O legado do Papa Francisco contra a crise climática

Morreu o papa Francisco. E quero lembrar del, algunhas cuestións que dixo acerca da crise climática.

Empezarei dicindo que o 18 de xuño de 2015, o papa Francisco publicou Laudato sí, unha encíclica papal que é como unha circular que se envía a todos os católicos do mundo, dedicada por completo a cuestións ecolóxicas, que influíu e supuxo unha lombeirada ás negociacións climáticas internacionais, ao aprobarse ese ano o Acordo de París -o 15 de decembro de 2015-, que rexe na actualidade os esforzos internacionais para combater o cambio climático, aínda que non se vén cumprindo. No devandito documento, ao longo de 184 páxinas, conecta por primeira vez a loita contra o cambio climático coa necesidade da xustiza social.

Oito anos despois, o papa Francisco volveu falar do cambio climático en Laudate Deum (2023) ante a ausencia da acción climática, aínda que nesa ocasión utilizou o termo crise climática no que elevou o ton cara aos seus causantes, as empresas do sector dos combustibles fósiles, e tamén foi moi crítico coa resposta que os Gobernos e os diferentes cumes climáticos estaban a dar a este problema global, o maior desafío que ten a humanidade na actualidade. “A transición que se necesita, cara a enerxías limpas como as enerxías renovables, abandonando os combustibles fósiles, non ten a velocidade necesaria”, sinalou.

Da primeira encíclica do papa Francisco que se difundiu en xuño de 2015, até tempos máis recentes a mensaxe de Bergoglio é moi diferente en relación cos chamados cumes climáticos, xa que as que se celebraron posteriormente foron máis ben un fracaso. Concretamente, o papa Francisco lembra no seu texto que, ante o cume climático a celebrar en Dubai (Emiratos Árabes Unidos) que tivo lugar do 30 de novembro ao 12 de decembro de 2023 -a 28ª Conferencia das Partes da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático- á que estivo a piques de acudir, veu dicir que se trata dun país “que se caracteriza por ser un gran exportador de enerxías fósiles”, e advirte de que “as empresas de gas e petróleo ambicionan novos proxectos alí para ampliar máis aínda a produción”.

Da exhortación apostólica do papa Francisco, destacaría como principais cuestións o seu posicionamento contra o negacionismo climático.

Da exhortación apostólica do papa Francisco, destacaría como principais cuestións o seu posicionamento contra o negacionismo climático. Bertoglio vén dicir que “por máis que se pretendan negar, esconder, disimular ou relativizar, os signos do cambio climático están aí. Ninguén pode ignorar fenómenos extremos, períodos frecuentes de calor inusual, seca e outros queixumes da terra. É verdade que non cabe atribuír cada catástrofe ao cambio climático global. Con todo, si é verificable que determinados cambios no clima provocados pola humanidade aumentan notablemente a probabilidade de fenómenos extremos. Nos últimos anos non faltaron persoas que pretenderon burlarse desta constatación. Mencionan supostos datos cientificamente sólidos, como o feito de que o planeta sempre tivo e terá períodos de arrefriado e de quecemento”.

Tamén veu dicir que “xa non se pode dubidar da orixe humana do cambio climático”. Vexamos por que, di. “A concentración de gases de efecto invernadoiro na atmosfera, que por ese efecto provocan o quecemento da terra, mantívose estable até o século XIX, por baixo das 300 partes por millón en volume. Pero a mediados dese século, en coincidencia co desenvolvemento industrial, comezaron a crecer as emisións. Mentres escribía Laudato sí alcanzouse o máximo da historia -400 partes por millón- até chegar o pasado febreiro de 2025 a 427,70 ppm (partes por millón). Este valor é a media diaria máis recente, segundo Earth’s CO2. A concentración de CO2 na atmosfera foi aumentando a un ritmo de aproximadamente 2 ppm por ano, e esta taxa de aumento está a acelerarse.

O Papa Francisco refírese tamén “á responsabilidade do modelo económico”, sinalando que “a lóxica do máximo beneficio co menor custo, disfrazada de racionalidade, de progreso e de promesas ilusorias, volve imposible calquera sincera preocupación pola casa común e calquera inquietude por promover aos descartados da sociedade. Nos últimos anos podemos advertir que, aparvados e extasiados fronte ás promesas de tantos falsos profetas, ás veces os mesmos pobres caen no engano dun mundo que non se constrúe para eles”.

E vén considerar a Occidente, como un “modelo irresponsable” chamado a cambiar. “Se consideramos que as emisións per cápita en Estados Unidos son ao redor do dobre das dun habitante de China e preto de sete veces máis respecto da media dos países máis pobres, podemos afirmar que un cambio xeneralizado no estilo de vida irresponsable ligado ao modelo occidental tería un impacto significativo a longo prazo. Así, xunto coas indispensables decisións políticas, estariamos na senda do coidado mutuo”.

A loita contra o cambio climático depende de decisións políticas e dunha sociedade internacional concienciada e mobilizada, e se hai alguén con autoridade, como é o papa Francisco, que foi o máximo responsable dunha tradición relixiosa milenaria na que se recoñecen centos de millóns de persoas, falando da crise climática e nos termos en que o fixo, é algo moi importante e positivo.