedra sínica, arbusto xa usado na milenaria farmacopea chinesa).
Unha vez instalado en Santiago, a liña de investigación sobre produtos naturais extraídos de plantas do noso país sería unha constante; e por certo moi prolífica, especialmente no campo dos alcaloides, xa que foron moitos os illados no Departamento, a maioría con nomes derivados de vilas galegas, como a coruñina ou a pontevedrina (extraídas da papoula mariña Glaucium flavum) ou a ourensina, isoourensina e santiaguina, obtidas do codeso (Adenocarpus sp.), abundante no monte galego, etc.; sen esquecer os traballos sobre produtos da cortiza obtida das sobreiras e outros compostos extraídos de algas das nosas costas (p.e., o Agar).
A mesma liña seguiu Luis Castedo, o cuarto catedrático en orde histórico (tras o paso fugaz de José Luis Soto). Así, entre os novos alcaloides illados da foresta galega apareceron nomes como viguina, arousina, celtina, breoganina, noiaína, etc. Naturalmente, había outras liñas de investigación: como a síntese orgánica (uso e eficacia de diferentes catalizadores metálicos, síntese de derivados da vitamina D, …), estudos de interaccións enzimas-substrato, antibióticos, etc., pero unha deriva dos produtos naturais centrouse nos produtos naturais mariños, liña dirixida polo profesor Ricardo Riguera, quen foi un dos directores da miña tese doutoral, xunto a Castedo (como xefe do Departamento) e a José María Quintela, profesor de Orgánica no C.U. da Coruña e, posteriormente, o primeiro catedrático de Orgánica da UDC (fundada no 1989).
Liñas de investigación no Departamento
Houbo que compartir, pois, o traballo máis básico e rutineiro nos barracóns de Riazor (tratamento químico das mostras e illamento das sustancias por cromatografía) co emprego dos aparellos, entón novos e exclusivos, instalados en Santiago: identificación dos produtos illados mediante resonancia magnética, espectrometría de masas, HPLC (cromatografía de alta presión hoxe moito máis habitual nos laboratorios), etc. Anos de moito tren e Castromil.
A tese trataba sobre diversos esterois (o colesterol é un deles, pero hai moitos máis como por exemplo o codisterol, fucosterol, ostreasterol,…) presentes en algas e invertebrados mariños das nosas costas: entre outras, algas como Codium tomentosum (ou ‘alga percebe’) e invertebrados como mexillóns e varios tipos de anémonas (Anemonia sulcata, Actinia equina, Aitapsia mutabilis,…). Incluía, ademais, a identificación de peróxidos esteroidais, metabolitos intermedios que se forman no proceso de eliminación dos esterois no organismo; en concreto, investigábase un paso da ruta metabólica do colesterol nas actinias empregando un trazador: basicamente, inxectando colesterol marcado cun átomo de carbono-14 en exemplares vivos e analizando, despois, a que compostos se incorporan os átomos radioactivos.
Zeltia xa se convertera nos 80-90 nun gran grupo empresarial formado por diversas e especializadas filiais: Sylentis, Zelnova, Genomica, Zendal, etc., e o mesmo ano en que presentei a tese (1986), aparecía PharmaMar, biofarmacéutica especializada en antitumorais mariños.
Naquel entón, Emilio Quiñoá, un compañeiro que no 1998 sería un novo catedrático de Q. Orgánica na USC, traballaba no illamento e identificación de terpenos haloxenados e peróxidos esteroidais nunha ascidia, Aplysia punctata, outro invertebrado das nosas costas.
Zeltia xa se convertera daquela nun gran grupo empresarial formado por diversas e especializadas filiais: Sylentis, Zelnova, Genomica, Zendal, etc.; e o mesmo ano en que presentei a tese (1986), aparecía PharmaMar, biofarmacéutica especializada en antitumorais mariños. Precisamente, esta filial obtivo un dos seus grandes éxitos co illamento e identificación da trabectedina, un alcaloide moi útil en determinados sarcomas, procedente dunha ascidia propia do Caribe (Ecteinascidia turbinata). Axiña lle seguirían outros análogos como a plitidepsina (co nome comercial de Aplidina), etc.
Como é habitual, na busca de produtos deste tipo en seres vivos é preciso recoller varios quilogramos de mostra para obter, ao final do proceso, apenas miligramos dunha substancia pura ou dunha mestura de compostos moi parecidos, a identificar en grupo. E o mesmo ocorre na síntese de compostos orgánicos complexos; un exemplo famoso: cando no 1954, R. Woodward sintetizou a estricnina (alcaloide sobre o que traballara Calvet), era preciso unha longa secuencia de 29 reaccións, unha tras outra, cunha eficacia moi baixa (para obter 1 g dese produto, o total de reactivos empregados superaba os 110 kg).
Lamento auto-referencias persoais no intento de ofrecer un testemuño próximo, pero a idea é que este relato tamén poda amosar a importancia, por unha banda, da investigación básica e, por outra, de coidar a biodiversidade e aproveitar as posibilidades que, en diferentes campos (como en farmacoloxía), nos ofrecen as incontábeis estruturas químicas presentes na Natureza.
A modo de epílogo: tras varios éxitos no mundo dos antitumorais, PhamaMar medrou nos mercados ata o punto de que, no 2015, realiza unha fusión inversa coa súa matriz de orixe (Zeltia), absorbe todas as filiais (agás algunha que é vendida) e comeza a cotizar en Bolsa. E pouco tempo despois traslada a súa sede a Madrid. En Galicia quedou unha antiga filial, Zelnova Zeltia, que comercializa insecticidas e produtos de coidado persoal (o famoso ZZ) e do fogar.
Como dixo Antonio Machado: ‘Todo pasa y todo queda, pero lo nuestro es pasar,…’