Un destes días outonizos finou Xosé Antonio Iglesias. Foise discreto como el era e tamén como o home sen paradura merecente da nomeada amical de O Fugas.
Fugouse esta vez sen necesidade do Dyane 6 que lle servía para andar sempre con presa alá nos anos setenta que tanto lle deron que facer, así na freguesía do Carme de Abaixo onde exercía de párroco, como no aparato da UPG (amoreaba a propaganda clandestina en San Martiño Pinario) ou axudando a organizar as Comisións Labregas. Logo marchou para Nicaragua onde acompañou a loita de labregos de alén mar en cooperativa sandinista e, tras anos de entrega misionaria, volveu á rúa das Hortas compostelá e á conversa cos amigos dantes.
A última vez que o vin foi na costa que sobe desde Sanclemente a Rodrigo de Padrón cando, sen fartarse de alento, me informou dunha doenza cabaluda. Algo lle comentei sobre o consolo divino porque, aínda que non son crente, acórdame de ler no Diario íntimo da doenza final, escrito por Moncho Valcarce, o que lle dixo ao crego das Encrobas certo compañeiro ateo estando nas cadeas de Franco: Sorte tes de poder agarrarte a algo para aturar todo isto!
Onde se nos fugou o Fugas? Á célula fría da que fala Ferrín e á que van os mortos do noso partido?Penso que foi ao encontro do único galego que sabemos seguro que está no ceo. Sabémolo polo Dante que sitúa no seu Paraíso (cantoX) ao noso escritor en latín da Gallaecia Paulo Orosio, discípulo de Santo Agostiño e autor de Historiae adversus paganus, citado polo Alighieri como avvocato de ´tempi cristiani.
Por certo que o funeral celebrado en San Frutuoso presidiuno o bispo de Santiago Francisco José Prieto, dicindo a misa en perfecto galego como lle acaecía ao defunto. Da outra igrexa á que pertenceu (a galeguista) non había tanta xente, porque non era un icone mediático rodeado de cámaras de tv e de políticos en campaña e tamén porque, nestas cousas rituais, a igrexa milenaria de Roma leva sempre moita vantaxe.
Pola miña parte, aínda que xa non pertenzo a ningunha das confesións que Xosé Antonio serviu con fe inquebrantable, ocórreseme anotar aquí o Salmo 23, a máis belida oración fúnebre que coñezo, aprendida en centos de filmes americanos:
Aínda que camiño por escura barronca
non teño medo porque Tu vés comigo,
o teu caxato dame esperanza.
Seguín o peón do ben e unha traza fiel
cada día da miña vida
e vivirei na casa de Deus por sempre.
Adeus, Fugas, compañeiriño!




